Animación á lectura

HORA DE LER

23/10/2022 12:43
Europe/Andorra

 

 

 

O pasado luns 17 de outubro, día das escritoras, quedaban enriba da mesa os relatos de Lydia Davis e Lucía Berlin como suxestións de lectura.

Hoxe, 24 de outubro, día das bibliotecas, abrimos páxina coa ilustración da coruñesa Xulia Vicente para acompañar as propostas desta semana: a fulgurante secuencia de Irene Solà coa que comeza Canto yo y la montaña baila e un relato de Anxos Sumai.

 

 

 

 

   Unha biblioteca é un mapa do mundo onde cada individuo ten unha camisa mnemónica, chea de sutís trazos, códigos indescifrables, segredos para lubricar a alma, tónicos para a intelixencia e máquinas da mente con que nutrir a vesania. 
   Unha biblioteca é unha paisaxe, chea de harmonía, onde, en ocasións, as nubes non deixan ver o ceo, e unha floresta verde e luxuriante, inzada de perigos, que pon asombro e medo, o pánico estarrecedor e a atracción morbosa que infunde o caos.
   Unha biblioteca tamén é unha xerarquía, onde ningún individuo ten o mesmo valor, nin o mesmo peso, nin inspira o mesmo afecto ca outro. 
   Nunha biblioteca, o poeta, inspiradísimo, conversaba cos difuntos e escoitaba cos ollos os mortos, pois, ante todo, unha biblioteca é un sanctasanctórum onde toda metáfora ten asento, toda reverencia espazo, ocasión todo coñecemento, toda luz e toda sombra o seu momento. Hai, entre as pantasmas e saudades do tempo, deambulando entre vellos mamotretos e volumes estantarelados, un cativo de pelo roxo que lembra, cunha melancolía espesa como o mel de montaña, o arrecendo dunha biblioteca pública onde vivían Haddock e Tintín, Marsupilami, Jean Valjean, o último dos mohicanos, Asurancetúrix e a galaxia infinita da Enciclopedia Espasa. Acaso o cativo coceu o seu amor aos libros ao lume de merendas de pan de molete e chocolate duro, no mundo en branco e negro dun universo escaso e municipal, malia unidades de destino chamadas a máis grandes alcances.
   Unha biblioteca é, segundo se escoite, un coro de afinadas voces, nobres e sublimes, erguidas ao ceo como columnas de basalto, ou o pandemonio de milleiros de alaridos desgarrados, as voces do averno e do sufrimento. 
   Latexa nunha biblioteca o consello dos amigos, verdadeiros uns, prudentes e asisados, falsos e mentireiros outros, dobres como un espellismo. 
   Unha biblioteca vive espiritualmente, palpita e medra na medida do amor de quen a alimenta, como as plantas en maceta. Non existe armadura electrónica nin bastidor tecnolóxico capaces de conter tanta vida nin de alentar tanto sentimento, pois, tal que ocorre con todo o que é único, fermoso e imperfecto, unha biblioteca está chamada a desaparecer. Como os escravos no mundo antigo, tamén as bibliotecas se herdan e, tamén como os escravos, os seus individuos agardan unha manumisión que tal vez nunca chegue.
 

 

 

HORA DE LER

16/10/2022 11:52
Europe/Andorra

 

En Hooper meditations o prodixioso Richard Tuschman fotografía a actores e ambientes cos que recrea os lenzos do aclamado Edward Hooper.

Hoxe, día das escritoras, non costa moito pensar que esa veermiana luz estea a iluminar as liñas escritas por Lucia Berlin ou Lydia Davis.

HORA DE LER

08/10/2022 19:41
Europe/Andorra

 

Comezamos Hora de ler.

Para quen esquecera o seu libro na casa, quedan a disposición dos lectores os relatos de Medos Romero e Maggie O'Farrell.

...Porque cando lemos, desde as páxinas, arrolando polas mans que sosteñen o libro, xorden mundos que terminan por habitarnos.

HORA DE LER

19/06/2022 18:13
Europe/Andorra

 

 
 
Chegou o momento de explorar as outras moitas posibilidades que ofrecen os libros.

 

HORA DE LER

12/06/2022 19:10
Europe/Andorra

 

 

 

Chegamos cansos ao final do camiño, por iso convén atopar momentos de reparación da man das lecturas: unha antoloxía de microrrelatos e unha historia de Fran Alonso.

HORA DE LER

05/06/2022 19:41
Europe/Andorra
Días de primavera que, da man do salitre e do sol, anuncian a chegada do verán. 
E tamén, por que non... o inminente fin do curso.

HORA DE LER

29/05/2022 16:30
Europe/Andorra

 

 


O alumnado do IES Francisco Aguiar non pode comer nin beber nas aulas. 

Tamén é certo que son moi poucos os rapaces que, a esas idades, adoitan elixen beber café, té ou outras bebidas estimulantes en infusión  cando están a ler.

Feita esta puntualización, todos saben que un libro abre a porta a outro libro.

SAFARI FOTOPOÉTICO

O alumnado de 3º de ESO, dirixido polo seu profesor J.M. Rey Bao , realizou un safari fotográfico baseado nos poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas.   As fotografías xa enchen os corredores do instituto e con elas os versos de Florencio.

  

OBRADOIRO SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

 O alumnado de  1º e 2º  de ESO participou nunha sesión de contacontos ilustrado. A actividade, a cargo do colectivo   POLO CORREO DO VENTO , está baseada na súa publicación titulada De Valdeorras a México. Terra a Nosa! Pequena biografía de Florencio Delgado Gurriarán de Lela Edicións. Carlos Taboada e Enrique Mauricio explicaron a biografía do autor acompañando o seu eno relato  con fermosas ilustracións . Remataron cun obradoiro de debuxo no que o alumnado fixo caricaturas de Florencio Delgado Gurriarán .   

                          

HORA DE LER

22/05/2022 13:01
Europe/Andorra

 

 

 

O pasado xoves 18 de maio, por moito que fora esperable, sacudiunos a noticia coa que abrían as páxinas de cultura de todos os periódicos de España: o temperán falecemento de Domingo Villar.

No seu libro Amores o poeta latino Ovidio (43 a. C.- 17 d. C.) deixou escritas varias sentencias: carmina morte carent (verso 32): os versos nunca morren.

 

Ergo etiam cum me supremus adederit ignis, / vivam, parsque mei multa superstes erit. (versos 41-42): aínda cando o lume último me teña consumido / vivirei e unha boa parte de min seguirá existindo.

Sempre estará ocupando un lugar preferente na nosa memoria e no noso corazón a obra de Domingo Villar.

Distribuir contido