Skip to Content

contador gratis para blog

Música

O Xogo da Carrasquiña

Dende 1964 cada 30 de xaneiro os centros educativos veñen celebrando o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, (DENIP) coincidindo co aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Durante os días anteriores aproveitamos para falar ao noso alumnado da importancia dos valores que sustentan a nosa convivencia: o perdón, o pacifismo, o diálogo. E o propio día aproveitamos para celebrar con música e artes esta efeméride. Este 2014 a xornada rematou cun baile colectivo que simboliza a unión entre todos os membros da comunidade escolar. Escollemos unha danza cantada que fala de afectos, de cariños e de coidados, ao fío do noso proxecto O mapa das emocións. É un tema interpretado polo grupo Pesdelán titulado O Xogo da Carrasquiña, no seu disco Na Punta do Pé, publicado por Kalandraka. Aquí vos deixamos o vídeo para que xoguedes a atoparvos nel.

 

O Mapa das Emocións

Un ano máis celebramos  o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Lembraredes que o ano pasado o noso leit motiv foi a Alegría. Cantamos aquela bonita canción de Sergio Tannus xuntos na entrada do colexio acompañados ao piano pola profe Anna Bosak. Nesta ocasión afondamos na mesma idea: a felicidade. A comunidade escolar do CPI Virxe da Saleta estamos convencidos de que a mellor maneira de convivir en paz os uns cos outros é estar felices. Querer e deixarnos querer. Sentir os afectos dos que nos rodean. Os coidados e os sentimentos son a chave para unha convivencia pacífica en sociedade. Na escola, na casa, no pobo, no país e no mundo. Só tecendo eses fíos que nos unen a unhas persoas coas outras seremos capaces de construir a paz. Por iso o traballo deste día é o #MapadasEmocións. Unha narración oral acompañada coa preciosa música de Ludovico Eunaldi onde o alumnado do centro conta que é aquelo que lles fai felices, que lles fai sentir ben, sentirse queridos polos demais. Agardamos que a súa escoita sirva de inspiración para todos. Sobre todo para os maiores, que nunca deixaremos de aprender das palabras sabias dos pequenos.

 

Ande ande ande, o cole de Cea

Ande ande ande, o cole de Cea, ande ande ande que hoxe está de festa. Así remataron os nosos Cantos de Nadal 2013 todos xuntos, alumnado e profesorado cantando para despedir o 2013. Xuntámonos no ximnasio, que é un lugar con non moi boa acústica, para botar unhas panxoliñas. Pero non hai nada que non solucione o entusiasmo e o bo facer das nenas e nenos do cole. E así foron sonando: The First Noel, dos de sexto, Vinde ver o neno con quinto de primaria, Con un sombreiro de palla co alumnado de segundo ciclo, Tan tan os do primeiro e un repertorio variado interpretado polos de Infantil. Todo enlazado cunhas presentacións super divertidas dos de 4º da ESO. Entre elas o gran éxito do sketch do ano pasado: O Sacho Antón, que pronto poderedes ver no youtube. A foto ilustra exactamente ese momento no que Jota e Crespo interpretan esa teletenda tan disparatada.

Meu amor estoupa!

A nena e o Grilo nun Barquiño é un conto musical tan bonito que non lle gusta só aos pequenos. Os profes tamén imos cantando no autobús as cancións! Tivemos a oportunidade de que o noso amigo Magín Blanco nos convidase a subir con el ao escenario para acompañalo na derradeira canción do concerto. Como uns auténticos músicos encamiñámonos cara a escea e comezamos cantar o "Meu amooor estoupa, pooor deeentro da roupa..." E foivos unha experiencia ben linda, porque logo viñamos moi contentos de volta. Para inmortalizar este momento fixemos un vídeo. Así podemos lembralo para sempre e tamén que as mamás e o papás o poidan ver na casa.

 

Xa chegan as vacacións

A pesares de ser o primeiro día de verán, e derradeiro do curso escolar, isto non pinta moi ben no que ao tempo atmosférico se refire. Pero os ánimos están altos coa inminente chegada das vacacións, e como se fose un canto para chamar ao sol despedímonos de todos vós con este xogo rítmico de percusión corporal.

Rapeando a táboa do 6

Quen dixo que aprender as táboas era aburrido? Aquí tedes o noso rap da táboa do 6. Podedes cantalo na casa, descargalo e levalo no móbil ou no mp3. Incluso ir no coche aprendéndoa.

Grandoleando

Hoxe estivemos grandoleando cos nosos amigos Joao Afonso e Uxía no Auditorio de Ourense. Coñecedes a bonita historia desta canción? E o seu significado para a historia de Portugal?

Concurso: Adiviña o timbre escolar

CONCURSO: ADIVIÑA O TIMBRE ESCOLAR
- NOME DO AUTOR
- NOME DO INTÉRPRETE
- TÍTULO DA OBRA

Escribe aquí as respostas, deposítaas na furna da entrada do centro ou mándaas a ticscea@gmail.com cos teus datos persoais. A finais de febrero sortearemos 3 CDs entre todos os que acerten cada unha das preguntas.

Alegría

Alegría! Felicidade! Cando estamos coa nosa familia, cando xogamos cos amigos, cando rimos, cando bailamos, cando cantamos. Cando temos boa saúde. Cando a xente ao noso redor é feliz nós somos felices. Este foi o obxectivo principal da actividade celebrada este curso no noso centro o Día Escolar Pola Paz e a Non Violencia, unha reflexión colectiva de toda a comunidade educativa ao redor da nosa felicidade. E a manifestación artística consistiu na elaboración entre todos dun mural con origami onde compuxemos a palabra ALEGRÍA e a interpretación dunha canción chamada Alegría do compositor brasilego Sergio Tannus. Pronto estrearemos o videoclip, así que estade atentos nos vindeios días.

White Christmas

Distribuir contido


by Dr. Radut