Skip to Content

Viaxe a Londres

Comezamos a viaxe de estudos a Londres o venres 10 de maio en Lavacolla. Sobre as 15h da tarde chegamos a Londres, ao Este: Whitechapel, xunto en fronte da famosa Whitechapel Gallery e á beira dunha mesquita ateigada en pleno Ramadán. Aproveitamos esa tarde camiñando pola City de Londres e por espazos senlleiros da cidade como a London Tower, Tower Bridge ou St. Kaharine Docks. Animados pola boa tarde atravesamos o Támesis e baixamos pola banda de Southwark Cathedral, Borough Market e The Globe ata a Tate e, por suposto, ata o London Eye desde o que apreciamos o Big Ben en obras.

Ao día seguinte dirixímonos cara a plataforma 9 e 3/4 de King's Cross St Pancrass. Vaia fila para arrebolar a bufanda! Dende aquí iniciamos a nosa primeira viaxe en metro: a liña negra ata Camdem Town onde pasamos parte do día; a outra parte do día recorrendo as famosas Oxford St., Regent's St. ou Piccadilly.

O domingo 12 foi o día do British Museum, foi o día de ver actuacións de rúa en Covent Garden, de visitar a Ópera, de "voar" sobre o Támesis no teleférico de Greenwich e de navegar o río ata Embankment.

 

O luns 13 vimos Londres dende moi moi arriba: dende o Sky Garden. E tamén vimos o cambio de garda en Buckingham Palace. E escoitamos un concerto en St.Martin on the Fields antes xusto de pasar a tarde na National Gallery intentando superar varios retos dentro do Museo.


E o martes 14 tocounos o oeste de Londres: o Museo de Historia Natural, o Museo da Ciencia, Harrods e Notting Hill. Neste barrio, na rúa de Portobello, visitamos o IE Cañada Blanch onde se estuda galego dende o 1992.


E o mércores 15 tan só vimos amencer en Londres pois era o día de regreso.

 Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos


page_ppp | by Dr. Radut