A Revista da Tarde, programa da TVG emitido o luns 17 de decembro recolleu a nova da publicación do noso libro Cántame e Cóntame Avoa. Na noticia podedes escoitar aos profes e aos alumnos falando e tamén ao señor Eladio de Confurco abraiado coa repercusión mediática das súas cantigas. Picade directamente no minuto 19:37
Remata o mes de maio e queremos compartir con vós esta gravación de coplas. A tradición dos maios ten moito arraigo na nosa provincia, e consiste na elaboración dunha construcción, artística ou tradicional, con madeira, tela de saco e todo tipo de ornamentos naturais, como flores, carrabouxos, toxos, carqueixa, xesta, etc. Ao redor dela, e ás veces no seu interior, nenos e maiores cantan unhas coplas que sempre levan a mesma melodía e teñen letras que fan referencia a acontecementos do ano. A TVG contactou connosco para gravar en vídeo aos nenos cantando e emitilo nun especial o 25 de xullo de 2012, adicado ás letras galegas. As coplas están escritas no curso 2011/2012 polo alumnado de 4º de primaria: Mª José, Mª Jesús, Abraham, Yoel, Saleta, Tania, Rubén e Hugo.
Os intérpretes e cursos son: 1º: Nuria, María e Aitiana, 2º: Óscar, Nerea e Valeria, 3º: Sara, Alicia e Rocío, 4º: Andrea, Carla e Alejandro, 5º: Celia, Mª José e Yoel e 6º: Alejandro, Nieves, Carlota e Andrea.
Pero que instrumento é este! Que sona como un violín pero non ten arco. Que ten teclas pero non é un acordeón. Que ten unha manivela que lle permite facer sons loooongos. Tan antigo e tan moderno ao mesmo tempo. É a zanfona!
A zanfona pode ser tradicional e tamén moderna. Aquí tedes a Anxo Pintos, mestre zanfonista e músico de Berroguetto. Tocando unha moderna zanfona e usando pedais como se fose un guitarrista.
Amancio Prada, o músico do Bierzo, toca un romance cunha zanfona francesa.
Aquí outro virtuoso da zanfona, Germán Diaz, que amplía ao máximo os límites sonoros do instrumento. Por algo lle chaman o Jimi Hendrix da zanfona.
Ás veces tamén podemos atopalas en orquestra, como no caso de SondeSeu, a orquestra de música tradicional de Vigo.
Dádelle ao play e ides lendo mentras escoitades. Porque non se pode perder un segundo sen presenciar esta marabilla de dúo para violín e viola.
Cóntovos que tocan dous grandes monstros da corda fretada. Tan virtuosos como amigos o un do outro. Itzhak Perlman ao violín e Pinchas Zukerman á viola. Acadan a perfección executando estas variacións de Johan Halvorsen sobre a suite nº7 en sol menor HWV 432 de Haendel.
E por se quedades con ganas aquí tedes outra versión tocada uns anos antes. Escollede cal é a que máis vos gusta.
E unha entrada máis, esta está adicada ás voces humanas. Estudiamos no terceiro ciclo as voces de home: tenor, barítono e baixo e máis as de muller: soprano, mezzosoprano e contralto. Tamén sabemos que cando canta só unha persoa chámaselle solista, dúo cando son dúas, trío 3 e cuarteto 4. Cando canta moita xente é un coro ou un orfeón cando é moitísima xente. Normalmente en coros e orfeóns as voces clasifícanse en sopranos, contraltos, tenores e baixos. Aquí tedes algúns exemplos.
Comezamos polo máis grande entre os grandes, Luciano Pavarotti. Esta non é das miñas favoritas, pero sen dúbida das máis coñecidas del e das que captan máis a atención dos alumnos, sobre todo polo seu final.
Agora unha auténtica exhibición de Luciana Serra na famosísima Raíña da Noite da ópera de Mozart a Frauta Máxica. Os momento máis recoñecible está a partires do minuto 6 do vídeo, pero para gozar realmente da técnica desta sublime soprano non vos perdades o minuto 4.
No seguinte dúo pódese desfrutar do magnífico empaste de voces entre unha mezzosoprano e unha soprano. Unha peza tamén moi coñecida, o Dúo das Flores de Lakme de Delibes.
Imos falar de coros. De coros numerosos e cantando ben forte, que parece é o que lle gusta aos nosos nenos. Que vos parece o Carmina Burana de Carl Orff. Poñede o vídeo a partir do minuto 1. E bos planos do coro cantando a partir do minuto 2. Neste vídeo tamén hai bos pizzicatos de vilolín, timbais, gong e uns cambios moi ilustrativos de pianos e fortes súbitos. A partir do minuto 4:10, no Fortune Plango Vulnera podemos escoitar as voces masculinas do coro.
A Frauta Máxica é unha sublíme ópera de Mozart. Perfecta para achegarse a este xénero tan controvertido entre os alumnos. Hai que perderlle o medo e aquí tedes un bo xeito de comezar: Xogando cos instrumentos.
Semella que vén a neve, non si?... Ademais, o Nadal está preto. Aquí tedes unha audición propia destas datas. O compositor Leroy Anderson compuxo esta peza musical titulada "Paseo en zorra". Unha zorra é un vehículo típico nos países onde a neve é moi frecuente.... Non é unha raposa!
A ver se adiviñades que tres instrumentos musicais tentan imitar outros tres que se empregan neste tipo de vehículos. Dous escóitanse ao principio e outro, no medio da audición.
Podedes escoitar 3 versións para comparar e comprobar que un mesmo tema pode dar moito de si... Ademais os vídeos están moi ben!
Versión 1: Esta fermosa versión para piano de Emile Pandolfi, cun son puro e limpo...
Versión 2: Unha versión na voz de Harry Connick Jr. con acompañamento estilo big-band anos cincuenta...
Versión 3: Outra versión cantada, esta vez, por unha das mellores voces femininas do jazz, Ella Fitzgerald:
Xa me diredes á volta de Nadal que versión vos gustou máis... ou quizais preferides a orixinal... Falaremos...!
Vivaldi compuxo catro concertos para violín e orquestra adicados ás catro estacións. O concerto en Fa maior describe un ambiente labrego festivo que celebran as boas colleitas.
A música tamén pode suxerir moitas outras cousas. Cada un pódelle poñer as imaxes que máis lle gusten. Aquí tedes como Isidro Vidal ilustra esta fermosa música: