Blog de biblioteca

20 de Novembro :Día Internacional da Infancia ¡Somos Infancia!

¡Somos infancia! é o lema deste ano escollido por Unicef para conmemorar o 20N .

 

 

Compartímosvos tamén este vídeo sobre os dereitos da infancia:

 

 

 

 

 

O 20 de novembro de 1989 conseguiuse a aprobación da Convención dos dereitos do neno na ONU.

É por iso que todos os 20 de novembro se conmemora esta aprobación.

Dende o equipo de  biblioteca e en colaboración co equipo de Convivencia propuxemos o visionado, dependendo das idades, de curtas ou pequenos documentais para concienciar.

 

Estas 2 cancións tan divertidas para os  máis pequenos: 

 

 

     

 

 Máis cousiñas: 

 

 

Ou este outro elaborado por UNICEF para os maiores:

 

Tamén vos queda aquí o enlace a unhas actividades relacionadas coa temática que elaborou UNICEF , premede AQUÍ.

 

Un PDF de Pocoyo y los derechos de la infancia e outro PDF dos dereitos do neno en galego.

CAMIÑADA VIOLETA E REIVINDICATIVA POLO 25N

Quedades convidados e convidadas a unirvos a nós...

 

1ª REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado venres tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de Alumnado ( para o 3º ciclo de ED. Primaria)

A primeira lectura foi B.D, e moi sinxeliña para ir quecendo motores: "Baroña ou morte" de Pepe Carreiro, que nos presenta aos barbanzóns, que habitaron o Castro de Baroña.

No concello de Boborás hai varios castros, quizais o máis coñecido é o de Cameixa.

Polo que nesta primeira reunión transladamos o noso lugar habitual de reunión ( a biblioteca do cole) e  fixemos unha camiñada ata alí...

 

Nestes momentos estanse levando a cabo unhas   tarefas de consolidación, restauración e acondicionamento destinadas a seguir coa súa investigación e revalorización.  

 

Tivemos a gran  sorte de que un equipo de 3 arqueólogos  (moitísimas grazas a Jorge Lamas, a Rita Pérez e a Eloi Saavedra  por compartir o seu tempo  con nós e pola súa paciencia) que están traballando nestas tarefas nos acompañasen para explicarnos en qué consiste o traballo que están a levar a cabo e tamén nos falaron da antigüidade, da extensión do castro e do que foron atopando.

 

Explicáronnos alguns dos elementos que atoparon, de como teñen que ser moi coidadosos á hora de traballar (  minuciosos e con ferramentas pequenas) 

Tamén nos falaron de que en base ao que foron atopando poden tirar información sobre os habitantes do Castro:  da súa alimentación, . que había distintos barrios especializados en distintos oficios, das lareiras, dos enterramentos, da extensión aproximada do castro (2 campos de fútbol) E moitas cousas máis moi moi interesantes!!!

 

 

Antes de voltar ao cole, houbo un pequeno momento para a merendiña... e retornamos con máis forza!

Aquí vos quedan unhas poucas fotos do momento:

 

 

FAMILIAS QUE CONTAN: "CORRE CORRE, CABACIÑA"

 O pasado día 30 de outubro, co gallo da celebración no cole do Samaín /Halloween no cole tivemos varias divertidísimas  actividades organizadas polo equipo de actividades Complementarias e Extraescolares.

Ademais contamos coa colaboración de 2 nais para contarlle un conto ao alumnado.

Para o alumnado de ED. Infantil e 1º ciclo de ED. Primaria, Mª José, nai de Pablo (da clase de 2º) contounos "Corre corre, cabaciña" .

 

 

E así disfrutamos desta historia tan divertida, que sempre é un acerto.

 

Despois do conto, bailamos todas e todos xuntos a canción, facendo especial fincapé no retrouso.

Non vin vella nin velliña,

nin velliña nin vellón.

Corre corre, cabaciña.

Corre corre, cabazón!

 

Moitísimas grazas a María José (que contou coa colaboración do seu fillo Pablo) por achegarse ao cole  e compartir o seu tempo con nós.

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe 24 de outubro conmemoramos o día das BIBLIOTECAS ESCOLARES,  que da lugar ao inicio das actividades na nosa B.E.

