Anímate a facer vídeos en galego!

A pasada semana acudiron ao noso centro varias persoas para difundir e animar a participar nos certames que organiza, ou coorganiza, o Concello de Ames. Trátase do III Certame de Galetiktokers e mais do Concurso Youtubeir@s.

O primeiro deles está organizado polas áreas de Mocidade e Normalización Lingüística do noso concello. Nel poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos de calquera concello, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira para a rapazada de 13 a 16 anos, e a segunda para quen teña de 17 anos en diante. Vanse dar seis premios de 300 euros, catro decidiraos un xurado de especialistas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, e dous serán escollidos polo público, que votará cun 'gústame' os vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames).

O martes pasado, a tiktoker Sara Seco estivo no noso centro explicando nos grupos de 3º e 4º ESO en que consistía a actividade, e mais animando o alumando a facer os seus vídeos de tiktok en galego.

 

Lembrade que tendes ata o 21 deste mes de outubro para presentarvos.

O segundo dos certames, o xa tradicional Youtubeir@s, que vai na sexta edición, tamén foi presentado no noso centro o pasado mércores 5. Nesta ocasión foron os youtubeiros Mario Brión (olaxonmario) e Nee Barros (Neeumático) os que lle falaron ao alumnado de 1º de bacharelato sobre a súa experiencia en Youtube animándoos a participar nestoutro certame.

 Tendes ata o 15 de novembro. Animádevos!