Skip to Content

Escolares, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Ed. física, Ed. infantil, Idioma estranxeiro, Ed. Musical

Concurso "Xornal escolar" de "La Región"

O alumnado de 5º curso participou no concurso de elaboración dun "Xornal escolar" de catro páxinas que convocou o xornal "La Región".

Ao longo do primeiro e segundo trimestre o equipo de redacción foi recollendo novas relativas ás diversas actividades que tiveron como protagonista ao noso centro e que ilustraron con imaxes e debuxos que realizou todo o alumnado do cole.

Nas próximas semanas, as mellores edicións serán publicadas os mércores no Xornal escolar de "La Región"...

Esperamos que o noso sexa un deles!!!

 

Instrumentos con historia. Pórtico do Paraiso

O venres, 6 de marzo, o alumnado de 6º curso participou nunha exposición de "Instrumentos musicais con historia" que o Concello ten organizada no Museo Municipal de Ourense. Esta é unha mostra de reconstrucións de instrumentos que existiron na Idade Media e foron protagonistas da música do seu tempo. Laúdes, violas, salterios, arpas, rabeis…

Desde o laúde de Ziryab que provocaba envexas na corte da afastada Bagdad, á cítara regalada como tesouro a Afonso X o Sabio, ou o billete que levaba impreso unha viola de teclas como símbolo de identidade nacional, ata o que foi un dos primeiros instrumentos de músicos ambulantes, a zanfona, a exposición cóntanos pequenas historias sobre o papel que desempeñaron estes instrumentos nas vidas cotiás dos nosos devanceiros.

Unha colección acompañada dalgúns dos exemplos iconográficos que permiten aos intérpretes, investigadores e luthieres reconstruír estes instrumentos históricos: pinturas, esculturas, cerámicas, planos...

Foi unha exposición de música viva, moi interesante e magnificamente exposta, pois todos os instrumentos da colección están en perfecto estado e son usados actualmente polos artífices desta mostra, Emilio Villalba e Sara Marina, que non só nos guiaron por esta viaxe ao noso pasado musical, senón que tamén realizaron demostracións de cómo soan estes instrumentos.

Ao remate da actividade, Emilio e Sara doaron, para a biblioteca do noso centro, dous discos de música antiga que eles mesmos gravaron.

Galería de imaxes da actividade

OBRADOIRO DO DÍA DA PAZ "A PRINCESA LIWAYWAY"

Os alumnos de 2º de Primaria fixemos un obradoiro do conto "A PRINCESA LIWAYWAY",  no que traballamos valores coma aamizade, a colaboración, o respecto, axuda aos demais, o esforzo,... Contamos a historia na clase e entre todos fomos dicindo o que máis nos chamou a atención da mesma; a continuación plasmamos nun mural o final da historia, froito do esforzo e a colaboración dos personaxes do conto e no que se reflicten os valores presentes no mesmo.

Mes da meteoroloxía

Mes da meteoroloxía

O día 23 de marzo celébrase o Día Mundial da Meteoroloxía. Como estamos inmersos no programa de Meteoescolas da Consellería de Medio Ambiente, acordamos dedicar o "Mes da Meteoroloxía" a marzo.

Ao longo destas semanas realizaremos diversas actividades no centro, entre as que destacamos as seguintes:

  • Exposición das mellores imaxes que, ao longo do curso, achegou a comunidade educativa á galería que creamos no blog de meteoroloxía.
  • Elaboración dun pluviómetro polo alumnado de 5º curso de Ed. Primaria.
  • Convocar un concurso de viraventos no que poderá participar todo o alumnado do centro.
  • Asemade, continuaremos realizando as diferentes actividades metereolóxicas que estamos a traballar desde o inicio do curso:
    1. - Toma diaria de datos meteorolóxicos da nosa estación.
    2. - Análise dos datos meteorolóxicos.
    3. - Comparación cos datos da comarca de Tui recollidos polo CEIP de Pazos de Reis.
    4. - Recollida iconográfica do tempo diario que fai en Ourense.

Galería de imaxes

Planetario de "La Caixa"

Durante a semana do 9 ao 13 de febreiro tivemos instalado no aula de música un planetario que nos cedeu "La Caixa". 

Esta actividade pretende acercar aos máis pequenos ao mundo da astronomía dun xeito estimulante, ameno e á vez riguroso. Buscamos que despois de realizada esta actividade, o noso alumnado mire ao ceo con outros ollos.

Por el pasou toda a comunidade educativa para presenciar as dúas presentacións que nos ofreceron. A primeira estivo dedicada a explicarnos o motivo de porque non se move a estrela Polar, asemade descubrimos cal é a orixe mitolóxica da súa forma e nome.

Na segunda proxección aprendemos curiosidades mitolóxicas da forma de varias constelacións que se poden observar no ceo durante o inverno.

Preme para ver a Galería de imaxes

Día da Paz e Non Violencia 2015

Durante a última semana do mes de xaneiro celebramos no centro o Día Internacional da Paz e Non Violencia coa realización de diversas actividades que prestenden inculcar no alumnado valores que deben de estar presentes ao longo do ano, e non só na data da conmemoración do aniversario da morte de Gandhi.

Entre as actividades realizadas destacamos as seguintes:

Asemade, elaboramos un karaoke, personalizado con imaxes do noso cole, da canción de José Luis Perales "Que canten los niños".

Na seguinte galería podedes observar parte das actividades realizadas.

Galería de imaxes

Roberto Reséndiz Carmona

O 20 de xaneiro tivemos a sorte de contar coa presenza, na nosa biblioteca, do poeta mexicano Roberto Reséndiz.

Naceu en Zitácuano, Michoan México, no ano 1954. É director do Encontro Internacional de poetas e creador do Festival do Chongo Zamorano.

Participou en diversos Festivais e Encontros de poetas en diversas cidades americanas e europeas.

A súa obra foi publicada en varios países de todo o mundo, sendo traducidos os seus textos ao italiano, francés e sueco.

Con el realizamos un dinámico obradoiro de poesía, no que fomos intercambiando fermosas lecturas de poemas feitos por el e por nós.

Fixémoslle unha longa batería de preguntas moi persoais sobre a súa obra e os seus gustos, que el foi contestando amablemente ao longo de dúas horas. Así descubrimos que xa empezou a escribir desde moi cativo, aos sete anos, e que cando tiña 18 xa era un poeta consumado. Grazas á poesía é capaz de realizar incribles viaxes, tanto metaforicamente coma fisicamente e grazas a eles coñecer cidades e persoas de medio mundo.

Vive na cidade mexicana de Zamora na que todos os anos organiza un festival de poesía reunindo a  poetas amigos cos que visita as escolas para acercar a poesía aos cativos.

En relación ao proxecto de meteoescolas que estamos a desenvolver no centro, dentro do PDI "ergullámonos nun mar de números" pregúntamoslle sobre como era o clima do seu pobo. Dixo que era unha das cousas que máis botaba de menos cando viaxaba fóra do seu país, e máis de viña a Galiza, xa que aquí é moito máis frío e húmedo.

Comentounos que, aínda que naceu e viviu toda a vida en pobos do interior de México, lle gusta escribir á “Mar” porque a primeira vez que viu o mar quedou impresionado da súa grandeza. A Mar crea vida, del naceron os seres vivos.

Da poesía dixo que o que máis lle gusta é a imaxe e a metáfora...é dicir, o que se pode dicir con outras palabras. Quedou abraiado a primeira vez que leu os poemas de amor de Pablo Neruda.

Gústalle cantar e bailar, aínda que non sabe, pero sobre todo o rir e compartir...

Os seus primeiros poemas foron publicados en xornais de Zamora no ano 1975. Empezou a escribir porque dábanlle medo as mulleres. Coa escritura dos seus pensamentos sentíase moito máis seguro. Por iso usaba a poesía para acercarse a elas. Coa escritura el perdeu o medo, por iso nos animou a escribir sempre que teñamos medo a algo. Asemade, comentounos que o importante é escribir, non importa no medio que se faga. El incluso chegou a facer poemas en mensaxes SMS de 150 carácteres.

Animounos a escribir poesía e estará encantado de atopar, nun futuro próximo, a un de nós nalgunha das xuntanzas do Círculo poético de Ourense. Para comezar animounos a participar no concurso de poesía deste ano que convocou o Círculo poético.

Galería de imaxes

Contacontos do Concello

O pasado 22 de xaneiro tivemos unha visita moi especial na biblioteca do noso cole: a contacontos do Concello que nos fixo viaxar por diversos países do mundo. Coñecemos China, Rusia, Italia… escoitando as fantásticas aventuras de Marco Polo que nos ía contando.

Non hai máis que ver a faciana do alumnado para descubrir o ben que o pasaron con esta actividade…

Xa estamos esperando ansiosos a que veña outra vez a visitarnos!!!

Galería de imaxes

Visita ao supermercado Eroski

O 15 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º curso visitou as instalacións do supermercado Eroski, situado no barrio das Lagoas, para ver en situ as diferentes seccións das que se compón un supermercado e cambiar impresións con diferentes empregados do mesmo. Descubriron curiosidades do seu traballo que descoñecían totalmente, como por exemplo os aparellos de seguridade que se empregan na carnicecía.

Previamente, unha empregada da cadea Eroski, chamada Dª. Eva, e acompañada polo responsable do centro das Lagoas, D. Manuel, ensinounos de xeito moi didáctico e ameno a estrutura e organigrama do super. Asemade, con ela repasamos os diferentes tipos de nutrientes que son imprescindibles para levar unha  dieta equilibrada e san. Posteriormente, no super, vimos as diferentes seccións onde podemos atopar estes produtos alimenticios.

Unha vez finalizada a visita, fomos agasallados cunha exquisita degustación de pinchos elaborados a partir de froita fresca polos empregados do super. Durante os petiscos, realizáronnos varios xogos moi divertidos nos que tiñamos que adiviñar, por medio dos sentidos do tacto ou do gusto, de que alimentos se trataban. Algunha das froitas que probamos era a primeira vez que as víamos.

Ao remate da actividade recibimos outro agasallo consistente nunha mochila con produtos alimenticios do super.

Desde aquí queremos agradecer a todos os membros do supermercado Eroski do barrio das Lagoas a atención e paciencia que nos prestaron durante a visita e especialmente a Dª Eva e D. Manuel polo ben que tiñan organizada a actividade.

Galería de imaxes

Formación no Terceiro Ciclo de EP

O alumnado de terceiro ciclo realizou tarefas de de colaboración axudando a colocar correctamente os libros nos seus andeis. Asemade, tamén realizou tarefas de curación dalgúns fondos que polo seu uso estaban deteriorados.

Distribuir contido


by Dr. Radut