APRENDENDO
PARA UN
MUNDO MELLOR
CLUB DE LECTURA: SAÍDA CULTURAL A SANTIAGO DE COMPOSTELA
O 21 de marzo as alumnas e alumnos integrantes do club de lectura acompañados da coordinadora realizamos unha viaxe cultural a Santiago de Compostela.
Pola mañá percorremos acompañados dun guía o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), visita moi instrutiva que nos permitiu ver a evolución do mundo do ensino no último século. Contemplamos as reproducións exactas de diferentes aulas: a da Restauración, da República, do Franquismo, a escola de indianos e mesmo unha escola do “ferrado”. Sentamos nos pupitres que ben puidesen ser dos nosos avós, escribimos nunha” pizarra” individual e comprobamos como eran os libros, cadernos, tinteiros e plumas que antano se utilizaban.
Despois do xantar fomos ao Museo do Pobo Galego onde tiñamos concertada unha visita guiada ás salas de exposición permanente relacionadas coa música. Puidemos coñecer como a música nos acompaña sempre: nas diferentes etapas da vida humana, desde o berce ata a morte; nos traballos e no lecer; nas ledicias e nos pesares. Comprobamos como a creatividade humana foi capaz de producir música con instrumentos moi sinxelos e humildes e como os foi perfeccionando ata elaborar os máis sofisticados.
Visitamos tamén o Panteón de Galegos Ilustres , a Catedral, e paseamos pola alameda e as rúas de Santiago. Hai que dicir que o tempo foi bo e non choveu, algo insólito nun lugar como Santiago.
https://plus.google.com/photos/109992637361574276605/albums/586332172225...