Normalización Lingüística
Safari fotopoético. Letras Galegas
Poden participar todos os alumnos e alumnas do IES Francisco Aguiar. Ábrese igualmente a toda comunidade escolar que desexe participar, nais-pais, persoal docente e non docente, ex-alumnos e ex-alumnas.
- Poden participar todos os alumnos e alumnas do IES Francisco Aguiar. Ábrese igualmente a toda comunidade escolar que desexe participar, nais-pais, persoal docente e non docente, ex-alumnos e ex-alumnas.
- O Safari Fotopoético desenvolverase entre o 1 e o 15 de maio do presente ano 2015.
- As fotografías deberán ser orixinais e, preferentemente, relacionadas con Betanzos, o seu casco histórico e os seus ríos.
- As imaxes deben ilustrar algún verso ou idea das que acompañan a estas bases nesta pequena escolma poética.
- O texto do verso elexido debe aparecer integrado na propia imaxe.
- As imaxes a concurso poderán entregarse nun formato dos usados habitualmente en imaxe dixital (jepg, tiff...) en soporte pendrive ou CD na Biblioteca do IES Francisco Aguiar, ou ben enviarse ao correo electrónico da Biblioteca [bibliofranciscoaguiar@gmail.com].
- O premio consistirá nunha camiseta coa impresión da imaxe gañadora.
- O Xurado estará presidido por un representante do Equipo Directivo, dous profesores/as (un membro do Equipo da Biblioteca, e outro membro dos Departamentos de Lingua Galega ou Educación Plástica) e un alumno/a (designado pola Xunta de Delegados).
- Os premios entregaranse avaliando os traballos presentados, segundo os seguintes criterios:
- 50% pola calidade e orixinalidade da imaxe,
- 40% pola adaptación deo texto á imaxe elexida, e
- 10% polo enxeño e creatividade na inserción do texto.
24 de febreiro. Yincana para celebrar o Día de Rosalía
Ao abrir o buscador de internet esta mañá, tropezamos coa sorpresa de que na cabecera de Google (o doodle) conmemórase o 24 de febreiro, Día de Rosalía, cunha imaxe que ( por suposto incorporando a marca do buscador ) recorda a Rosalía e algún dos seus versos máis coñecidos.
O IES Francisco Aguiar coa animación do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística i en colaboración co Departamento de Normalización do Concello de Betanzos , organiza unha actividade para conmemorar este día.
Trátase dunha "yincana" literaria (con esta grafía está recomendada pola RAE, non a recolle a RAG) consistente nun conxunto de probas de destreza, inxenio e coñecemento sobre esta insigne escritora.
As dinámicas probas tiveron lugar no Polideportivo do Instituto nas dúas primeiras horas da mañá, e participaron nelas os grupos A e B de 1º BAC.
Homenaxe a Rosalía de Castro
Como cada ano, remata o mes de febreiro coa homenaxe que o Concello de Betanzos e a Asociación Cultural "Eira Vella" adican a Rosalía de Castro. Nesta ocasión será o venres 20 ás 19.30h. na Aula de Cultura "Xulio Cuns".
Como outros anos, o Instituto Francisco Aguiar, por medio do seu Equipo de Normalización de Dinamización Lingüística que dirixe o profesor Xan Munín, tamén participa nesta homenaxe.
Desta volta facémolo por doble vía. Por unha banda un grupo de alumnas de 1º BAC , Sara Parga, Icía Carro e Mar Nieves, participarán coa lectura de textos propios poñéndose na pel da homenaxeada: "se eu fose Rosalía...", "quixera ser Rosalía para...."
Por outra banda o nutrido grupo de cantantes (ejem) de 1º e 2º ESO que coordinan Mª José Pardo, Delfina Ruibal e Óscar García interpretarán a canción composta polo propio Óscar que leva por título "vivo en ti" ( que xa puidemos escoitar nesta web)
Chegou aos nosos oídos.... ex alumnas do Aguiar participan na campaña "Gústame o galego"
Chegou aos nosos oídos... que un par de ilustres ex-alumnas do Aguiar como Clara Veiga (parlanchina impenitente)ou Sara Buyo (trouleira profesional) veñen de participar e poñer o mellor dos seus sorrisos na campaña "Gústame o Galego" que promove a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística
Dende o Aguiar sumámonos á iniciativa. A nós tamén... GÚSTANOS O GALEGO.
