Skip to Content

contador gratis para blog

Orientación

V Xornadas de Orientación Académica e Laboral

O Departamento de Orientación do C.P.I. Virxe da Saleta, en colaboración cos Concellos de San Cristovo de Cea e de Piñor organiza un ano máis, e xa van cinco, as Xornadas de Orientación Académica e Profesional, destinadas ao alumnado da E.S.O. e aos seus pais.

A primeira xornada será xoves 3 de abril ás 15:30 h., centrada no bacharelato e na universidade e contará coa participación dos seguintes relatores: Francisco José Fraga Civeira licenciado en Dereito e Alcalde de Piñor, José Villanueva Lamas médico pediatra, Mª Dolores Vázquez Meiriño licenciada en Administración e Dirección de Empresas e xestora de empresas en Nova Galicia Banco, Manuel Jesús Pérez Rodríguez arquitecto técnico e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, Borja Moral Urosa diplomado en Traballo Social e Licenciado en Psicopedagoxía e Esther Nogueira López Diplomada en Maxisterio e Profesora de adultos e Educadora do Concello de Piñor.

O segunda e derradeira xornada será o martes 8 de abril a partir das 15:30 h. e tratará sobre Formación Profesional e Mundo Laboral, coa participación dos seguintes relatores: Juan Manuel Muñoz Vázquez cociñeiro e xerente do Restaurante Ateneo, Ana Beatriz Doval Estévez Garda Civil de San Cristovo de Cea, Rosana Bernárdez Peña diplomada en Educación Social, Licenciada en Psicopedagoxía e xerente da Empresa Serviturcea. Jorge García Fernández xefe de Brigada da Xunta de Galicia, Ángel Otero Castro técnico en carrozaría e operario en Chapistería e Servicios Grúas Otero, Modesto Ramos Fernández técnico en Fontanería, Mantemento de Instalacións Térmicas e Instalador de gas, Empregado da empresa Ángel Ramos.

Ciclo de Cinema no CPI

No CPI Virxe da Saleta seguimos dando pasos cara adiante na construcción da nosa Comunidade de Aprendizaxe. Cremos que a implicación de todos os axentes que inflúen na educación é fundamental para acadar o éxito escolar e a igualdade educativa. Por iso é que poñemos en marcha proxectos como o I Ciclo de Cinema: Cinema e Educación. A partir deste venres día 7 proxectaremos unha película cada primeiro venres de mes (agás o venres 9 de maio xa que o 2 é ponte). Nesta primeira ocasión apostamos polo cinema que pon a educación, os seus retos e conflictos, en primeiro plano. Catro filmes de nacionalidade francesa cos que queremos fomentar o debate e a reflexión sobre os procesos educativos. Estades todas e todos convidados, vémonos este venres ás 20:00h na Biblioteca do centro, onde proxectaremos Ser y Tener do documentalista Nicolas Philibert do ano 2002.

O Mapa das Emocións

Un ano máis celebramos  o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Lembraredes que o ano pasado o noso leit motiv foi a Alegría. Cantamos aquela bonita canción de Sergio Tannus xuntos na entrada do colexio acompañados ao piano pola profe Anna Bosak. Nesta ocasión afondamos na mesma idea: a felicidade. A comunidade escolar do CPI Virxe da Saleta estamos convencidos de que a mellor maneira de convivir en paz os uns cos outros é estar felices. Querer e deixarnos querer. Sentir os afectos dos que nos rodean. Os coidados e os sentimentos son a chave para unha convivencia pacífica en sociedade. Na escola, na casa, no pobo, no país e no mundo. Só tecendo eses fíos que nos unen a unhas persoas coas outras seremos capaces de construir a paz. Por iso o traballo deste día é o #MapadasEmocións. Unha narración oral acompañada coa preciosa música de Ludovico Eunaldi onde o alumnado do centro conta que é aquelo que lles fai felices, que lles fai sentir ben, sentirse queridos polos demais. Agardamos que a súa escoita sirva de inspiración para todos. Sobre todo para os maiores, que nunca deixaremos de aprender das palabras sabias dos pequenos.

 

IV Xornadas de Orientación Académica e Profesional

O Departamento de Orientación do CPI Virxe da Saleta organiza as IV Xornadas de Orientación Académica e Profesional. Están convidados a asistir todo o alumnado da ESO e as súas familias. Terán lugar os vindeiros 9 e 10 de abril a partires das 15:30 na aula de música do CPI. A xornada do día 9 tratará sobre Formación Profesional e Mundo Laboral e contará coa participación dos seguintes relatores: D. José Manuel Torres González, propietario da funeraria Saleta e Seguros Mapfre; D.  Marcos Mosquera Otero, técnico Superior en Imaxe e Son e reporteiro da Sexta “España en directo”; Dna. Estefanía Hermida Hermida, CS Administrativo e actualmente estudante de Empresariais, exalumna do CPI Virxe da Saleta; Juan Manuel Muñoz Vázquez, cociñeiro do restaurante Ateneo e D. Diego Vázquez González, técnico en electromecánica do vehículo e propietario do taller Dilux.

