Educación física, Física e química, Lengua Castellana y Literatura, Matemáticas, Orientación, Historia, Tecnoloxía, Lingua e Literatura Galega, Música, Plástica, Ciencias da Natureza, Informática, Cultura Clásica, Bioloxia
Neste ano académico iniciamos esta actividade no 2º curso da ESO. A idea proporcionouna a profesora de tecnoloxía e, sen pensar moito, dado que neste curso os alumnos non teñen plástica, decidín comezar esta aventura sen coñecer que resultado daría e se funcionaría, pois é o grupo máis numeroso que temos hoxe, ademais de moi diverso.
O primeiro foi idear como facelo atractivo, fácil e, á vez, útil para a vida, pois iso de subir un baixo ou coser un botón cómpre en calquera momento, e non é cousa de tirar unha peza de roupa por estes pequenos incidentes que se nos presentan, ás veces no momento máis inoportuno.
Empezamos, pois, por mercar tea de estopa, agullas de la, das que parecen estadullos, e mesmamente la de cores; tamén merquei fío de dalia de cores variadas. Cortei anaquiños de tamaño folio e empezamos a faena, ganduxando a tea para que non esfiañara. Despois marcamos un debuxo e cosémolo con punto de máquina e, voilá, quedou bastante ben; algúns regularciños, pero o segundo xa foi moito mellor. Entón era cuestión de ir afinando algo a tea, encollendo as agullas e o fío e ós máis hábiles irlles cambiando o punto, e agora xa están facendo uns traballos de ole.
Os botóns aínda non os cosemos, porque as primeiras agullas eran tan grandes que non entraban no burato, pero agora xa si e en calquera momento poñémonos a iso.
A miña valoración é moi positiva e a deles, segundo o que me contan, tamén. Mesmo os doutros cursos din: ¡que ben o pasan cosendo!
Deixo tamén a testemuña gráfica do que fan mentres cosen: xúntanse en grupos e falan das súas cousas.
Velaquí un primeiro exemplo do proxecto CONTO CONTIGO. Alumnado da ESO que, no marco dunha unidade didáctica que desenvolve as Competencias Básicas, realizan unha lectra dramatizada para o alumnado de Educación Infantil do centro. Trátase da Galiña Roxa, conto editado por Kalandraka, que Andrea, Alba, Carlota e Yuli poñen en escena utilizando recursos teatrais e poñendo en práctica a súa Competencia Lingüística diante dun público ben esixente. A actividade levouse a cabo o día da muller, 8 de marzo de 2013. O conto foi escollido por contar a historia dunha galiña traballadora e ao mesmo tempo nai, que se esforza por levar adiante as súas tarefas a pesares da pouca colaboración dos outros animais.
Aquí tedes o blog de aula de Bioloxía e Ciencias Naturais onde o alumnado de ESO e a profesora Conchi publican os seus artigos. Atoparedes todo tipo de información sobre traballos escolares e contidos que amplían información sobre o traballado na aula.
O pasado trimestre, os alumnos de segundo de ESO de Tecnoloxía traballaron o tema da madeira, e como práctica, algúns deles fixeron uns bonitos suxeitalibros para a biblioteca. Outros decidiron construir outros obxectos, como unha caseta para paxaros, unha casiña para a coballa , e incluso caixas para altofalantes.
En todos os casos, encargáronse do deseño, construción e acabado. Aquí podedes ver algunhas fotos do seu traballo. SON UNS ARTISTAS!
Trátase dun proxecto piloto para o curso 2012-2013 proposto polo seminario “As compentencias básicas como eixo vertebrador do proceso comunicativo”. Os alumnos de educación secundaria, preferentemente de 2º ESO de forma voluntaria farán unha lectura dramatizada de contos aos alumnos de infantil e primaria. Durante 15-20 minutos lerán contos en galego e castelán. A actividade levarase a cabo os mércores, xoves ou venres de 16:00 a 16-30 horas, durante o recreo de mediodía dos alumnos de secundaria e coincidindo coa hora de ler dos de infantil e primaria unha vez ao mes, coincidindo con algunha celebración escolar. O calendario é o seguinte: Xoves 14 febreiro San Valentín Conto contigo para o amor Literatura de temática amorosa (cartas, poemas, contos...) Venres 8 de marzo Día da muller Conto contigo para a igualdade Contos para a igualdade Mércores 24 de abril Semana do día do libro Conto contigo para ler Clásicos universais Xoves 16 de maio Día das letras galegas O galego conta contigo Clásicos galegos 5 de xuño Día do medio ambiente O planeta conta contigo Contos de temática ambiental