Gústanos..., que nos digan "qrt m8" ;-),
...que nos pubs poñan música en galego,
...que che guste a miña lingua :-P,
...que non me traduzan o café con leite,
...@s bonec@s que falan galego,
...que o leite poña que é galego 100%,
…escoitar a Shin Chan ou a Scarlett Johansson, na tele ou no cine, falando en galego.
E A TI, QUE CHE GUSTA?
Vivo en ti (facemos cancións e as cantamos...pero non somos uns cantantes)
Pois xa vedes...no IES Francisco Aguiar hai a quen lle dá tempo a facer cancións... e a ensaialas.
Pero non, iso non quere dicir que sexamos uns cantantes.
Presentamos agora a versión subtitulada (a instancias do ilustre autor da letra ) do hit que está a arrasar na programación de todas as radio fórmulas.
!Con vostedes: "VIVO EN TI"!
V Día da Ciencia en Galego.
Contra a ditadura doutros idiomas no mundo da informática, contra o conformismo da maioría dos usuarios, a prol do uso do galego no hardware e no software... estase traballando nas Universidades galegas. Proxectos de traducion ao galego de software libre comoTrasno ; Scratch en galego(octopus)...
Pola nosa parte. O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Francisco Aguiar, que coordina Xan Munín, organiza para o vindeiro mércores 5 de novembro unha videoconferencia para conmemorar o V Día da Ciencia en Galego.
-
Título: A ciencia da programación de ordenadores (tamén en galego)
-
Relator: Manuel Caeiro Rodríguez. Doutor en Enxeñaría de Telecomunicación. Profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo. Responsable da rede TELGalicia sobre innovación educative e da aplicación. Páxinas web: http://www.edu-area.com e http://www-gist.det.uvigo.es/~mcaeiro/
-
Sinopse: introducirase a historia da programación de ordenadores desde un punto de vista moi básico e práctico, comezando pola orixe do algoritmo dos árabes, pasando por Ada Lovelace (Byron), e pasando logo a Alan Turing para chegar á estrutura dos ordenadores actuais e aos paradigmas de computación máis empregados. Introduciremos ferramentas nas que é moi doado programar, como Scratch e Squeak, para que poidades facer os vosos programas, tamén en galego.
-
Destinatarios: alumnado de Bacharelato de ciencias.
-
Data e hora: mércores 5 de novembro entre as 12:00h e as 13:00
Nº 7 da nosa Revista de Banda Deseñada: "ban-de"
Como cada ano, chega o novo número da nosa Revista de Banda Deseñada, neste caso o número 7.
Informacións técnicas, a obra de Sarela Lorenzo e suxestións do alumnado de 3º.
Chegou aos nosos oídos....Lidia Gómez presenta novela premiada
Chegou aos nosos oídos....que o mércores 20, ás 20 horas, presentarase na Libraría Biblos de Betanzos o 9º Premio Biblos-Casa Grande do Bachao de novela para menores de 25 anos, que na súa última edición gañou a betanceira e ex alumna do Aguiar, Lidia Gómez Martínez.
Boa ocasión para compartirmos con Lidia este momento tan especial e apoiar o lanzamento dunha xovencísima escritora que se fixo co galardón cando tiña só 19 anos. No acto estará arroupada pola anterior gañadora e membro do xurado que lle concedeu o premio, a pontevedresa Iria Morgade Valcárcel, autora de "Verbas no ar". Pero estarán presentes tamén moitos dos outros gañadores, algúns recoñecidos.
¡NORABOA!
IV Concurso de Creación Literaria das Letras Galegas. Concello de Betanzos
O pasado sábado 17 de maio, as 19 30 conmemorando o Día das Letras Galegas o Concello de Betanzos facía entrega no Cine Alfonsetti dos IV Premios á Creación Literaria.
Na categoría xuvenil. ESO, obtivo o primeiro premio:AMAIA TOMÉ TOMÉ do IES FRANCISCO AGUIAR e o accesit CLARA RODRÍGUEZ NÚÑEZ tamén do noso Instituto.
Na categoría xuvenil. Bacharelato e ciclos formativos, correspondeulle o accesit á nosa alumna de 2º BAC ICÍA RODRÍGUEZ ARIAS.
É todo un orgullo para o IES contar entre as súas alumnas con estas rapazas cheas de ilusión e talento. Gústanos pensar que todo isto ten que ver co talento personal, co indubidable compromiso coa lectura das familias e co labor do profesorado en xeral e das Linguas en particular do Vales e do Aguiar, estímulo sempre neste eido literario.
¡NORABOA para Amaia, Clara e Icía!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- seguinte ›
- última »