2º Bacharelato

Encontro con ex_parlamentarios. 29 de outubro de 2015

     O xoves 29 de outubro o alumnado de 2º BAC tivo a oportunidade de participar no IIIº Encontro con ex_parlamentarios do Parlamento de Galicia. A actividadedesenvolveuse no noso Salón de Actos entre as 13.15 e as 14.15 h.

     Logo das presentacións de rigor a cargo do Director José Manuel Montero,  os participantes asistiron á proxección dun breve vídeo sobre o Parlamento de Galica, o seu labor e instalacións. De seguido dous ex parlamentarios(finalmente o betanceiro Jaime Pita excusou a súa ausencia) contarannos a súa experiencia:  polo PSOE, o betanceiro Antolín Sánchez Presedo e polo BNG, Fernando Branco Parga. Como remate, o máis interesante para nós,  unha rolda de preguntas por parte do noso alumnado.

Velaquí a crónica en imaxes, as preguntas do alumnado, algunhas respostas:

Os nosos, premiados polo seu expediente académico

Premer na imaxe para acceder ao enlace do video da cerimonia.

Os nosos no minuto 1' 24"

Carmen López, Alejandro Costoya e Antonio González recibiron os premios do Programa A Ponte da USC polos seus estudos de bacharelato.

O pasado 30 de xuño tivo lugar a entrega de diplomas aos mellores expedientes do ano académico, presentado por Luis Hervella Torrón.

PARABÉNS!

 

 

Tres eran tres....dos mellores de Galicia

O pasado 29 de xuño o periódico "A Opinión" recollía a noticia de que "tres alumnos que  acabaron este ano o Bachillerato no Instituto Francisco Aguiar, de Betanzos, figuran entre os mellores estudantes de Galicia. Por ese motivo, o próximo martes [30 de xuño] asistirán a un acto que terá lugar no Auditorio de Galicia, en Compostela, no que a Universidade de Santiago rende homenaxe cada ano aos alumnos con mellores cualificacións no ensino medio.

Os estudantes que destacaron foron: Alejandro Costoya Sánchez, Antonio González López e Carmen López Sanmartín." (aos que,  logo do "tute" de estudo que se deron este ano, podedes ver na imaxe superior cun aspecto xa plenamente veraniego)

PARABÉNS, E BOA TARDE PARA OS TRES!

Selectividade 2015. ¡PLENO!

Nos discursos de graduación da última promoción de 2º BAC había unha coincidencia entre o profesorado en canto á calidade do alumnado que nos deixaba tanto a nivel humano como académico.

Houbo quen pensou que eran palabras máis ou menos protocolarias, algo que se dí sempre, e a todos... Pois nese eido académico hoxe, cos resultados da selectividade na man, temos que confirmar que non había nada de protocolo no dito.

¿Que podemos dicir? 

Pois que non cabemos de Satisfaction ao ver que o 100% dos 64 alumnos/as que o IES Francisco Aguiar presentou ás  Probas de Acceso á Universidade (PAAU ou selectividade) aprobou coa cualificacion de apto a fase xeral de ditas probas.

A falta dun estudo máis polo miúdo dos resultados podemos adiantar algunhas conclusións que sacamos da  cualificación resultante da combinación da nota de ditas probas PAAU coas cualificacións de Bacharelato:

  •   Case un 5% do alumnado (4,68%) acada unha nota maior que 9 nesta cualificación conxunta.
  •   Case 1 de cada catro alumnos acada unha nota superior a 8 (23,5%)
  •   Máis da metade dos alumnos/as presentados (o 55%) acada unha cualificación superior a 7
  •   Máis de 3 de cada catro alumnos (78,11%) acadan unha nota superior a 6
  •   O 21% acada unha nota por debaixo do 6

Por tanto, todos os nosos parabéns para esta rapazada que volveu deixar ben alto o prestixio do Aguiar

FELICES CO NÚMERO 13

Dis que o número 13 é un número de mala sorte, que Ángel Nieto só se atrevía a gabarse de gañar 12+1 títulos de motociclismo...pero desta volta, no Aguiar o número 13 fainos estar plenamente orgullosos. 

Remata o curso en 2º BAC. Facemos reconto, dende as oficinas da administración, e confirmamos unha sensación que tivemos sobre a promoción que se graduaba a finais de maio de 2015, a sensación de que foi un grupo excepcional. Excepcional no trato humano e tamén  nos resultados académicos.

Próximamente, no verán, convocaranse os Premios Extraordinarios de Bacharel. A eles só poden optar aqueles alumnos e alumnas que acadasen como nota media desta etapa educativa unha cualificación igual ou superior a 8.75 . No "Aguiar" hai este ano 13 posibles candidatos a este prestixioso galardón,  e un número similar que non chegan, por décimas, ao guarismo que fai de límite.

Por tal motivo dende esta páxina do IES Francisco Aguiar queremos dar o máis efusivo parabén sobre todo aos rapaces e rapazas;  ás familias nas que se foron xestando, dende o inicio, estes resultados;  áos mestres e mestras das escolas de primaria nas que aprenderon as primeiras letras, os primeiros números; aos profesores e profesoras dos centros de secundaria que os impulsaron a ler, a escribir, a potenciar a curiosidade científica, o afán por saber e coñecer; e como remate de toda esta singladura,  felícitamonos de que o "Aguiar" recollese todos estes labores recollendo a tan extraordinario alumnado nos dous anos de bacharel.

 

NOTAS SOBRE PROBAS SELECTIVIDADE 10,11,12 Xuño

 

NOTAS IMPORTANTES PARA O ALUMNADO QUE REALIZARÁ

AS PROBAS DE ACCESO Á UNIVERSIDADE (SELECTIVIDADE)

EN XUÑO 2015 (días 10,11 e 12)

 

TRANSPORTE:

 A empresa GILSANZ proporciona un autobús gratuito para ir aos exames ( só ida) :

 

    1. Sairá da porta do Instituto ás 8.00h. do mércores 10 de xuño (compre estar uns minutos antes para evitar retrasos ou mesmo perdas)
    2. É preciso anotarse previamente na secretaría do Instituto

 

 

 IMPRESCINDIBLE PARA PRESENTARSE AO EXAME

 

      1. As probas terán lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Campus Elviña. Comisión Delegada nº 6) Tno. 981167000 Extensión 2409
      2. O alumnado participante nas PAAU deberá acudir á presentación o primeiro día (10 de xuño) ás 9.00 h. e nas sucesivas probas con puntualidade á  hora convocada para o seu comezo.

      3. O alumnado deberá concorrer a cada un dos exames  provisto:

 

        • DNI ou pasaporte

        • Pluma ou bolígrafo de tinta azul ou negra

        • Material propio de materias como: Debuxo ( compás, escuadra...) ou Latín e Grego ( dicionarios)

 

NON ESTÁ PERMITIDA A ASISTENCIA AOS EXAMES CON TELÉFONOS MÓBILES NIN OUTROS DISPOSITIVOS ELECTRÓNICOS, AGAS CALCULADORAS NON PROGRAMABLES. O incumplimento desta norma poderá ser motivo de medida disciplinaria.

 

 

 

 

Graduación 2015.

O pasado 28 de maio cumprimos cunha tradición agardada polo alumnado de cada promoción no Aguiar, a festa da graduación ao remate de 2º de Bacharelato.

Agromábase nela un traballo de meses da comisión de alumnos e alumnas que traballaron por facela posible. A excelente idea de convidar a profesores que xa non estaban no Instituto (Tino, Alicia, Mª José Carral, Teresa Fraga...)Dos que prepararon intervencións para o acto: presentando (Xiana e Lucía) ou cos seus discursos (Marta, Alberto, Antonio e Sarela xunto aos profes' Carme e Francisco). A eles engadiremos os que ofreceron o seu talento artístico para completar con actuacións o acto: o nutrido grupo de 4º da ESO e 1º BAC dirixido por Blanca Bello, as Lanzalías, Carlos, Manuel, Alberto e Dani, Sara e Andrea, Iago e Lola.  Non esquecemos o traballo calado, pero efectivo, de Elvira, Lucía e José Manuel para deixar o polideportivo máis bonito que nunca. E por tras da cámara, Dani López.

 

Con puntualidade para_nada_británica comezamos a cerimonia. O noso polideportivo encheuse de xente, risas e últimas carreiras para que todo estivese á punto. A rapazada que se graduaba case de estrito uniforme: elas empoleiradas en altos andamios e máis guapas que nunca; eles cos pescozos apreixoados por garabatas e paxariñas de todas as cores posibles; elas e eles co mellor sorriso posto e a emoción nas facianas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Abrindo o acto un nutridísimo grupo de alumnos de 4º da ESO e 1º BAC, dirixido pola profesora Blanca Bello interpretaron un par de pezas que poderían dar pé a unha interpretación sobre o seu significado: The Final Countdown ( acorde co momento que viviamos) e Piratas do Caribe (seica acorde cos que se graduaban?Guiño

A conducción do acto estivo a cargo de "Fernández e Fernández" (Xiana e Lucía) que fixeron, na opinión de afinados expertos nestes actos, unha das mellores presentacións dos últimos tempos: axilidade, chispa, control dos tempos e momentos...

Foron elas as que deron paso á primeira intervención do acto, a do Director Xosé Manuel Montero, reclamandolle brevidade, concisión  e claridade. Difícil reto para un varón, recoñeceu, ...(tres cousas á vez) pero finalmente cumprido con éxito.

