O venres 6 de abril tivo lugar, na Biblioteca do centro, unha xornada de fomento do espírito emprendedor. Estivo dirixida ao alumnado de cuarto de ESO e de primeiro de bacharelato e organizada polos departamentos de Economía e Orientación. Estas xornadas forman parte do programa de actividades dirixido ao alumnado dos centros educativos da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. A charla foi impartida por Sandra Becerra, responsable de proxectos de innovación na Cámara de Santiago. Explicou como se xeran as ideas empresariais, como se estuda a súa viabilidade ou cales son os erros máis comúns que se cometen ao emprender; todo partindo de exemplos de emprendemento real no ámbito do cooperativismo e economía social. Tamén informou do asesoramento con que a Cámara axuda á creación de empresas. Os obxectivos destas xornadas divulgativas son fomentar os valores empresariais e informar da opción do autoemprego como unha alternativa laboral viable, xa que, mesmo en épocas de crise, se poden crear empresas de éxito e impulsar os valores cooperativos e vinculados á economía social. |
|||