Curso 2019/20

Coidamos a nosa postura corporal

 

 

Hoxe, 14 de abril, comezamos o terceiro trimestre e debemos traballar dende a casa, polo que, imos pasar moitas horas diante do ordenador realizando tarefas, consultando material, realizando videoconferencias  co profesorado, cos nosos compañeiros e compañeiras, etc., por iso é fundamental que coidemos a nosa postura corporal se non queremos sufrir molestias físicas co paso dos días. E para iso, debemos  manter unha postura correcta diante do ordenador.

Deberemos conseguir a mínima carga para a nosa columna vertebral e poderémolo conseguir se intentamos corrixir a nosa postura.

Vamos alá cuns pequenos consellos que nos axudarán a protexer algunhas partes do noso corpo: 

 

COSTAS: ao sentarnos nunha cadeira preferiblemente alta, debemos apoiar as costas contra o respaldo, para manter a columna recta.

 

ANTEBRAZOS: deben estar a unha distancia do teclado duns 10 cm e apoiados ao bordo da mesa, cuxa altura preferible pode ser de 75 a 80 cm.

 

CERVICAIS: se temos que agachar a cabeza para ver a pantalla estaremos ante unha mala postura, na que a cabeza e o pescozo van resentirse. Para que isto non suceda debe manterse o nivel visual da pantalla á altura dos ollos. A distancia que debemos gardar da pantalla son 45 cm aproximadamente.


 

PEITO E OMBREIROS: deben estar nivelados sen que ao realizar a acción de teclear deban levantarse. Ademais de que as costas estean rectas, o peito e os ombreiros, deben permanecer rectos tamén.

 

 ORDENADOR XEONLLOS: deberán estar á mesma altura que a cadeira formando un ángulo recto. Regularemos a altura do asento para logralo.

 

PÉS: deberán estar sempre en contacto con chan ou nunha superficie; podemos empregar por exemplo un repousapés.

 

LEVÁNTATE e fai pausas activas cada pouco tempo: o ideal sería levantarnos da cadeira uns dous ou tres minutos por cada hora de traballo, aínda que é algo difícil. Toma un descanso e levántate sempre que poidas: vai ao baño, á cociña, a reencher a botella de auga, ..... Deste xeito non só eliminamos a rixidez muscular e favorecemos a oxixenación dos tecidos, senón que ademais ao volver sentarte volverás ser máis consciente da túa postura corporal.

 

Así mesmo para evitar a rixidez dos músculos podemos realizar uns discretos estiramentos e exercicios que nos van ser de axuda: 

 

MELLORAR A CIRCULACIÓN das túas pernas: ademais de levantarnos e camiñar un pouco, podemos realizar algúns exercicios que nos axuden a mellorar a circulación do noso tren inferior. Mentres estamos sentados na nosa cadeira podemos levantar lixeiramente un pé do chan e debuxar círculos no chan cara a un lado e cara ao outro.

Relaxar os teus ombreiros e reducir a tensión no pescozo: move os teus ombreiros de arriba cara abaixo e debuxando pequenos círculos con eles. Para mobilizar o pescozo, podemos facer xiros ao carón e a outro de forma pausada para non marearnos. Tamén podemos estirar a musculatura inclinando a nosa cabeza cara a un lado e colocando suavemente a man sobre a cabeza para exercer un pouco de presión.

 

MOBILIZAR A TÚA COLUMNA: sentado na cadeira realiza un par de xiros dinámicos a un lado e a outro, coma se intentases mirar cara a atrás mentres mantés as pernas cara adiante. Tamén podes flexionar a cadeira, inclinar o corpo cara adiante e intentar tocar as puntas dos teus pés: intenta ser consciente de como vas movendo cada un dos segmentos das túas costas cando subas e baixes.

 

Nestes momentos a adaptación ás circunstancias actuais é obrigatoria para que máis adiante non teñamos algunha lesión física (lumbalxias, protusións, hernias discais...) ou danemos o noso corpo. 

 

Vamos ver agora algunhas imaxes que nos poden axudar a saber cales son as posicións correctas das que non á hora de traballar: 

 

 

 

Nas nosas mans está que o noso corpo se adapte correctamente á súa nova forma de estudar e traballar. 

 

Coida a túa postura corporal!

 

AVISO IMPORTANTE: Traballo e comunicación co profesorado

Agardando novas instrucións de parte da Consellería, sinalar que continúan as actividades que se viñan desenvolvendo ata o de agora. Segundo o horario de cada grupo, o profesor/a que nese momento lle correspondese, estará dispoñible para entrar en contacto polo medio que establezan con calquera alumna ou alumno se así o desexase ou necesitase. Tamén poderán ser acordados entre o profesorado e o alumnado calquera outros momentos de comunicación.

 

Así mesmo, se queredes comunicarvos co departamento de orientación podedes mandar unha mensaxe pola aula virtual para concertar unha data e hora, deste xeito, dispoñeredes de atención individualizada para as vosas consultas ou dúbidas.  

