Skip to Content

contador gratis para blog

Queremos ser o teu Cole!

COMO SOMOS

Somos o Cole de Cea un centro educativo innovador e aberto que aposta por un modelo de ensino que integra coñecementos, valores e destrezas en todos os ámbitos da vida persoal e social.

Nun entorno natural e con grupos reducidos que favorecen unha atención máis personalizada, especialmente das NEAE (Necesidades Específicas de Atención Educativa), e inclusiva cara un proceso de formación de persoas críticas, cooperativas, creativas e capaces de adaptarse a situacións novas.

No Cole de Cea levamos adiante unha práctica educativa que fomenta valores e actitudes que enriquecen as nosas relacións persoais tanto dentro da escolar como coa contorna.

AS NOSAS PRIORIDADES

A comunicación. Potenciar o desenvolvemento de todas as linguaxes: oral, escrita, musical, plástica, corporal e audiovisual.

A diversidade. De xeito directamente relacionado cos dereitos humanos: a coeducación, a educación para a paz e a interculturalidade.

A educación ambiental. Potenciar actitudes de respecto, reflexión e análise cara ao medio ambiente e de implicación no seu coidado e mellora.

A NOSA OFERTA EDUCATIVA

Somos un Centro Público Integrado: Infantil, Primaria e Secundaria. 

Contamos con amplas instalacións recentemente reformadas.

Ofrecemos servizo transporte escolar, comedor de xestión propia e acollida temperá con almorzos no cole. Contamos con aula de música, 2 aulas de informática, aula de inglés, laboratorio de ciencias, aula de plástica, aulas específicas de PT e AL e Departamento de Orientación, aula de tecnoloxía, ximnasio, pavillón e patio de infantil pechado con mobiliario específico e areeiro para os máis pequenos, ademais de 3 grandes zonas de patios. 

O QUE FACEMOS

Somos un cole lector grazas á nosa Biblioteca Ramón Caride, facemos e escoitamos radio con Radio Roxar, estamos orgullosos da nosa revista O Picurí, melloramos as nosas destrezas narrativas con Conto Contigo, somos unha fábrica de contos con Applícate o conto, impulsamos a nosa convivencia con Boas maneiras, facemos os deberes co medio con Reciclemos o noso futuro, tomamos consciencia da contorna con O Noso, abrazamos carballos nos nosos Baños de Bosque, somos unha escola titiriteira co proxecto Nas Nosas Mans, cultivamos alimentos e paciencia na nosa Horta Escolar, participamos en Olimpíadas Académicas de Historia ou Xeoloxía e en Rallyes Matemáticos, cantamos en Ourencanto e bailamos e trouleamos no Serán do Cole de Cea. No Samaín creamos Debuxos, Contos e Banda Deseñada; desenvolvemos as nosas capacidades STEM na Hora do Scratch. Neste curso 2020-2021 está en marcha o proxecto Coido de min – Coido de Tipara fomentar o coidado mútuo en tempos de pandemia. Somos moi de festivais, tanto no inverno como no entroido, e facemos deles unha nova oportunidade de aprendizaxe complementaria. E somos unha auténtica factoría cultural coas nosas producións audiovisuais e musicais.

E ademais de todo isto o alumnado do noso centro acada unha excelente preparación e grande porcentaxe de éxito en etapas posteriores: Bacharelato, ciclos de Grao Medio e Superior.

 



blog | by Dr. Radut