O lema deste ano nas bibliotecas é: "Biblioteca escolar, a escena" e non hai mellor xeito de facelo que mediante unha representación teatralizada por parte do alumnado do 3º ciclo

 para falarnos de como funciona a nosa B.E e tamén para introducir cal vai ser o P.D.I deste curso "Móvete e emociónate con Xuve".

Como prolongación do Xuve Saudable do curso pasado e para centrarnos especialmente na saúde mental e na actividade física, como ben explicou o alumnado do 3º ciclo.

Agradecemos tanto ao alumnado coma as súas titoras Asun, María  e Carmela por todo o traballo realizado e o ben que nolo fixeron pasar...

 

 

 

Comezamos a mañá cunha visita (por ciclos) á nosa B.E para lembrar as normas, utilización, a CDU, as cores e as idades asociadas a cada unha delas... as quendas de recreos na biblio, funcións do voluntariado e moitas cousas máis...

Tamén se falou da  importancia de coidala, xa que é para o uso e disfrute de toda a comunidade educativa.

Como xa vén sendo tradición, houbo un "pincho saudable" para inaugurar a nosa B.E para todo o alumnado (e tamén para o profesorado).

 

Despois do recreo, chegou o momento de ir ó comedor para que o alumnado de 3º ciclo representase, dun xeito teatralizado o  funcionamento da nosa B.E e a temática do P.D.I deste curso, como explicamos anteriormente.

Fixéronnos rir moito a todos e todas, moitos parabéns!!!

 

Finalizamos a xornada cunha das actividades que, iniciamos a finais do curso pasado e vai formar parte deste curso tamén: o "descanso activo" proposto pola profe Carmela, para exercitarnos, divertirnos e pasar un momento en comunidade.

 

Aquí vos quedan unhas poucas fotos do día de hoxe. 

(Vídeo elaborado pola profe Iria)

 

SAÍDA DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

O pasado sábado 29 de xuño tivemos a derradeira reunión do Club de Lectura de Familias e profesorado deste curso.

Partindo da proposta de lectura conxunta que nos fixo Ángeles

(coordinadora do equipo de biblioteca do CEIP PETELOS en Mos) lemos "A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto.

 

Para finalmente ese día facer unha visita os dous clubs de lectura á Illa de San Simón onde se desenvolve a historia.

 

 

 

Foi unha xornada moi enriquecedora, compartindo con outro Club de Lectura e falando do libro, da historia da illa, da época na que foi cárcere...  mentres nos guiaban pola illa.

 


 

Queremos agradecer ao CEIP Petelos esta proposta e especialmente a Ángeles por toda a xestión da actividade e polo agasallo que nos fixeron a cada unha de nós.

Sen esquecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares que fai posible actividades tan enriquecedoras coma esta.

De volta xa a terra fomos xantar e pola tarde fixemos a seguinte parada na nosa viaxe: Ribadavia, xa que este curso tamén lemos "Memoria do silencio" da mesma autora e quixemos dar unha volta polo barrio xudeo ...

 

Paseando por algúns dos lugares polos que se desenvolve a historia das Irmás Touza.

Rematamos na estación de tren de Ribadavia, buscando o lugar onde estaría o quiosco das irmás... 

 

 

Foi un día para non esquecer, grazas a todas as integrantes que viñeron (xa que non foi posible que asistisen todas) e a todas as persoas que contribuíron a este "broche final" do noso club este curso...

Agora a desfrutar da lectura de verán, e vémonos en setembro!!!

BIBLIOTECA CREATIVA: OBRADOIRO CON PAOLA GUIMERÁNS

Este curso tivemos a sorte de contar con Paola Guimeráns para desenvolver 3 obradoiros STEAM co noso alumnado, grazas ao programa "Biblioteca Creativa".

Así, co alumnado de 4º e 5º de ED. Primaria fixo sendos obradoiros coa placa "makey makey" programando por bloques, e argallando unha actividade relacionada con Luísa Villalta.

 

 

Por outra banda, co alumnado de 6º de ED. Primaria desenvolveu un obradoiro para utilizar Micro:bit 

 

 

 

 

Foi un auténtico pracer contar con Paola no noso cole e aprender tanto dela.

 

OBRADOIRO DE RADIO CON IAGO GORDILLO.

Este curso o Obradoiro de Radio foi destinado ao alumnado de 3º e 4º de ED. Primaria, impartido por Iago Gordillo.

