Skip to Content

contador gratis para blog

Manifesto polo Clima

 

Velaquí o manifesto polo clima elaborado polo alunado de 4º da ESO co gallo da celebración, o 27 de setembro en todo o mundo, da Semana polo Clima. Este manifesto toma prestados parágrafos do manifesto do Movemento Galego polo Clima.

Medran as plantas, os ríos se chove, os días no verao, os tomates da horta -ás veces-, a masa do pan...
Medramos tamén as crianzas.
E medraron tamén os que nos venderon aquilo que non precisabamos: cereixas no inverno,
casa fría no verao, coches, máis coches, un teléfono móbil cada ano, comidas exóticas no súper, roupa, moita roupa… e nada chegaba.
Algunhas empresas eran donas do mundo, do planeta enteiro. A custa dos pobos e do noso futuro. E iso, seica, era crecemento económico.
E os estudos científicos avisaron: dos gases efecto invernadoiro, do quecemento do planeta, do esgotamento de recursos, das consecuencias do modelo CONSUME, CONSUME; CONSUME!
De que a nosa supervivencia (a dos seres humanos) na Terra estaba en perigo.
E nada se fixo.
En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas.
Nas nosas rías hai actualmente milleiros de toneladas de auga máis, por iso nos afectan máis as mareas e tas tormentas. O crecemento do nivel do mar asociado ao aumento da temperatura fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.
Vemos ademais despropósitos ambientais que agravan a situación de emerxencia climática como os monocultivos de eucaliptos, políticas agrarias que favorecen a contaminación,
proxectos de megaminaría, contaminación por plásticos dos nosos territorios e alimentos…
Vémolo aquí, ao noso lado.
Por iso sumámonos á declaración de emerxencia climática e reclamamos o noso futuro.
Reclamamos tamén o compromiso dos gobernos e das escolas.
Porque queremos ver medrar a masa do pan e os días no verao.
Queremos futuro.



blog | by Dr. Radut