Iniciar sesión: Acceso

blogue derocio

ESTABLECENDO RUTINAS

Ola familias!!

Xa estamos comezando a adaptarnos de novo ás rutinas. Por iso xa comezamos coa asemblea e os compis de 5 anos foron os primeiros en comezar. Unha das rutinas deste momento é debuxar o esquema corporal na pizarra interactiva que xa case dominamos. 

Ademais como actividade de lóxica matemática realizamos sumas, conteo e identificación de número (esta actividade irá cambiando ao longo das semanas).

Como proposta de lectoescritura os peques de 3 anos empezaron a coñecer a súa inicial. E que mellor que facelo decorándoa con gomets, ao mesmo tempo que traballamos a motricidade fina, identificamos cores e forma xeométrica.

Os peques de 4 anos traballaron a formación do seu nome e o do resto dos seus compañeiros/as.

E os peques de 5 anos comezaron a coñecer o seu nome en minúscula. Primeiro formárono seguindo o modelo e despois buscaron as letras do seu nome no chan par poder compoñelo de novo.

Ademais traballamos a conciencia fonolóxica collendo un obxecto da casiña e identificando a súa inicial.

En relación as actividade de lóxica matemática, os máis peques da clase traballaron o conteo e a identificación de números.

Os peques de 4 anos traballaron na recta numérica coa axuda da profe Sareva. Tiraban o dado, daban tanto saltos como indicaba e identificaban o número ao que chegaban, ademais de dicir o seu anterior e posterior.

E os maiores da clase por un lado completaban a táboa do 100 e por outro coñecían os crucinúmeros, que consisten en completar unha plantilla partindo dun número dado, que buscaban na táboa do 100 para poder axudarse dela. Fixérono xenial.

No recuncho de arte manipulamos plastilina coas nosas manciñas para formar diferentes siluetas: estrela, nube, tartaruga, corazón...

Tamén celebremos os primeiros cumples do curso. Pepa e Nico decoraron as súas coroas e quedaron preciosas.

Tamén tivemos unha sesión de ioga despois do recreo para relaxarnos un pouco despois de liberar tanta enerxía no patio.

E antes da merenda, facemos unha tarefa de subitización, é dicir, recoñecer dun golpe de vista o número de elementos que hai nunha colección.

Que hai neses pratos? Pois as nosas comidas favoritas que cada un/ unha debuxou.

Como actividade de cohesión de grupo formamos un quebracabezas cos nosos nomes, que previamente escribimos e decoramos. Somos un equipo e remamos no mesmo sentido.

Tivemos tamén unha sesión na que falamos do efecto que teñen as nosas palabras nos demais. Para iso realizamos a técnica do folio en branco. Se lle dicimos palabras feas vaise arrugando e facéndose pequeno, pero aínda que despois lle digamos cousas bonitas e se estire nunca volverá a ser o mesmo porque o dano xa está feito. Por iso temos que pensar antes de falar e de facerlle dano á xente que nos rodea.

Os peques de 3 anos das dúas clases traballaron o vocabulario das profesións e os materiais que empregan. 

E por último o venres tivemos a sorte de acudir a unha sesión de teatro na que Luis non ensinou a importancia de facer as cousas con corazón e axudar os demais.

Que orgullosa estou dos meus nenos e nenas!!!

Para a semana moito máis!!!Guiño

PRIMEIROS DÍAS

Ola familias!!! 

Aquí vos deixamos un vídeo da primeira semana de cole. Nel poderedes ver como os peques de 3 anos se ían familiarizando co novo espazo e os novos compis.

Ademais os de 4 e 5 anos tamén ían coñecenzo os cambios que había na aula e tos disfrutaron das diversas propostas que atopaban nos diferentes recunchos.

Na casiña o xogo foi libre para desenvolver o xogo simbólico e a imaxinación. Tamén disfrutaron do novo espazo da aula: os minimundos.

No recuncho de arte manipularon plastilina, pintaron con acuarelas, estamparons sellos de letras, debuxaron de forma libre e crearon debuxos con gomets, traballando así a creatividade e a motricidade fina. 

No recuncho de experimentos puideron experimentar e manipular diversos materiais como area, auga, boliñas de xel, arroz ou boliñas de textura máis forte para clasificar. Desta forma traballaron a motricidade fina, os trasvases, a pinza...

No recuncho de lóxica matemática tiñan propostas como quebracabezas, xogos de mesa para traballar a orientación espacial, as formas co bloques lóxicos, a atención, e a coordinación óculo- manual con pinchos e os policubos.

No recunho da lectoescritura tiñan materiais diversos como quebracabezas para traballar a conciencia fonolóxica, as letras traslúcidas para formar palabras como o seu nome ou pezas de cores e distinta formas para disfrutar da mesa de luz.

No recuncho da biblioteca tiñan libros para manipular de forma libre, compartindo momentos especiais.

Tivemos sesión de contos, tanto dos que traían os nenos e nenas, como os que propoñía eu, como por exemplo "O monstruo de cores vai ao cole".E tivemos unha sesión de escoita consciente que nos permite manter a atención na música e tamén nas formas que se representan mentres a escoitamos.

Ademais comezamos a familiarizarnos coa nova pizarra interactiva que temos na clase, posto que a empregaremos para debuxar o esquema corporal no momento da asemblea.

E por suposto xogo libre coas construccións e un novo material que consta duns tubos de plástico de cores cos que poden crear pequenas piscinas para os animais ou de forma cooperativa e espontánea crear un circuíto para levar unha bola dun lado da clase ao outro.

Para finalizar a semana todos levamos unha medalla por superar esta primeira semana cun rotundo éxito.

Desexando amosaros o que iremos facendo durante todo o curso.Sorriso

BENVID@S!!!!

Ola familias!!!!

Xa deu comezo un novo curso e estamos listos e coas pilas cargadas para compartir experiencias marabillosas. 

O luns recibimos aos peques coa presenza dun dragón chino, posto que este curso o proxecto do cole é A volta ao mundo: Asia. Os peques de 4 e 5 anos sacaron unha foto co dragón e co lema escrito en chino Imos a esforzarnos!! (os pequerrechos de 3 anos estaban co período de adaptación e chegaron un poquiño máis tarde).

Aquí vos deixamos un vídeo dos momentos compartidos no recreo. Sorriso

GRADUACIÓN E FIN DE CURSO

Ola familias!!!

O mércores vivimos un día cheo de emocións. Os nosos peques de 5 anos graduáronse, rematan a súa etapa en infantil e eu non poido estar máis orgullosa delas e deles. 

Estiveron acompañados por vós, as familias, ás que vos digo GRAZAS de corazón; e por todos os compañeiros/as do cole. 

En setembro comezan unha nova etapa da súa vida que virá chea de novas experiencias e aprendizaxes. 

Parabéns meus pequerrechos!!!

Despois tivo lugar o festival de fin de curso onde todos os grupos realizaron actuacións. No noso caso, os peques de 5 anos interpretaron unha obra de teatro "Yo amo la tierra" sobre o coidado do medio ambiente.

Ademais, todo o alumnado de infantil, bailou a canción de "El rock de las emociones" de Marina e os Emoticantos, dentro do programa de Educación Responsable. Fixérono xenial e a profe Iria e eu estamos moi orgullosas deles.

Aquí vos deixamos os vídeos de ambas actuacións.

Desfrutade do verán e vémonos en setembro!!!!Sorriso

DERRADEIROS DÍAS DE COLE

Ola familias!!

Estes tres últimos día de cole foron máis relaxados. Os nervios polo fin de curso e as vacacións eran patentes, por iso as propostas eran un repaso e houbo moito xogo libre.

O luns falamos da excursión á granxa: que foi o que máis nos gustou, o nome dos animais, como nos sentimos...

Despois escollimos o nome de dous dos cabalos nos que puidemos montar, Chocolate e Godello, e con cada unha das súas letras escribimos outra palabra nova, afianzando un pouquiño máis a conciencia fonolóxica.

O martes foi o turno de lóxica matemática. Primeiro nomeamos todos os animais que víramos na granxa e contamos as súas letras. Despois buscamos o número na casiñas das familias.

Tamén acudimos á estrea do corto que o compañeiros/as de 5º e 6º de primaria fixeron sobre a igualdade.

E grazas á profe Lidia puidemos plantar unha faba cunha palabra especial, agarimo, que foi a máis votada o día das Letras Galegas. Para iso botamos terra nunha pequena maceta biodegradable, plantamos a faba e lle botamos un poquiño de auga. Agora  a ver como medra.

E o último día estivo cheo de emocións, apertas, bicos, sentimento a flor de piel e actuacións, por iso merece unha publicación a parte que en breve poderedes ver. Guiño

Distribuir contido