Skip to Content

AS NOSAS COUSAS

CHOVE

 

Toda esta historia sucedeu no autobús cando volvía do traballo á casa. Viña eu, comodamente sentado, mirando a paisaxe pola ventá, pensando nas miñas cousas e na comida quentiña que me esperaba na casa. De súpeto, reparei no cinceiro porque parecía que ía rebentar. Tiven o impulso de abrilo para ver o que tiña dentro. Por unha parte quería mirar e por outra non. Ao final, abrino e vin que alí había dous papeis enrugados no que destacaban unhas letras moi ben feitas. Púxenme a ler e poñía isto: 

“Chove, na rúa só se ven paraugas de todas as cores e zapatos empapados, as pingas caen con forza sobre o chan da Quintana, corren regatos de auga polas pedras das rúas. A corrente da auga arrastra o lixo que a xente deixou e vai deixando. A chuvia vaime levando polas rúas adiante e vaime lavando as bágoas.
Choro, choro desconsoladamente. A xente pasa cos seus paraugas de moitas cores, ve que me vou mollando e non para, eu tampouco non paro.

Non atopo ninguén a quen contarlle a miña pena e sigo andando, lentamente, vou metendo os pés nas pozas. Sigo andando, Forum sen un rumbo claro, levo un saco ao lombo coas miñas pertenzas e os céntimos que me foron deixando, vou buscando soportais abrigados onde descansar un pouco e tocar a frauta.

Qúerolle tocar unha última canción ao meu amigo, ao meu amigo Padín que repousa no saco. O frío, a chuvia e a fame fórono consumindo, foi esmorecendo ata que non puido máis.

Pregunto, a outros coma min, por un anaquiño de terra onde depositar o meu saco, onde enterrar ao meu compañeiro de viaxe, só quero que descanse en paz o meu querido canciño”.

 

 Brath Vázquez Moreiras, 6.º B

Comentarios

Enviar un novo comentario



blog | by Dr. Radut