Skip to Content

                              

CLUB DE LECTURA

1ª REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado venres tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de Alumnado ( para o 3º ciclo de ED. Primaria)

A primeira lectura foi B.D, e moi sinxeliña para ir quecendo motores: "Baroña ou morte" de Pepe Carreiro, que nos presenta aos barbanzóns, que habitaron o Castro de Baroña.

No concello de Boborás hai varios castros, quizais o máis coñecido é o de Cameixa.

Polo que nesta primeira reunión transladamos o noso lugar habitual de reunión ( a biblioteca do cole) e  fixemos unha camiñada ata alí...

 

Nestes momentos estanse levando a cabo unhas   tarefas de consolidación, restauración e acondicionamento destinadas a seguir coa súa investigación e revalorización.  

 

Tivemos a gran  sorte de que un equipo de 3 arqueólogos  (moitísimas grazas a Jorge Lamas, a Rita Pérez e a Eloi Saavedra  por compartir o seu tempo  con nós e pola súa paciencia) que están traballando nestas tarefas nos acompañasen para explicarnos en qué consiste o traballo que están a levar a cabo e tamén nos falaron da antigüidade, da extensión do castro e do que foron atopando.

 

Explicáronnos alguns dos elementos que atoparon, de como teñen que ser moi coidadosos á hora de traballar (  minuciosos e con ferramentas pequenas) 

Tamén nos falaron de que en base ao que foron atopando poden tirar información sobre os habitantes do Castro:  da súa alimentación, . que había distintos barrios especializados en distintos oficios, das lareiras, dos enterramentos, da extensión aproximada do castro (2 campos de fútbol) E moitas cousas máis moi moi interesantes!!!

 

 

Antes de voltar ao cole, houbo un pequeno momento para a merendiña... e retornamos con máis forza!

Aquí vos quedan unhas poucas fotos do momento:

 

 

SAÍDA DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

O pasado sábado 29 de xuño tivemos a derradeira reunión do Club de Lectura de Familias e profesorado deste curso.

Partindo da proposta de lectura conxunta que nos fixo Ángeles

(coordinadora do equipo de biblioteca do CEIP PETELOS en Mos) lemos "A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto.

 

Para finalmente ese día facer unha visita os dous clubs de lectura á Illa de San Simón onde se desenvolve a historia.

 

 

 

Foi unha xornada moi enriquecedora, compartindo con outro Club de Lectura e falando do libro, da historia da illa, da época na que foi cárcere...  mentres nos guiaban pola illa.

 


 

Queremos agradecer ao CEIP Petelos esta proposta e especialmente a Ángeles por toda a xestión da actividade e polo agasallo que nos fixeron a cada unha de nós.

Sen esquecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares que fai posible actividades tan enriquecedoras coma esta.

De volta xa a terra fomos xantar e pola tarde fixemos a seguinte parada na nosa viaxe: Ribadavia, xa que este curso tamén lemos "Memoria do silencio" da mesma autora e quixemos dar unha volta polo barrio xudeo ...

 

Paseando por algúns dos lugares polos que se desenvolve a historia das Irmás Touza.

Rematamos na estación de tren de Ribadavia, buscando o lugar onde estaría o quiosco das irmás... 

 

 

Foi un día para non esquecer, grazas a todas as integrantes que viñeron (xa que non foi posible que asistisen todas) e a todas as persoas que contribuíron a este "broche final" do noso club este curso...

Agora a desfrutar da lectura de verán, e vémonos en setembro!!!

DERRADEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado martes reuiniuse o Club de Lectura de Alumnado do terceiro ciclo por derradeira vez este curso.

Comezamos coma sempre con xogos, e pasamos un momento moi divertido...

 

Despois vimos o vídeo que nos enviou Raquel Castro (contestándonos ás preguntas que lle fixemos dende Radio Xuve) sobre  o seu libro Sobremesas sobre versos.

 

Moitísimas grazas á autora por adicarnos o seu tempo.

 

Posteriormente a profe Patricia fixo co alumnado un obradoiro de Poesía , onde a modo de regueifa... expresaron as súas inquedanzas ( especialmente o alumnado de 6º coa idea de ir ao instituto e emprender unha nova etapa da súa vida)

 

 

 

 

 

 

 

Para finalizar, fixeron unha avaliación do seu paso polo Club de Lectura (na que foron moi claro, expresando o que máis e o que menos lles gustou do Club, suxestión de mellora.. e se o recomendarían...) 

Finalizamos, coma sempre cunha  "merendiña" un pouco especial por ser a última

 

 

Moitísimas grazas ao alumnado participante, foi un pracer compartir lecturas con eles e elas e mais as súas titoras.

 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E MESTRAS: PEL DE CORDEIRO

O pasado luns día 17 reuniuse o Club de Lectura de Familias e Mestras para falar da derradeira lectura deste curso: Pel de Cordeiro de Ledicia  Costas. 

A autora presentou o seu libro en Ourense o 28 de Maio, e como fans confesas que somos, acudimos á cita 4 integrantes do noso club para escoitala falar desta novela, e formar parte do "aquelarre" que alí se formou.

Falou dos puntos en común dos seus libros "Infamia"  e "Ultraluz" con "Pel de cordeiro"

Falou tamén de como se documentou para escribir a novela, e da "violencia obstétrica" entre outras moitas cousas...

Despois de agardar un bo anaco, falamos con ela, contámoslle que lemos todos os seus libros para adultos, e inauguramos o noso club ( xa hai 3 anos) con Golpes de Luz.

.

 

Foi un auténtico pracer poder falar con ela e que nos asinase algún dos seus libros.

 

E isto formou parte da nosa reunión, para falar de "Pel de Cordeiro", na que cada quen expresou que foi o que máis e o que menos lle gustou da novela. Cal das partes lle intrigou máis... coincidimos case todas en que o comezo é bastante noxento pero ao tempo o suficientemente hipnótico para non poder deixar de ler...

 

 

Falamos de bruxas, de crenzas, de tradicións, de "medicina popular", da Virxe do Corpiño, das cousas nas que cremos ou non e de moitas cousas máis.

 

 

 

Tamén falamos da "violencia obstétrica" e do ben retratado que está o Hospital de Ourense, na novela. Especialmente na parte de xinecoloxía..

 

 

Coincidimos en que Ledicia Costas, ademais de escribir dun xeito engaiolante e ao tempo dunha lectura moi sinxela (porque resulta adictiva e moi moi sinxela de ler)  sempre pon o punto nun tema social e de actualidade en cada unha das súas novelas. 

 

E coma sempre rematamos cunha "merendiña" na que sempre hai café , froita e algo doce. Desta volta foi Iris a que nos sorprendeu cun prato  salgado , típico da cociña Panameña que nos encantou!!! Moitísimas grazas a Iris por facernos esta delicia fresquiña e saborosa. 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO: FALAMOS DE MANGA E B.D

O pasado día 3 de xuño tivemos reunión do club de lectura de alumnado ( coa colaboración e asistencia das titoras do 3º ciclo)

 

Comezamos xogando, como facemos sempre  desta volta xogamos a dous xogos de mesa: SLAPZI ( un dos grandes éxitos deste curso)  e MORADA MALDITA.

 

A continuación o alumnado expuso o seu traballo sobre un libro de manga ou banda deseñada ( foi un traballo elaborado por eles e elas: houbo quen fixo presentacións en CANVA, houbo quen elaborou carteis informativos, quen se apoiou en imaxes...) a idea era que despois de ter elexido un libro na reunión anterior, espuxesen diante dos e das integrantes do club o que lles pareceu, porqué o elexiron, falar das personaxes etc etc...

 

Despois das exposicións , rematamos, coma sempre cunha "merendiña".

 

Aquí quedan unhas poucas fotos do momento:

 

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

 

O pasado xoves 25 de abril reuniuse o club de Lectura de familias e profesorado para falar da nosa última lectura: "Memoria do Silencio" de Eva Mejuto ( autora tamén da nosa anterior lectura)

 

Xa que a data coincidía cos 50 anos da “Revolución dos Cravos” adicamos o inicio a falar da mesma, da importancia da memoria histórica e do simbolismo dun pobo unido. ( Si tamén escoitamos un anaco de “Grándola”  

 

 Esta historia está ambientada en Ribadavia e conta a historia ficcionada do que fixeron as  irmás Touza . Pero como ven comentou algunha das integrantes, recollendo distintos puntos de vista.

 

Foi un libro que xerou comentarios sobre a represión, as inxustizas, a empatía, o medo e especialmente quedámonos con esas mulleres afoutas, e valentes que moitas veces non obteñen o recoñecemento merecido. 

 

 

Tamén falamos de que quizais se nos fixo un pouco “curta” e quedamos coa curiosidade de saber que pasaría cunha das protagonistas, e tamén de que decisións tomou coa súa vida certo integrante do exército alemán..

 

 

Decidimos xa a seguinte lectura, sabendo que acababa de sair a última novela de Ledicia Costas: “Pel de cordeiro” e que somos grandes fans dela, xa que o primeiro libro que lemos no club ao comezo foi “Golpes de Luz” e gardámoslle un cariño especial.

(Desta autora tamén lemos Infamia e Ultraluz) 

 

Dúas nais prepararon unhas sobremesas moi gorentosas que compartiron con nós, Belén fíxonos un biscoito e Paz un flan de queixo que estaba espectacular ( aínda que non puido asistir á reunión mandounos a sobremesa igualmente!!!)

Moitísimas grazas ás dúas.

 

 

 

 

E coma en todas as reunións rematamos "merendando" e falando dun xeito máis distendido para finalizar...

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO: SOBREMESAS SOBRE VERSOS

O pasado xoves día 4, reuniuse o Club de Lectura de alumnado para falar da última lectura: "Sobremesas sobre versos" de Raquel Castro

 

Comezamos falando sobre o libro, que lles pareceu, que foi o que máis lles gustou, que foi o que menos e a maioría comentaron que fixeron algunha das receitas.

Un formato de lectura distinto ao que están habituados e habituadas.

Tamén falamos sobre os seus coñecementos sobre o alzheimer e como lle explicarían que é ao alumando de ED. Infantil

Posteriormente fixemos 2 grupos para ir á Radio Xuve e gravar as preguntas que lle queren facer á autora sobre o libro, para que cando teña un momento , as resposte e escoitalas na seguinte reunión.

Mentres uns gravaban os outros estiveron xogando a algúns dos xogos de mesa que temos na biblio.

 

E coma sempre rematamos coa "merendiña" que este curso pretende ser "saudable".

 

Aquí quedan unhas poucas fotos .

 

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO: A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN

o pasado luns 18 de marzo reuniuse o Club de Lectura de Familias e Profesorado para falar da nosa lectura: 

"A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores.

Esta lectura foi "patrocinada" polo equipo de Biblioteca do CEIP Petelos (Mos)  , xa que nos deixaron os exemplares para a lectura, ademais de propoñernos unha actividade conxunta de ambos clubs no mes de xuño. Moitas grazas, especialmente a Ángeles.

 

 

 

Comezamos a reunión, dando a benvida a unha nova integrante do noso club que nos falou sobre as súas lecturas favoritas e sobre si mesma.

 

Despois as que non puideron asistir á anterior reunión, déronnos a súa opinión sobre "Senlleiras" de Antía Yáñez, que foi a nosa anterior lectura.

 

E posteriormente pasamos á falar da lectura, motivo desta reunión.

 

 

 

O libro gustounos, e gustounos moito. Pareceunos un xeito moi accesible e sinxelo para falar dunha parte da nosa historia dun xeito moi tenro ( relatando unha dura realidade e o tempo da "postguerra")

Varias persoas comentaron , que en tempos tan duros, a solidariedade, o compartir o pouco que se ten, da moito que pensar.

Tamén reflexionamos sobre a importancia de coñecer o pasado para non cometer os mesmos erros.

En xeral, gustounos tamén moito como acompañaba  maxistralmente a ilustración ao texto. E pequenos detalles que se repetían ao longo do libro.

Concluímos que quizais o libro espertaba un sentimento de querer saber máis do acontecido, como un "abrir unha xanela" para seguir investigando. A maioría non estiveron nunca na illa.

