Segundo o dicionario da Real Academia Galega, Esperanza significa:
“Sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse”.
O mellor xeito que atopei para explicarlle este fermoso sentimento ao alumnado de relixión de segundo curso, foi por medio dunha
actividade que consistíu en plantar pebidas de limón e da froita da paixón (maracuiá). Eu levei as pebidas, elas e eles puxeron vasiños de
iogur, terra e moita expectación.
CRONOLOXÍA FOTOGRÁFICA DA EXPERIENCIA.
A finais do mes de novembro, cada alumna/o plantou as pebidas no seu correspondente vaso de iogur. Aínda que lles expliquei que as
sementes tiñan que ter un tempo para xermolar, a ilusión do alumnado era ir mirando dende o día seguinte e varias veces ao día, se
asomaba algo entre a terra.
Cada día comprobabamos se a terra estaba húmida e procurabamos que estiveran cerca dunha fonte de calor pero ían pasando os días
e non asomaba nada. Nese momento era cando lles volvía a lembrar o que era a esperanza e o que significaba unha nova palabra para
elas/es, “constancia”. Enseguida entenderon que había que coidar as sementes dos seus vasiños aínda que non visen os resultados.
Tres semanas despois de plantar as pebidas aínda non agromara nada e no ambiente había certa desesperanza. Nese momento
comprobei que o alumnado entendera o que significaba ter esperanza.
Chegaron as vacacións de Nadal e eu fun para a miña casa cargado de vasos de iogur con terra e encargueime de seguir coidando
coma o facían os nenos. Á volta das vacacións, en xaneiro, comprobaron que moitas plantas xa agromaran. A actividade empezou a ter os
resultados previstos porque xa podían ver resultados da súa espera.
Agora a actividade entraba nunha nova fase, conseguir ver medrar as numerosísimas plantas. As semanas foron pasando e chegamos a
Semana Santa e o último día antes das vacacións, cada alumno levou para casa a súa pequena maceta persoalizada que tamén levaba un
código QR enlazando a esta páxina.
Cada día que había clase de reli, o alumnado contábame con ilusión o progreso das súas novas amigas. Certo é que tamén algún me
comentou que o seu exceso de cariño en forma acuosa rematouna afogando, pero non había problema porque na miña casa tiña unha
chea de plantiñas que precisaban ser adoptadas.
Non tardou moito en espallarse a nova de que Xabier o profe de relixión regalaba plantas de "maracuiá" e limoeiro e así foi como foi
fun atendendendo todas peticións que tiven, que foron e seguen a ser moitas. A pesares de que neste proceso cheguei a entregar sobre
coarenta plantas, seguía tendo no meu piso unha chea delas, froito da ESPERANZA e do mimo do alumnado.
Que facer co resto das plantas e para darlle continuidade a esta fermosa actividade? Pois... dado a que a nosa escola conta con
espazos aquelados, creamos o "PEQUENO XARDÍN DA ESPERANZA" onde plantamos limoeiros, maracujás e uns aloe vera ( a ver se tiran
para adiante....). Neste xardín tamén estamos a poñer vasiños de iogur con plantas para que as leve quen quera.
Facer o "PEQUENO XARDÍN DA ESPERANZA" foi todo un reto e con alto contido educativo e simbólico xa que por el pasou todo o alumnado a quen lle dou clase. Todas e todos colleron pedriñas para facer o muro, arrincaron herbas malas, regaron........
Por último (non sei se derradeiro) quero destacar o fermoso que está sendo traballar o contido deste fermoso sentimento chamado ESPERANZA