Este curso vén de botar a andar o proxecto de radio que se desenvolve desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e da Biblioteca do IES do Milladoiro, proxecto que comezou o curso pasado, pero que non se puido concretar en ningún programa, porque a pandemia non deixou gravar. Mais agora, coas medidas de seguridade pertinentes, arranca o primeiro dos varios programas deseñados pola rapazada do EDLG: Remendando música. Pensouse este programa para dar a coñecer a música que se fai en galego e, en especial, a música feita por mulleres. Este primeiro programa empeza forte, cunha entrevista a Guadi Galego coa primicia do seu novo disco, Costuras. Sara Rey, Alba Sueiro e Lucía Romar, alumnas de 2º ESO e xa formantes do Equipo de Dinamización desde o curso pasado, foron as encargadas de presentar e entrevistar á artista, ao tempo que pincharon cancións do seu novo disco, que vén de presentarse este pasado venres 20, pero que Guadi lles adiantou en exclusiva. |
|||