 

 

Investigamos un pouco nas redes para atopar máis información sobre a illa, a súa historia e finalizamos accedendo á páxina que aparece no propio libro mediante un código QR:

A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN 

 

Na reunión tamén decidimos cal ía ser a seguinte lectura ( a idea é que cada quen trouxese unha proposta e decidir entre todas), e seguimos con Eva Mejuto, xa que a lectura escollida foi: "Memoria do Silencio" seguindo na liña de ler sobre o noso pasado...  

 

E para rematar, "unha merendiña" para falar dun xeito máis distendido. E desta volta queremos agradecer ás dúas Vanesas que temos no club, xa que nos deleitaron cunha gorentosa  "quiche" de verduras e un riquísimo biscoito caseiro.

Moitas grazas ás dúas!!!!

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: FALAMOS DE SENLLEIRAS

O pasado xoves día 15 tivemos reunión do Club de Lectura de Familias e Profesorado para falar da nosa última lectura: SENLLEIRAS de Antía Yáñez. 

 

Foi unha reunión moi interesante, na que se compartiron impresións, falamos do libro, da sociedade na que vivimos ( e tamén houbo tempo para falar dalgunha nova de plena actualidade) do maltrato á muller, de que os tempos cambian pero hai cousas que permanecen...

De que non toda a violencia de xénero é física, de que concienciar e traballar o tema é cousa de homes e mulleres...

 

A historia de Senlleiras, é dura pero tamén é real, e por desgraza moi actual. falamos de dependencia, de educación, de medo....

 

Despois falamos da seguinte lectura, desta volta está  "patrocinada" polo CEIP DE Petelos ( en Mos) que nos deixaron os exemplares de "A lavandeira de San Simón", de Eva Mejuto e tamén nos fixeron unha proposta para levar a cabo unha actividade conxunta entre os 2 clubs ao final do curso...

 

 

Despois de repartir os exemplares ( e preparar o reparto para as que non puideron asistir á reunión) pasamos á "sala de mestras" para falar dun xeito máis relaxado e tomar a nosa tradicional "merendiña".

 

Desta volta, queremos agradecerlle a Susi que trouxese unhas galletas caseiras con chispiñas  de chocolate que estaban moi moi boas  e tamén unhas filloas  caseiras, que estaban espectaculares. 

 

 

2ª REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

O pasado mércores día 20 tivemos a 2ª reunión do Club de Lectura de familias e profesorado.

Desta volta para falar de  ( ou máis ben escoitar) Ultraluz, o libro de poemas de Ledicia Costas. 

Comezamos cunha pequena introducción sobre poesía que nos fixo a profe Mercedes e continuamos... 

 

 

 

 

 

 

 

Somos conscientes de que quizais a poesía e o teatro non sexan os xéneros que máis gustan, polo que decidimos que en lugar de enviar o libro para que o leran en casa, fixemos unha especie de lectura compartida na reunión ( ou máis ben escoita activa)

 

Tamén falamos de se nos gustaba a poesía ou non, e os posibles motivos.

 

Hai un par de meses, presentouse Ultraluz , unha lectura do libro por parte da autora, e co acompañamento musical dos irmáns Ferreiro: Iván e Amaro.

 

 

 

Despois escoitamos algúns dos poemas na voz da propia Ledicia, que están dispoñibles en Youtube (subidos pola propia autora)  e falamos das sensacións que nos producían.

Aquí vos deixamos algúns dos poemas que escoitamos : Episodio primeiro, HibernaciónUnha casa inmóbil  e Mente colmea , entre outros.. 

 

Posteriormente compartimos a nosa seguinte lectura: "Senlleiras" de Antía Yáñez.

 

Para finalizar movémonos ata a "sala de mestras" para compartir a "merendiña" maioritariamente saudable.

Desta volta foron Lucía e Mª José as que nos deleitaron cunhas riquísimas sobremesas.

Moitísimas grazas ás dúas polo seu tempo e por estas elaboracións tan saborosas.

 

 

Vémonos na vindeira reunión para falar de "Senlleiras".. 

Distribuir contido


by Dr. Radut