Skip to Content

Experimento con resortes amortiguados

Na sesión do 16 de maio, o alumnado do STEMBach levou a cabo a toma de datos correspondente ao estudo do movemento de resortes amortiguados.

Dispuñan de diferentes tipos e tamaños de resortes. A amortiguación levouse a cabo mergullando os resortes para a súa oscilación en auga.

Para a captura de datos utilizouse un sensor de infravermello que medía a distancia dun punto fixo (no soporte) ata unha placa de referencia que oscilaba solidariamente co resorte. Estes datos eran enviados a un PC e rexistrados nun arquivo, mentras que un programa específico permitía visualizar en tempo real a oscilación.

Resortes

Viaxe a Londres

Comezamos a viaxe de estudos a Londres o venres 10 de maio en Lavacolla. Sobre as 15h da tarde chegamos a Londres, ao Este: Whitechapel, xunto en fronte da famosa Whitechapel Gallery e á beira dunha mesquita ateigada en pleno Ramadán. Aproveitamos esa tarde camiñando pola City de Londres e por espazos senlleiros da cidade como a London Tower, Tower Bridge ou St. Kaharine Docks. Animados pola boa tarde atravesamos o Támesis e baixamos pola banda de Southwark Cathedral, Borough Market e The Globe ata a Tate e, por suposto, ata o London Eye desde o que apreciamos o Big Ben en obras.

Ao día seguinte dirixímonos cara a plataforma 9 e 3/4 de King's Cross St Pancrass. Vaia fila para arrebolar a bufanda! Dende aquí iniciamos a nosa primeira viaxe en metro: a liña negra ata Camdem Town onde pasamos parte do día; a outra parte do día recorrendo as famosas Oxford St., Regent's St. ou Piccadilly.

Conmemoración do Día Internacional da Luz

O alumnado do IES Arcebispo Xelmírez II asistiu o 15 de maio ao acto conmemorativo do Día Internacional da Luz, para o cal Santiago foi elixido como sede o acto en España. Organizado por profesorado do departamento de Física Aplicada da USC, a través dun comité presidido por María Teresa Flores, e integrado tamén polos tamén profesores Carmen Bao e Justo Arines, e a estudante de doutoramento María Aymerich.

Día internacional da luz

Fai eco do lóxico

O conselleiro do Medio Rural, José González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participaron nun acto celebrado no noso centro dentro do programa escolar Fai eco do lóxico, este programa promove hábitos de vida saudables e o consumo de produtos ecolóxicos entre os máis novos, explicando os seus beneficios tanto para a saúde como para o medio ambiente.

Listados provisionais. Axudas para realización de actividades de formación en Linguas Estranxeiras

Con data de hoxe (13/05/2019) aparecen publicadas as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e suplente para acceder as axudas para a realización de actividades de formación en Linguas Estranxeiras. 

Enlace á páxina.

Viaxe ao CERN

Entre o 6 e o 10 de maio o alumnado STEMBach, acompañado polos profesores do centro Rosa Quintela e Moisés Iglesias, realizou unha viaxe didáctica a Xenebra co motivo principal de visitar as instalacións do CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear).

A actividade central da viaxe consistiu nunha visita guiada polas instalacións deste centro, auténtica referencia mundial na investigación de física de partículas. Tiveron ademais a ocasión de contactar con algún dos investigadores galegos que participan en proxectos de investigación en colaboración co CERN.

Esta viaxe completouse con numerosas actividades culturais.

CERN

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Visita á biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia

O alumnado de 1.º ESO visitou a biblioteca de Facultade de Xeografía e Historia da USC, ademais realizaron un traballo nos laboratorios de arqueoloxía.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Conferencia “As eleccións en Roma”

O día 8 de maio a profesora Ana Suárez (Facultade de Historia da USC) impartiu a conferencia  “As eleccións en Roma” na que realizou un achegamento ás maxistraturas republicanas romanas a través das fontes literarias e arqueolóxicas.

Aliméntate Ben. Materia Física e Química

Na materia de Física e Química  e Ciencias Aplicadas  para a actividade profesional, os alumnos  identificaron biomoléculas  dos alimentos, e despois analizaron a súa dieta en función das biomoléculas que consumiron  durante un período de tempo, despois comparárona coa dieta recomendada pola OMS.

Coa información obtida  elaboraron táboas de resultados e gráficos  que expuxeron nuns traballos para o resto dos compañeiros.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Intercambio cun centro de Moscova

03/05/2019

Dez estudantes do colexio Miguel Hernández, de Moscova, coas profesoras Zhanna Vershinina e Tatiana Baliabina, realizan un intercambio con alumnado e docentes do IES Xelmírez II, que lles visitaron o mes pasado. Onte recibíronlles no Concello e no Parlamento de Galicia, onde fixeron de cicerones os profesores Manuel Amor e Amancio Pampín; visitaron o Gaiás e realizaron un tramo do Camiño. Xa estiveron na Casa Museo de Rosalía, en Padrón; e na de Manuel Antonio, en Rianxo; hoxe teñen programado un concerto didáctico con música tradicional galega a cargo de Pablo Carpinteiro no propio centro.

Ler a nova en La Voz de Galicia

Un ano máis no Correlingua

O pasado luns 6 de maio participamos un ano máis no Correlingua en Santiago de Compostela. Desta o alumnado de 1ESO elaborou a súa pancarta co lema "O galego é a fórmula" coa que paseou, fachendoso, polas rúas compostelás. A ver se o noso berro foi oído.

Correlingua

Aliméntate Ben. Materia Inglés

A materia de Inglés, dende o grupo de 2.ºESO A/B, traballamos cos conceptos de comida san e comida non prexudicial para a saúde. Clasificamos alimentos en categorías, traballamos con listas da compra e coa pirámide alimentaria (a cal etiquetamos en inglés e está exposta no corredor da biblioteca)

Traballamos cuns vídeos de Jamie Oliver e a súa campaña Food Revolution e mesmo bailamos/medio cantamos a canción composta por Ed Sheeran para esta campaña.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Música e evolución: Rosa Sánchez e Pablo Carpintero

O pasado 3 de maio, e grazas á colaboración da Fundación Paideia, tivemos a sorte de ter no noso centro a dous dos músicos e investigadores da nosa tradición musical que gozan de maior relevo: Rosa Sánchez e Pablo Carpintero. Cargados de instrumentos e músicas fixéronnos unha exposición maxistral sobre a nosa música e tradición ante a atenta mirada e oído do noso alumnado e mais do alumnado do Instituto Español Miguel Hernández de Moscova, de intercambio no centro. Aquí vos deixamos un pequeno resumo.

Visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento- Enerxías alternativas

O alumnado de 3.º de ESO visitou o día 30 de abril, acompañados polos profesores José Antonio Ferreira e Luis Sáez, o Parque Eólico Experimental Sotavento. Durante a visita realizaron distintas actividades:

  • Aula divulgativa (Enerxías renovables e non renovables)
  • Sala de eficiencia enerxética / Zona solar
  • Visita Vivenda Bioclimática Demostrativa
  • Visita aos aeroxeradores

Para rematar a visita o persoal do parque agasallounos cun chocolate feito nunha cociña solar.

Sotavento

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Aliméntate Ben. Materia Matemáticas

Na área de Matemáticas os alumnos "despois de repasar os principais grupos de alimentos e as súas propiedades, nunha ficha os rapaces atopan as recomendacións da OMS sobre das proporcións de cada tipo de alimento na alimentación dos adolescentes, e nunha listaxe aparecen unha variedade de alimentos e os seus aportes principais.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

A primeira parte da tarefa consiste en apuntar no cadro superior a merenda que toman nun dos recreos, e desglosar os aportes en gramos e porcentaxes da cantidade diaria recomendada.

Distribuir contido


by Dr. Radut