Coma en ocasións anteriores o obradoiro tivo dúas partes: na primeira cada unha das aulas e de xeito telemático tivo unha clase teórico práctica con Iago, na que lles explicou os conceptos máis básicos de como funciona a radio, tipo de programas, ideas, exemplos... etc.

Finalmente e despois de todo o aprendido, púxolles "deberes", a elaboracion da "escaleta" e "guión do seu propio programa de radio.

 

Pasadas 2 semanas, Iago achegouse ao noso centro e estivo a metade da mañá con cada unha das aulas para facer o programa e axudarlles no proceso de creación e edición do mesmo dende a mesa de control.

Despois de "pulir" e xuntar todo o material, Iago  enviounos o resultado final de cada unha das aulas, que podedes escoitar aquí:

 

 

 

 

 

 

Agardamos que o desfrutedes, tanto como o fixo o alumnado durante o proceso e moitísimas grazas a Iago por achegarse ao noso centro e por compartir con nós o seu tempo e coñecementos. E pola paciencia!! 

DERRADEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado martes reuiniuse o Club de Lectura de Alumnado do terceiro ciclo por derradeira vez este curso.

Comezamos coma sempre con xogos, e pasamos un momento moi divertido...

 

Despois vimos o vídeo que nos enviou Raquel Castro (contestándonos ás preguntas que lle fixemos dende Radio Xuve) sobre  o seu libro Sobremesas sobre versos.

 

Moitísimas grazas á autora por adicarnos o seu tempo.

 

Posteriormente a profe Patricia fixo co alumnado un obradoiro de Poesía , onde a modo de regueifa... expresaron as súas inquedanzas ( especialmente o alumnado de 6º coa idea de ir ao instituto e emprender unha nova etapa da súa vida)

 

 

 

 

 

 

 

Para finalizar, fixeron unha avaliación do seu paso polo Club de Lectura (na que foron moi claro, expresando o que máis e o que menos lles gustou do Club, suxestión de mellora.. e se o recomendarían...) 

Finalizamos, coma sempre cunha  "merendiña" un pouco especial por ser a última

 

 

Moitísimas grazas ao alumnado participante, foi un pracer compartir lecturas con eles e elas e mais as súas titoras.

 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E MESTRAS: PEL DE CORDEIRO

O pasado luns día 17 reuniuse o Club de Lectura de Familias e Mestras para falar da derradeira lectura deste curso: Pel de Cordeiro de Ledicia  Costas. 

A autora presentou o seu libro en Ourense o 28 de Maio, e como fans confesas que somos, acudimos á cita 4 integrantes do noso club para escoitala falar desta novela, e formar parte do "aquelarre" que alí se formou.

Falou dos puntos en común dos seus libros "Infamia"  e "Ultraluz" con "Pel de cordeiro"

Falou tamén de como se documentou para escribir a novela, e da "violencia obstétrica" entre outras moitas cousas...

Despois de agardar un bo anaco, falamos con ela, contámoslle que lemos todos os seus libros para adultos, e inauguramos o noso club ( xa hai 3 anos) con Golpes de Luz.

.

 

Foi un auténtico pracer poder falar con ela e que nos asinase algún dos seus libros.

 

E isto formou parte da nosa reunión, para falar de "Pel de Cordeiro", na que cada quen expresou que foi o que máis e o que menos lle gustou da novela. Cal das partes lle intrigou máis... coincidimos case todas en que o comezo é bastante noxento pero ao tempo o suficientemente hipnótico para non poder deixar de ler...

 

 

Falamos de bruxas, de crenzas, de tradicións, de "medicina popular", da Virxe do Corpiño, das cousas nas que cremos ou non e de moitas cousas máis.

 

 

 

Tamén falamos da "violencia obstétrica" e do ben retratado que está o Hospital de Ourense, na novela. Especialmente na parte de xinecoloxía..

 

 

Coincidimos en que Ledicia Costas, ademais de escribir dun xeito engaiolante e ao tempo dunha lectura moi sinxela (porque resulta adictiva e moi moi sinxela de ler)  sempre pon o punto nun tema social e de actualidade en cada unha das súas novelas. 

 

E coma sempre rematamos cunha "merendiña" na que sempre hai café , froita e algo doce. Desta volta foi Iris a que nos sorprendeu cun prato  salgado , típico da cociña Panameña que nos encantou!!! Moitísimas grazas a Iris por facernos esta delicia fresquiña e saborosa. 

Distribuir contido