A segunda xornada céntrase no Bacharelato e Universidade e nela participarán: Dna. Fátima Fernández Fernández, licenciada en Xornalismo e exalumna do CPI Virxe da Saleta; Dna. Lucía Rodríguez Rodríguez, Licenciada en Farmacia e Exalumna do CPI Virxe da Saleta; Dna. Maite Fernández Pérez, Diplomada en Traballo Social e Traballadora Social do Concello de Piñor; Dna. Lucía Formoso Ojea, Diplomada en Logopedia e Máster en intervención logopédica na infancia e na adolescencia, traballadora da unidade de atención temperá da comarca do Deza; D. Francisco Otero Janeiro, Licenciado en Arquitectura e Profesor de Educación Secundaria da especialidade de dibuxo no IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín; D. Antonio Nogueira Meije, Licenciado en Filoloxía clásica e Profesor Titular da Academia Postal e Dna. Anna Bosak, Licenciada en Español e Ciencias Políticas e Lectora de inglés no CPI Virxe da Saleta.

O CPI Virxe da Saleta multiplica a súa oferta educativa

Durante o vindeiro curso 2012- 2013, o CPI Virxe da Saleta aumenta a súa oferta formativa incorporando un novo Programa de Cualificación Profesional Inicial na Modalidade C. Terá un horario de luns a martes e prácticas de mércores a venres. Está destinado a alumnado entre 15 e 21 anos, sen o título de ESO ou doutro PCPI. Podes apuntarte en: Albanelaría, Arranxos Florais, Cociña, Comercio, Estética, Fontanería e Calefacción, Informática, Mantemento de Vehículos, Montaxe de Redes Eléctricas, Pastelaría, Peiteado, Repografía, Revestimentos de Obra, Servizos administrativos, Servizos de Restauración ou Hostelería.
Infórmate antes do día 12 de setembro no teléfono 988282169

III Xornadas de Orientación Laboral e Académica

XORNADAS DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL

Preparando o futuro

   Os pasados  días  10 e 12 de abril os alumnos e alumnas de secundaria asistimos durante dúas tardes a unhas charlas de orientación académica e profesional, nas que participaron  10 convidados e cada un deles foinos relatando a súa experiencia profesional.
    As xornadas foron .organizadas polo Departamento de Orientación  e a dirección  do noso centro coa colaboración dos concellos de Cea e Piñor.
    Na primeira tarde abordouse a formación profesional e o mundo laboral, do que dentro duns anos formaremos parte. Houbo dous relatos que me chamaron máis a atención. Un deles foi o dunha muller emigrante galega que se fora a México, pero xunto co seu marido e fillos voltou para a súa terra e decidiu abrir unha floraría. Comezou sen saber case nada, entón decidiu aprender indo a cursos. Esta muller comezou sabendo o imprescindible e agora é ela a que imparte cursos, aparte de atender a súa floraría. Iso si,  nin ela nin o seu home teñen vacacións dende hai 22 anos. Aparte coas  coroas dos defuntos nunca se sabe, como ben dixo ela: un nunca decide cando morrer.
    O outro relato que tamén me gustou foi  o de outra muller, que nos contou como a súa avoa comezara co restaurante, do que máis tarde se farían cargo a súa filla e no que na actualidade traballan os seus netos. Este é un dos negocios que tamén require moito traballo e responsabilidade.
Ter un negocio é algo moi difícil, xa que tes que ter un bo trato co cliente e darlle un bo servizo.
    O segundo día participaron persoas con carreira e algunhas ademais con oposición. Estas persoas faláronos dos seus estudos como: profesores, tradutora, psicóloga, enxeñeira agrónoma e funcionaria nun xulgado. Para facer a carreira que ti queiras antes hai que pasar por unha difícil e temida proba: o selectivo. Ese será o exame que determinará o que poderás estudar.
    Os relatores convidados coincidiron en que cando tiñan a nosa idade non sabían con claridade que querían estudar e algúns recoñeceron ir facer a carreira sen saber moi ben a que ían, pero todos nos recomendaron a experiencia da universidade. Tamén se falou algo sobre as oposición: algúns din que é coma outra carreira,  pois compites a nivel nacional ou autónomo por ser o mellor  e iso require moitas horas de estudo e sacrificio.
Os convidados dos dous días recomendáronnos facer o que nós quixésemos, pois é algo para toda a vida.
    Somos xoves é estamos indecisos ante o noso futuro, pero ano a ano iremos decidindo pouco a pouco que camiño elixir . Tomaremos boas decisións e noutras equivocarémonos, pero contaremos co apoio incondicional dos nosos pais , que nos deron a vida e nos proporcionarán un futuro.
A miña conclusión sobre estas charlas é que todo se consegue con esforzo, traballo e constancia. Estes son os ingredientes clave para que o día de mañá cada un consiga o que queira. Estanos chegando o momento de pelexar e alcanzar todas as metas que nos propoñamos.

                                                       Alba  Nóvoa Gil ( 3º de ESO)

Os alumnos e alumnas de Secundaria que asistiron ás xornadas  opinan:

    “ Todo o que nos contaron  os relatores foi moi interesante e provocou o noso interese e sobre todo unha reflexión: debemos loitar polo que soñamos aínda que ás veces nos pareza duro e nos sintamos incapaces de logralo. Penso que grazas a estas xornadas temos unha pequena axuda para poder ter unha idea  de como pode ser o noso futuro, tanto referido ao mundo laboral como ao paso pola universidade. Ademais debemos ter claro que persoas maiores ca nós, como son os nosos pais, seguramente non tiveron o privilexio de recibir estas charlas  nin toda esa información. Coido que somos moi afortunados”. ( Mª José, alumna de 4º de ESO).
    “ As charlas  servíronnos de gran axuda para ver as diferentes caras do mundo laboral e concienciarnos do que nos deparará o futuro ao rematar os estudos de Secundaria.  Todos debemos saber que a vida non é fácil, por iso temos que loitar para chegar ao cume máis alto, porque con esforzo non existen límites. (Alba , alumna de 4º de ESO)
    “Estas xornadas espertaron o meu afán de superación e o sentimento de querer estudar o que de verdade me gusta e acabarei agradecéndoo, aínda que  ás veces sinta ganas de deixalo.  Considero que somos moi afortunados por ter a oportunidade de coñecer a experiencia das persoas que participaron como relatores, para así  poder orientarnos e saber algo máis dos traballos e carreiras nos que estamos interesados”  (Lorena, alumna de 4º de ESO).

    “ As persoas que viñeron a estas xornadas dixéronnos que estudaramos o que nos gustara e que aproveitaramos moito estes anos, porque todo o que aprendamos agora faranos falta despois. Estou de acordo con iso  e penso que as xornadas estiveron ben, xa que coñecemos de primeira man as características de oficios dos que oiramos falar pero dos que nos sabiamos moito. Ademais tamén puidemos resolver preguntas e inquietudes que tiñamos sobre esas profesións” ( Lucía, alumna de 4º de ESO)
    “ Todos os rapaces e rapazas que oímos  as experiencias e historias que nos ontaron os relatores aprendemos que non podemos perder o tempo, xa que o estudar ou non  vai decidir o noso futuro. Os estudos que fagamos ninguén nolos pode sacar, sempre estarán aí. Se podemos e temos oportunidades, por que non aproveitalas?. (…)      Creo que estas charlas  deberían darse en todos os institutos. Son moi interesantes e pódennos abrir camiños”  (Loli, alumna  de 3º de ESO)
    “ O tempo que dedicamos ás xornadas foi realmente proveitoso para nós. Mergullámonos na experiencia e o traballo desas persoas e observamos posibles opcións para un futuro noso. (…) Todos nos transmitiron a mesma mensaxe: o máis importante  para ser o mellor en calquera oficio é  ter afán de superación e estudar moito”  (Antía, alumna de 3º de ESO)
    “ As charlas foron interesantes e aprendemos moito de  sobre como son os estudos que se poden realizar para ter unha profesión” (Jonathan, alumno de 3º de ESO).
    “ A min pareceume unha boa idea facer estas xornadas e quero que se repitan para o próximo curso” ( Christian , alumno de 3º de ESO).
    “Os Participantes dixéronnos que hai que intentar estudar algo que che guste, xa que vas traballar niso toda a vida e será máis fácil de levar. Tamén nos animaron a estudar moito xa que diso depende o noso futuro”. (Mauro, alumno de 4º de ESO)
    “Penso que as xornadas foron entretidas, divertidas e puidemos aprender nelas. Gustoume que asistisen os de 1º e 2º de ESO porque así xa van sabendo o esforzo que hai que facer  e son aconsellados para poder ter un futuro mellor” (Roberto, alumno de 4º de ESO)

III Xornadas de Orientación Académica e Profesional

 

O martes día 10 e o xoves 12 de abril terán lugar no centro as III Xornadas de Orientación Académica e Profesional dirixidas ao alumnado e familias da ESO. A partires das 15:00h na aula de música. Están organizadas polo departamento de Orientación en colaboración cos Concellos de Piñor e San Cristovo de Cea. Máis información.

hola

 

hola me llamo lo la nací en china de capuchina

 

Distribuir contido


by Dr. Radut