Esta introdución deu paso aos discursos. Como nunha metáfora da Galiza,  o Río e a Fraga uníronse na primeira intervención.  Alberto e Marta en representación do alumnado de Ciencias abriron cun discurso emotivo e repleto de recordos e anécdotas que fixo sorrir, rir a gargalladas e emocionarse por partes iguais (comprobadeo se queredes no seguinte enlace)

 

E non podíamos atopar mellor colofón a este discurso que a emoción e a potencia do grupo de cantareiras "Lanzalía" ás que presentamos nunha imaxe rindo a situación. Tanta foi a enerxía posta na actuación que a unha delas rachoulle completamente o pel da pandeireta.

Era o turno do alumnado de letras, representado por Sarela Rodríguez Doval e Antonio González, cun discurso denso e ben construido, cheo de referencias eruditas pero sabiamente compensadas con guiños cómplices a moitos profesores e profesoras, ás anécdotas do día a día destes anos. (enlace ao discurso)Colleron, de seguido, o testigo Carlos, Manu, Dani e Alberto, para estas lides despoxados de etiquetas , tratábase de facer jazz . E ben que nos fixeron disfrutar...e mover os pés. Memorable actuación.

O reto para os profesores que seguían coa súa intervención era manter o gran nivel dos discursos anteriores e, aínda máis, facelo "curto" . Pero, novamente, Carme Suárez e Francisco Rodríguez cumpliron as espectativas e deseñaron unha sentida "folla de rota" para os rapaces e rapazas que ingresaban na ilustre categoría de "ex" do Francisco Aguiar(enlace ao discurso)Prezámonos no Aguiar de ser unha comunidade acolledora, e por iso, na actuación que pechaba os discursos xuntábase unha alumna do Instituto, a contrabaixista Sara López, e outra que non o era, Andrea Colao ao piano e voz. Emocionante a súa actuación e gran acerto ao interpretar "Addicted to you".

Turno daquela para o momento central do acto, aquel  no que se facía entrega aos graduados e graduadas das orlas da promoción e das insignias do Instituto.

2º BAC A coa súa titora Carmen Casillas

2º BAC B coa súa titora Mª Jesús Suárez

2º BAC C coa súa titora Dominga Pérez

2º BAC D coa súa titora Elvira Charlín

Non era doado, logo de tal inundación de emocións, prestar atención a cousa que non fosen bicos e fotografías ...pero esa atención foi a que captaron Lola Mosquera e Iago Pena "marcandose" un baile por salsa que deixou impresionados a cantos alí nos atopabamos.

Quedaba a nosa derradeira posibilidade de aleccionar aos graduados e o fixémolo cun poema de Benedetti nas voces de Carlota, Fátima e Luis Gorrochategui:  "No te rindas"

E claro, somos fillos dos nosos tempos... así que a idea xurdíu e prendeu sen dificultade...¡ facer un "selfie" de todos os graduados/as !

¿Que podía faltar logo de todo isto? Fotos e máis fotos, bicos e máis bicos, os pinchos... e a cea final na Coruña (pero isa xa é unha historia que corresponde contala aos protagonistas)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Calendario de exames finais. 2º BAC. Curso 2014-2015

 Remataron as clases de 2º BAC e moitos/as chegan a unha semana crucial do curso.

Nela renderan conta, nos últimos exames, do traballo de todo un ano.

Aquí está o calendario oficial das ditas probas.

Premer na imaxe para acceder ao documento

 

¡SORTE!

A excursión de xeografía en imaxes

Unha vez máis con banda sonora "made_in_feita_na_casa": A Banda Sinfónica de Betanzos.

Saída didáctica de xeografía. Provincia de Lugo

     O Departamento de Ciencias Sociais. Xeografía e Historia,  por iniciativa da profesora de xeografía Teresa Bellón, organiza para o martes 7 de abril unha saída didáctica para coñecer o contorno xeográfico mediante a visita dalgúns puntos moi subliñables da xeografía de Galicia: o Pedregal no que nace o río Miño en Meira; a lagoa de Cospeito; Castropol coa desembocadura do río Eo ( fronteira oriental da Comunidade Autónoma);  e a praia das Catedrais.

     Acompañada tamén pola profesora Blanca Bello, Teresa Bellón guiará nesta visita de estudo a corenta rapaces e rapazas de 2º da BAC que cursan a materia de Xeografía de España. Esta prevista a saída ás 8.45 e o regreso ás 18 h....E desta volta o tempo semella que vai acompañar.

     Contando con que o alumnado actúe como reporteiro desta web, agardamos poder  ofrecer fermosas e signifícativas imaxes da viaxe.

Distribuir contido