DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER_25 NOVEMBRO

Co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a eliminación da violencia de xénero, no CEIP de Arzúa leváronse a cabo as seguintes actividades:

- Mural da entrada. Baixo o lema "Non te pares ante a violencia: Móvete!", o alumnado de 6º A preparou este mural que preside a entrada do colexio. 

- Mural colectivo, co título "Déixaa que baile!". A letra da canción de Melendi e Alejandro Sanz inspirounos para realizar estoutro mural que reivindica a liberdade da muller á hora de realizarse como tal. Escollemos algunhas frases significativas como:

  •  "Ela non é unha princesa delicada".
  •  "A ela nin ti nin ninguén lle para os pés".
  •  "Ela non é só o que ves".
  •  "Baila con ela nesta festa que é global".

- Traballo desta temática a partir de distintos contos, segundo a idade do alumnado. Seguimos así enriquecendo os fondos da nosa biblioteca. 

- Proxección de películas. Aproveitando o eixe vertebrador deste curso "Á volta ao cine en 274 días", estase a traballar con distintos filmes que fan referencia á temática da igualdade de xénero. 

Deixámosvos aquí o trailer de dúas das películas seleccionadas:

 

 

- Taller para traballar a igualdade en 5º E.P. David, un rapaz madrileño que pertence á "Asociación de Hombres por la Igualdad de Género" (AHIGE), axudou ao alumnado de 5º E.P a analizar os videoxogos. Despois de facer algunhas actividades, chegaron á conclusión de que os videoxogos inflúen no noso comportamento e contribúen a perpetuar as diferenzas entre os dous xéneros.

 

- Charla da garda civil, dirixida ao alumnado de 5º e 6º E.P. Nesta charla reflexionouse sobre as diferentes formas de exercer a violencia de xénero: física, psicolóxica ou sexual, e como podemos buscar a solución a este problema que afecta a toda a sociedade; a través da educación para a igualdade e liberándonos de moitos prexuízos.

  

DÍA DA INFANCIA

 

O 20 de novembro conmemórase o Día Universal dos Nenos e das Nenas. É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos/as, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

No colexio levamos a cabo diversas actividades: ademais de traballar cada un dos dereitos da infancia, fixemos un mural común onde quedaron ilustrados e rotulados. O mural leva por título "Dereitos da Infancia" e quedounos así de bonito.

 

Traballamos os seguintes dereitos:

  • Medrar en liberdade

  • Xogo

  • Familia

  • Coidados especiais

  • Identidade

  • Non ser maltratado/a

  • Nos ser discriminado/a

  • Educación

  • Saúde

     

              

 

Ademais tivemos a oportunidade de asistir á Casa da Cultura a ver uns espectáculos ofertados polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.

O luns 18 o alumnado de Educación Infantil viu o espectáculo "Gatuxo" de Magín Blanco.

Gatuxo é unha metáfora do crecemento da infancia e do descubrimento do mundo dende unha perspectiva artística: Gatuxo é arquitecto dunha caixa, é músico na cociña, é pintor de garabatos, é bailarín de claqué, é cantante, é titiriteiro cos obxectos cos que salta, e, por suposto, é o narrador da súa propia historia.

 

                           

 

 

O martes 19 o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria asistiu ao espectáculo UMMM! De Teatro Avento.

Cancións, bailes e cores arroupan unha historia sobre as diferenzas, a autenticidade e o valor de traballar en equipo para aprender a ver o mundo cos ollos do outro.

 

 

O mércores 19 o alumnado de 4º, 5º e 6º viu o espectáculo "Nómades" de Xarope Tulú.

É un espectáculo onde o movemento, a música e a palabra invitan a viaxar por paisaxes singulares. Somos nómades, transitamos sen morada nin corpo fixo. Habitamos a beleza do diverso, esa beleza que da cor a outros corpos e facilita a aparición de novas tonalidades, texturas e maneiras de vivir, onde non existe un corpo equivocado, onde é posible imaxinar ás persoas en abstracto.

                              

 

 

Arrancamos cos programas do Plan Proxecta

Como inicio ao Plan Proxecta, concretamente aos programas de "Sustentabilidade e Paisaxe" e "Aliméntate Ben", que se van levar a cabo no CEIP de Arzúa ao longo do curso 2019/2020, o pasado xoves 7 de novembro tivemos a oportunidade de visitar no IES de Arzúa unha exposición de cogumelos realizada polo alumnado de agraria. Nesta exposición, o alumnado participante nos programas anteriormente mencionados puido observar unha morea de exemplares de cogumelos, así como os seus nomes e a idea de que hai cogumelos comestibles e outros que son velenosos, sendo a "micoloxía" a ciencia que os estuda.

