Skip to Content

Escolares, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Ed. física, Ed. infantil, Idioma estranxeiro, Ed. Musical

Lecturas de Nadal

Durante o mes de decembro, no tempo destinado á Hora de ler, en 1º curso traballamos coas Lendas de Nadal que elaborou o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro.

Unha das lecturas que máis lles gustou ao alumnado foi a "Lenda da árbore de Nadal". Con ela elaboramos un libro con imaxes e a letra da historia que coloreamos nos mesmos para lerllo aos nosos familiares nas vacacións de Nadal.

Asemade, coñecemos outras historias como a Lenda de Papá Noel e a Lenda do Apalpador.

Torneo de "Tres en raia"

Gañadores do torneo

No mes de decembro, a mestra de música organizou o "III torneo de tres en raia", entre o alumnado maior do centro, como unha actividade inmersa dentro do proxecto documental integrado deste curso: "Mergullámonos nun mar de números".

Este sinxelo xogo pon en marcha a maquinaria intelectual do alumnado, en todo o referente á lóxica matemática e a intelixencia artificial, dun xeito lúdico e creativo e que tanto agradecen todos os participantes no mesmo.

Non hai máis que fixerse na faciana dos xogadores para comprobar canto gozaron durante o desenvolvemento do torneo.

O Cadro de Honra quedou como sigue:

  1. Alex Cabada Feijoó
  2. Diego Alonso Blanco
  3. Gregorio Montoya Gabarres
  4. Abel Colmenero Pérez

Moitos parabéns para todos eles!!

Os participantes nesta edición xa están ansiosos porque comece a seguinte torneo...

Preme na imaxen superior para ver a galería de imaxes do torneo

Finalistas no concurso "Ciencia que conta"

A alumna do noso centro, Camino Alonso Fuente, foi finalista no concurso "Ciencia que conta" co seu traballo titulado "Néfele, a raiña das nubes" conto realizado como actividade de investigación creativa e orixinal, no proxecto de Meteoescolas. Se premedes no título podedes ler o conto orixinal, así como os do resto dos compañeiros.

Na sesión de información que realizaron os alumnos de 6º curso, sobre o programa que están a desenvolver en Meteoescolas, a finalista, fíxonos unha lectura da súa obra.

 

Moitos parabéns!!!

Presentación do programa Meteoescolas

O alumnado de 6º curso distribuíuse en dous grupos para realizar unhas sesións informativas, dirixidas a todo o alumnado do centro, e dar a coñecer o traballo que están a desenvolver no proxecto de Meteoescolas en colaboración con outros centros de Galicia. Un grupo traballou co alumnado de Ed. Infantil e Primeiro Ciclo de Ed. Primaria e o outro co resto do alumnado do centro.

A primeira sesión formativa foi dirixida aos máis cativos do centro. Os encargados deste traballo empregaron como medio de exposición a representación dunha obra teatral que tivo como fío condutor o libro de "Bos días árbore! As estacións", publicada por edicións Sálvora. Os espectadores gozaron enormemente coa fabulosa interpretación dos artistas de 6º curso e coas súas recitaxes dos diferentes poemas relacionados coa meteoroloxía.

A segunda sesión informativa tivo un carácter moito máis académico. Informouse ao alumnado do centro do proceso que se está a seguir para a recollida de datos meteorolóxicos e de como interpretar un mapa do tempo dos que aparecen na web de Meteogalicia. A exposición de contidos tamén estivo acompañada coa lectura de varios poemas relacionados con diferentes meteoros.

Como remate destas dúas sesións informouse en que ían consistir as dúas actividades/concurso destinadas a toda a comunidade educativa:

  • Recollida de imaxes de diferentes fenómenos meteorolóxicos: nevadas, xeadas, treboadas...
  • Recollida de imaxes de nubes. Nel exporemos as mellores instantáneas que nos acheguedes das formas das nubes.

 

Vídeo da clase informativa:

Lecturas meteorolóxicas

O alumnado de 6º curso todos os mércores na Hora de ler analiza a información meteorolóxica que aparece nos xornais que temos na biblioteca do centro: "La Voz de Galicia" e "La Región".

Todos os traballos que van realizando nestas sesións quedan reflectidos no taboleiro de novas da clase destinado a Meteoroloxía.

Hora de ler meteorolóxica

Tres grans de sal

O alumnado de primeiro curso durante o mes de novembro traballou o poema de Gloria Sánchez "Tres grans de sal" durante a Hora de ler.

Unha vez memorizado realizamos unha gravación en vídeo coa técnica do croma cun recitaxe compartido en grupo do poema...

...esperamos que sexa do voso agrado!!!

Inauguración da estación meteorolóxica

O día 1 de decembro foi a inauguración oficial da nosa estación meteorolóxica. Ese día, todo o alumnado implicado na recollida de datos baixou ata as instalacións da estación para ver en situ o procedemento a seguir para recoller os datos meteorolóxicos nas fichas de rexistro elaboradas para tal actividade.

O alumnado de 6º curso, en grupos de 2 alumnos/as, será o encargado de recoller diariamente os datos, para o cal os mestres responsables do programa estableceron as oportunas quendas.

De momento, a estación conta cun termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro.

Obradoiro de formación no proxecto de Meteoescolas

Na última semana do mes de novembro puxemos en funcionamento a web de meteoroloxía do noso centro para recoller todas aquelas novas relacionadas co proxecto Meteoescolas.

Todo o alumnado e profesorado implicado participou activamente na biblioteca do cole nun obradoiro de formación para ser quen de rexistrar e introducir os datos meteorolóxicos observados na web.

Neste obradoiro traballamos cos datos meteorolóxicos reflectidos en Meteogalicia dos meses de setembro, outubro e novembro de 2014.

Asemade, tamén realizamos prácticas de medida co pluviómetro e o termómetro de máximas e mínimas, que de momentos son os aparellos de que dispomos na nosa estación.


 

Estación meteorolóxica de Leo

A finais de novembro, e grazas a colaboración de varios membros da comunidade educativa do cole, foi instalada a nova estación meteorolóxica do CEIP Manuel Sueiro.

Dita estación está situada na zona norte do colexio nunha parte despexada do recinto para recoller coa mallor precisión posible os datos meteorolóxicos do noso barrio.

Os rexistros que cada día indiquen os aparellos da estación, serán reflectidos na nosa web e na web oficial que Meteogalicia pon a disposición dos centros que participan no programa de Meteoescolas.

De momento, a estación conta cun termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro.

Obradoiro de lectura sobre o oficio da castañeira

Durante o mes de novembro, no tempo dedicado á Hora de ler, o alumnado de 2º curso participou nun obradoiro de lectura sobre o oficio da castañeira.

Ademais de traballar a lectura do conto da castañeira, realizamos un cartaz entre todo o grupo de clase sobre a castañeira que nos serviu para decorar a exposición de traballos do magosto.

Distribuir contido


by Dr. Radut