Lingua Galega e Literatura
Traballos sobre sociolingüística galega de 4º de ESO (IV)
Rematamos cun par de traballos máis de Sociolingüística. En primeiro lugar, o traballo de Ángela Vila, Nerea Viqueira e Ían Sánchez, que indagaron nas Redes Sociais e móstrannos as reflexións sobre a lingua dos influencers Ángela Pego, Raúl Ben e Alba, quen fala orgullosa o seu fermoso galego occidental da Costa da Morte.
O grupo formado por Laura, Teresa e Sara Vázquez demostraron co seu traballo que o galego non é un impedimento para triunfar fóra: Sabela, Sadanza, Media Punta e Helena Lourenzo son artistas que luciron orgullosos lingua e cultura en diferentes concursos.
Traballos sobre sociolingüística galega de 4º de ESO (III)
Os seguintes traballos sobre Sociolingüística galega son, en primeiro lugar, o realizado por Javier Sánchez, Sofía Dos Santos e Sara Varela, que se informaron sobre o audiovisual galego e descubriron que incluso a plataforma Filmin ten un curruncho para o coñecido como “Novo cinema galego”.
E en segundo lugar, presentamos aquí o traballo feito por Iván Sanjurjo, Nerea Sandá e Yago Muíño, quen montaron este vídeo con grupos de música que lles gustaron e que inclúe tamén unha entrevista á artista Guadi Galego (ver foto), que reflexiona con eles sobre a delicada situación do galego no momento actual.
Traballos sobre sociolingüística galega de 4º de ESO (II)
Seguimos coa publicación na nosa páxina dos traballos de Sociolingüística realizados por alumnado de 4º da profesora Carmen Suárez.
O grupo formado por Roberto Gestal, Inés Ulloa e Patricia Mato, tamén de 4ºA, fixeron unha viaxe polo pop e o indi e falaron con Xiao Berlai.
No caso do grupo formado por Teo Feijoo e Antón Doporto, o seu traballo serviu para nos descubrir grupos de Rock, clásico e moderno, que quixeron compartir connosco. Os integrantes de Ruxe Ruxe explica por que cantan en galego.
Traballos sobre sociolingüística galega de 4º de ESO
Un estudo recente da RAG sobre o emprego e coñecemento do galego entre a mocidade sinala que só un 30% ten o galego como lingua habitual e que o 35% do alumnado castelán falante remata a ESO cunha escasa competencia oral e escrita nesta lingua.
Unha das razóns que se apuntan para esta distancia entre a xente nova e o galego é a carencia de contidos atractivos para eles na nosa lingua. As rapazas e rapaces de 4º da ESO desmontan esa idea con exemplos atopados nas redes sociais, no audiovisual e nos diferentes estilos musicais : rock, rap, trap, pop, indie, tradicional. Engaden nos seus traballos a participación de músicos e influencers que comparten con eles reflexións sobre a súa relación co galego e animan ao seu uso.
Iniciamos a publicación dos traballos realizados polo alumnado de 4º de ESO cun paseo polo pop, o rap e o trap en galego realizado por Jaime Carro, Ainhoa Crespo, Candela Lagares e Sergio Gayoso. Estes alumnos de 4º A conseguiron entrevistar ás integrantes de The Tetas bande De vacas.
No caso de Lucía Fernández e Fernando Gutiérrez, o seu traballo aborda o galego nas redes sociais, cunha entrevista á instagramer @unha_nova_paxarinha.
Nos vindeiros días publicaremos máis traballos de 4º de ESO sobre sociolingüística.
OBRADOIRO SOBRE XELA ARIAS
Enviado por belen o Mér, 12/05/2021 - 10:09Hoxe o alumnado de 1º de ESO participou nunha sesión de contacontos ilustrado . A actividade, a cargo do colectivo POLO CORREO DO VENTO, está baseada na súa publicación titulada Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias, pertencente á colección “Mulleres galegas” en Lela Edicións.
Carlos Taboada e Enrique Mauricio explicaron a biografía de Xela Arias acompañando o seu ameno relato con fermosas ilustracións . Remataron cun obradoiro de debuxo no que o alumnado fixo caricaturas da poeta nacida en Sarria.
Foi unha actividade moi interesante e proveitosa!
FAUNA MÁXICA / 1º ESO
Para ver as criaturas inventadas, preme nos nomes do seguinte índice:
|
Xela Arias: liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Contacontos ilustrado
Para celebrar o Día das Letras Galegas do ano 2021 "Correo polo Vento" (Carlos Taboada e Enrique Mauricio) virán ao instituto para realizar unha actividade de contacontos ilustrado, para os grupos de 1º A e 1º C de ESO.
A actividade quere dar a coñecer a figura da autora homenaxeada e está baseada no libro de Correo polo Vento sobre esta poeta, ilustrado por Tania Solla e editado por Lela Edicións.
Na actividade, Correo Polo Vento narra oralmente a biografía de Xela Arias. A narración acompáñase de música e por medio da ilustración, rematando cun obradoiro de debuxo no que se farán caricaturas da poeta nacida en Sarria.
O contacontos ilustrado divídese en tres bloques e desenvolve unha temática didáctica (neste caso, a vida de Xela Arias) de xeito lúdico.
Obradoiro de Escrita Creativa (2)
O día 21 de abril é a quenda de 1º D de Bacharelato: asistirán a un obradoiro de escrita narrativa, organizado polo Departamento de Dinamización Lingüística.
Obradoiro de Escrita Creativa
O vindeiro 19 de abril o grupo de 1º E de Bacharelato asistirá a un obradoiro de escrita creativa, organizada polo Departamento de Dinamización Lingüística.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »