Coidamos a nosa postura corporal

 

 

Hoxe, 14 de abril, comezamos o terceiro trimestre e debemos traballar dende a casa, polo que, imos pasar moitas horas diante do ordenador realizando tarefas, consultando material, realizando videoconferencias  co profesorado, cos nosos compañeiros e compañeiras, etc., por iso é fundamental que coidemos a nosa postura corporal se non queremos sufrir molestias físicas co paso dos días. E para iso, debemos  manter unha postura correcta diante do ordenador.

Deberemos conseguir a mínima carga para a nosa columna vertebral e poderémolo conseguir se intentamos corrixir a nosa postura.

Vamos alá cuns pequenos consellos que nos axudarán a protexer algunhas partes do noso corpo: 

 

COSTAS: ao sentarnos nunha cadeira preferiblemente alta, debemos apoiar as costas contra o respaldo, para manter a columna recta.

 

ANTEBRAZOS: deben estar a unha distancia do teclado duns 10 cm e apoiados ao bordo da mesa, cuxa altura preferible pode ser de 75 a 80 cm.

 

CERVICAIS: se temos que agachar a cabeza para ver a pantalla estaremos ante unha mala postura, na que a cabeza e o pescozo van resentirse. Para que isto non suceda debe manterse o nivel visual da pantalla á altura dos ollos. A distancia que debemos gardar da pantalla son 45 cm aproximadamente.


 

PEITO E OMBREIROS: deben estar nivelados sen que ao realizar a acción de teclear deban levantarse. Ademais de que as costas estean rectas, o peito e os ombreiros, deben permanecer rectos tamén.

 

 ORDENADOR XEONLLOS: deberán estar á mesma altura que a cadeira formando un ángulo recto. Regularemos a altura do asento para logralo.

 

PÉS: deberán estar sempre en contacto con chan ou nunha superficie; podemos empregar por exemplo un repousapés.

 

LEVÁNTATE e fai pausas activas cada pouco tempo: o ideal sería levantarnos da cadeira uns dous ou tres minutos por cada hora de traballo, aínda que é algo difícil. Toma un descanso e levántate sempre que poidas: vai ao baño, á cociña, a reencher a botella de auga, ..... Deste xeito non só eliminamos a rixidez muscular e favorecemos a oxixenación dos tecidos, senón que ademais ao volver sentarte volverás ser máis consciente da túa postura corporal.

 

Así mesmo para evitar a rixidez dos músculos podemos realizar uns discretos estiramentos e exercicios que nos van ser de axuda: 

 

MELLORAR A CIRCULACIÓN das túas pernas: ademais de levantarnos e camiñar un pouco, podemos realizar algúns exercicios que nos axuden a mellorar a circulación do noso tren inferior. Mentres estamos sentados na nosa cadeira podemos levantar lixeiramente un pé do chan e debuxar círculos no chan cara a un lado e cara ao outro.

Relaxar os teus ombreiros e reducir a tensión no pescozo: move os teus ombreiros de arriba cara abaixo e debuxando pequenos círculos con eles. Para mobilizar o pescozo, podemos facer xiros ao carón e a outro de forma pausada para non marearnos. Tamén podemos estirar a musculatura inclinando a nosa cabeza cara a un lado e colocando suavemente a man sobre a cabeza para exercer un pouco de presión.

 

MOBILIZAR A TÚA COLUMNA: sentado na cadeira realiza un par de xiros dinámicos a un lado e a outro, coma se intentases mirar cara a atrás mentres mantés as pernas cara adiante. Tamén podes flexionar a cadeira, inclinar o corpo cara adiante e intentar tocar as puntas dos teus pés: intenta ser consciente de como vas movendo cada un dos segmentos das túas costas cando subas e baixes.

 

Nestes momentos a adaptación ás circunstancias actuais é obrigatoria para que máis adiante non teñamos algunha lesión física (lumbalxias, protusións, hernias discais...) ou danemos o noso corpo. 

 

Vamos ver agora algunhas imaxes que nos poden axudar a saber cales son as posicións correctas das que non á hora de traballar: 

 

 

 

Nas nosas mans está que o noso corpo se adapte correctamente á súa nova forma de estudar e traballar. 

 

Coida a túa postura corporal!