"Recreos coa lingua": programa de voluntariado lingüístico

Durante o trimestre pasado puxemos en funcionamento o programa de voluntariado lingüístico "Recreos coa lingua" no que alumnado galegofalante, ou bilingüe cun bo dominio do galego oral, vaille axudar ao alumnado que chega de fóra de Galicia a aprender a nosa lingua, ademais de aspectos da nosa cultura. Aínda que este programa se deseñou nun principio para o alumnado acabado de chegar ao centro e á nosa comunidade, acordouse que aquel que acode ao programa de inmersión lingüística en varias sesións lectivas á semana tamén acolla a rapazada que leva anos vivindo aquí, ou mesmo naceu no Milladoiro, pero non ten un dominio da lingua galega oral acorde co seu nivel.

O pasado 20 de decembro fixemos a presentación oficial do programa no estreado "punto de encontro", lugar onde as persoas voluntarias e mais as que queren aprender se van xuntar no recreo que previamente acordaron unha vez cada semana. Cada participante ten un carné no que se vai poñer un carimbo cada recreo que participe na actividade.

 

As normas do voluntariado son as seguintes:

a.       Xuntámonos no punto de encontro no día e no recreo acordados.

b.       Pode haber opción de mudar o día, tras acordo entre as partes. Se se muda con carácter definitivo cómpre comunicalo ao profesorado do ENDL.

c.       Débese avisar a/o compañeira/o se se sabe que no día asignado non se vai poder asistir.

d.       As persoas que actúan como voluntarias axudantes só poden falar en galego durante todo o recreo, e as persoas aprendices tentarán ir incorporando esta lingua conforme avance o curso.

e.       Os temas de conversa acordaranse entre as partes e deben quedar rexistrados nas tarxetas tanto de axudantes como de aprendices.

f.        Ao rematar a sesión do “recreo coa lingua” cómpre que cada persoa leve o carné ao “Espazo EDLG” para poñerlle un carimbo.