 

Por último, informarvos que unha vez celebrada a xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, o mércores día 15 de abril, o xoves ou venres pode ser que haxa novas instrucións e así o faremos saber.

 

Un saúdo.

O Equipo Directivo.

 

Cruz Roja: Un rato para un garabato

Exercicio na casa durante o confinamento

Na situación actual que nos atopamos é importante marcar uns hábitos de exercicio dende a casa que nos permitan mellorar a nosa saúde. Deste xeito conseguiremos activar o noso corpo ante a inactividade prolongada que estamos vivindo. 

Xa sabedes: “mens sana in corpore sano.”

 

Ademais dos múltiples beneficios a nivel físico, a actividade deportiva proporciónanos vantaxes en saúde mental.  

 

Propoñémosche dedicar ao redor de 20 minutos durante o día para exercitar no recuncho de casa que che resulte de maior comodidade. A rutina baséase en 4 circuítos para alcanzar 4 obxectivos. Empezamos!

 

 INICIACIÓN – EQUILIBRIO 

 Se cambias o sedentarismo por realizar estes breves exercicios, o teu corpo notarao. Apoia as mans e os xeonllos no chan (se colocas unha esterilla ou toalla, mellor). Sube e baixa unha perna, co brazo contrario estirado, e mantén as costas rectas mentres o fas. Logo, cambia de perna e de brazo, facendo 20 repeticións con cada variante.

 

 

 

DEFINIR CORPO – SENTADILLA A UNHA PERNA 

Non necesitas pesas para desenvolver a musculatura. Ponte de pé cos brazos en extensión. Levanta un pé, flexiona o xeonllo contrario e baixa tanto como poidas, mantendo as costas rectas, sen que o pé levantado toque o chan. 

Repite 5 veces con cada lado.

 

 

 

GAÑAR FORZA – FLEXIÓNS

Este exercicio axudarache a incrementar a forza nos brazos. Colócate en posición de facer flexións, coas mans apoiadas no chan e á altura dos ombreiros. Flexiona os brazos e baixa o peito ata tocar o chan, lentamente. Volve levantarte. 

Fai 10 repeticións.

 

 

 

 

QUEIMAR CALORÍAS – SALTOS JUMPING JACKS

Acabamos cun exercicio ideal para queimar calorías. Empeza de pé, cos brazos pegados ao corpo e as mans xuntas. Salta lixeiramente e separa as pernas á vez que abres os brazos. Dá un salto cara atrás para volver á posición inicial. 

Fai 15 repeticións. 

 

 

 

E finalizamos animándote a realizar estes exercicios cando queiras, xa que se poden levar a cabo sen gastar en equipamento, de forma individual ou colectiva. 

 

ACTIVA O TEU CORPO!!!

 

Quen se anima a mandar "osíxeno" durante o COVID-19?

Onte chegou ao departamento de orientación, a través do grupo de traballo do curso de postgrado de educación emocional, esta proposta que nos apetece compartir con todos vós e que o equipo docente do instituto vos anima a que participedes nela.

Desde o equipo de idecomunicacion creouse, sen ánimo de lucro, a plataforma yoatulado. com que nace por mor da complicada situación provocada pola crise do coronavirus. Está pensada para dar alento, non só ás persoas hospitalizadas senón tamén a todas aquelas que están en primeira liña da loita contra o COVID-19: Persoal sanitario, traballadores da limpeza, forzas de seguridade, traballadores dos supermercados, farmacias, os nosos maiores …

Desde "yoatulado. com" poderás:

- “enviar osíxeno” Escribir unha mensaxe a quen ti consideres que máis a necesita así como dicirlle o agradecido que te sentes polo seu esforzo e valentía. As túas palabras agora mesmo son unha bomba de osíxeno moi necesaria para estas persoas.

- “recibir osíxeno” Ler as mensaxes que moitas persoas quixeron compartir con todos os loitadores nesta difícil batalla que nos tocou vivir.

O noso osíxeno é máis necesario que nunca, por favor animarvos a enviar osíxeno e compartide esta iniciativa cos vos@s amig@s, familia....

Aquí vai o enlace para poder acceder:

http://yoatulado.com

 

Probas de acceso a grao medio. Listaxes provisionais de inscrición e exencións. Convocatoria 2020

Publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas e as listaxes de exención para as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Reclamacións contra a listaxe provisional. Mentres dure a situación derivada da pandemia por Covid-19, será posible presentar a reclamación a esta listaxe a través do correo electrónico probas.ciclos@edu.xunta.gal, con independencia de que con posterioridade se estableza o período de reclamación presencial nos centros de inscrición.

Será imprescindible facer referencia ao número de código de solicitude que figura debaixo do código de barras do resgardo da solicitude de probas de acceso de grao medio. Poderá xuntarse, en formato electrónico, canta documentación complementaria se considere necesaria. Quen presente reclamación por esta vía non precisará realizar ningún trámite posterior no centro de inscrición no prazo que se abra a tal efecto.

As persoas que solicitaron adaptación da proba, e facilitaron un correo electrónico válido na solicitude, recibiran unha comunicación individual da resolución de proba adaptada desde o correo probas.ciclos@edu.xunta.gal nos próximos días. No caso de non recibir a devandita comunicación poderán solicitala no teléfono 881 99 74 08. Para este fin deberán ter a man o resgardo de solicitude xa que lle pode ser requirida información da mesma, incluíndo o código de solicitude que figura debaixo do código de barras.

Probas de acceso a grao superior. Aprazamento da celebración da proba. Convocatoria 2020

Debido á situación provocada pola pandemia causada polo Covid-19 as probas de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional prevista para o día 23 de abril vense aprazadas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. 

A páxina de FP anuncia que, proximamente en función da evolución da pandemia, publicaran un novo calendario de probas de acceso.

 

Encontros Virtuais da USC

Como sabedes, debido á crise polo coronavirus, non é posible celebrar os Encontros no Campus de Lugo nin a Mostra da USC "A USC CAMIÑA", previstos para os vindeiros xoves e venres desta semana ao que tiñamos pensado acudir.

Por iso, e a pesar da situación de confinamento na que nos encontramos, dende o Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC están a organizar os “Encontros Virtuais” da USC.

Nestes encontros estarán recollidas todas as titulacións de grao da USC, cunha participación máis ampla das titulacións do Campus de Lugo que ían ser presentadas nas xornadas supendidas.

Os “Encontros Virtuais” da USC terán lugar en pleno confinamento a vindeira semana, os días 6, 7 e 8 de abril (luns, martes e mércores de Semana Santa), a través da Web da USC.

Esta páxina Web estará dispoñible dende o sábado, día 4 de abril, no enderezo web:

A través desta páxina encontraredes:

  • Presentacións das titulacións
  • Obradoiros, Retos, etc.
  • Opinión de alumnos/as sobre a titulación
  • Pílulas relacionadas coa titulación
  • Concursos
  • A posibilidade de interactuar por VIDEOCONFERENCIA cos/as responsables da titulación para aclarar as súas dúbidas. Na ligazón de cada titulación vos indicarán os horarios de cada unha das videoconferencias.

É unha boa oportunidade para vós así que non a deixedes pasar e animaros a participar neste evento, xa que é vital para o voso futuro universitario

Calquera dúbida comunicaros co departamento de orientación. 

 

ESPAZO ABALAR

 AVISO IMPORTANTE:

 

Debido ás novas medidas adoptadas a causa do estado de alarma polo Goberno, é posible que non se poidan enviar os boletíns de notas por correo postal. 

Comunicado acerca da 2ª avaliación

 1.- Avaliacións do 2º trimestre, curso 2019/20.

O 27 de marzo, no Portal da Dirección na páxina web da Consellería de Educación saíu a seguinte información:

INSTRUCIÓNS DO 27 DE MARZO, DIRIXIDAS ÁS DIRECCIÓNS DOS CENTROS EDUCATIVOS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO SOBRE A CONCRECIÓN DE MEDIDAS A ADOPTAR EN RELACIÓN COA AVALIACIÓN DO SEGUNDO TRIMESTRE.

……….

En virtude das disposicións anteriores dítanse as seguintes instrucións: 

1. A efectos de dar continuidade no calendario escolar, os centros educativos procederán a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre. Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, disporá as medidas precisas para a súa formalización, na medida do posible, antes do 3 de abril. 

2. Non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma. En consecuencia, aqueles centros que non teñan formalizado o peche da avaliación do segundo trimestre procederán a formalizalo co traballo desenvolvido ata dita data. 

3. No caso das ensinanzas de formación profesional de grao medio e grao superior na avaliación parcial de módulos do segundo curso no réxime ordinario o equipo docente tomará as decisións de acceso do alumnado á FCT e, nos ciclos de grado superior o módulo de proxecto.

2.- Indicacións:

1. Todo o profesorado deberá avaliar ao seu alumnado en todas as materias que imparta cos instrumentos de avaliación utilizados no período do 8 de xaneiro ata o 13 de marzo (cualificacións da avaliación continua realizada ao longo do período, e segundo os instrumentos de cualificación recollidos nas respectivas programacións).

2. Todo o alumnado deberá ser cualificado, non existe a posibilidade de non cualificar. 

3.- O 31 de marzo todas as cualificacións estarán introducidas no XADE. 

4. O 2 de abril revisaranse e pecharanse todas as actas desde secretaría. Imprímense os boletíns de notas, e, coas observacións correspondentes, envíanse por correo postal ás familias.

Estas instrucións poden ter modificacións, puntualizacións que serán debidamente informadas de ser preciso.

A DIRECCIÓN

 

Palas de Rei, 27 de marzo de 2020

Distribuir contido