 

Mostráronnos tamén como certos cogomelos cambian a cor da súa carne ao cortalos.

 

Espertáronse curiosidades como algún nome ("peido de lobo") e a idea de que se poden identificar os cogumelos a partir das súas esporas. Observamos as "esporadas" ou impresións de esporas (mancha formada polo conxunto de esporas que deixa caer un cogumelo maduro sobre unha superficie), que son importantes para identificar o cogumelo, debido a que a súa cor varía con cada especie e tamén permite iniciar algún cultivo partindo destas esporas.

Quédannos moitas cousas por aprender dos cogumelos. O outono vístese de cores e móstranos a súa beleza, na que contrastan vermellos, ocres e dourados, mesturados cos verdes das follas perennes.

Se chove, medran os cogumelos. Hainos no campo, nos bosques e ata nos xardíns e cada paisaxe ten os seus. O níscalo por exemplo é típico dos pinares. Para buscalos temos que valorar a vexetación e hai que saber de árbores, xa que certos cogumelos só están debaixo dun tipo de vexetación (arbusto, árbore,...) e isto é básico para saber o que buscamos. Canto nos queda por investigar...e farémolo a partir desta visita, porque... os cogumelos, que son? plantas? fungos? froitos?...que é unha planta? e un fungo? e un cogumelo? en que tipo de paisaxe medran? que precisan para medrar? queremos facer esporadas?... Adiante pequenas e pequenos...

MAGOSTO 2019

O Magosto é unha festa tradicional na que a castaña é a verdadeira protagonista. Trátase dunha celebración relacionada coa recolección de castañas na que se prepara unha fogueira para asalas en torno á cal se reúnen os veciños e veciñas para compartilas.

Nós, hoxe, tamén quixemos celebrar o noso Magosto, comendo castañas en compañía dos nosos amigos e amigas.

                       

Aínda que o tempo non acompañou para poder celebrar os tradicionais xogos con castañas, puidemos festexar este día xogando e comendo castañas cos nosos compañeiros e compañeiras. Foi igualmente moi divertido!

                            

 

 

Esperamos pacientemente na fila para recollelas, e despois degustámolas todos xuntos e xuntas!

 

                                                

                   

Pero o día non rematou aquí!

Despois desta celebración tivemos a oportunidade de asistir a un espectáculo de maxia organizado pola ANPA e subvencionado pola Diputación da Coruña. Contamos coa visita do Mago Benxamín, co seu espectáculo "Máxico 2019".

                                 

                      

Foi un espectáculo moi divertido no que nos ilusionamos con moitos trucos de maxia. Ademais, algúns nenos e nenas, e algunhas mestras, puideron ser os e as protagonistas dalgún deles, e foi verdadeiramente emocionante.

 

                                            

En resumo, pasamos unha xornada moi divertida con todas estas actividades. Feliz Magosto!

SAMAÍN NO SEGUNDO NIVEL DE EP

Na aula de 2º nivel de primaria levamos acabo a celebración do Samaín con moitas actividades, tanto a nivel aula como familias. se queredes ver como o pasamos e o que fixemos preme na imaxe

 

TEMPO DE SAMAÍN

Un ano máis, o CEIP de Arzúa, celebra o Samaín realizando unha morea de actividades para dar a coñecer esta festa, que representa a época do ano en que os antigos celtas gardaban as provisións para o inverno e sacrificaban animais. Remataba o tempo das colleitas e tocaba prepararse para a chegada do frío. 

Os corredores do centro enchéronse de cabazas  e vasoiras decoradas con motivos relacionados co cinema, a temática deste curso, e a biblioteca preparou o seu recuncho de lecturas de medo.

        

 

   

          

 O alumnado de E. Infantil fixo moitas manualidades relacionadas co Samaín e desfrutaron onte dunha xornada moi especial. 

    

       

Pero tamén houbo momentos para gozar do cinema e ata unha bruxa visitou aos máis pequenos e pequenas do cole!!

   

Os maiores tamén viron curtametraxes de medo que lles serviron para traballar a expresión oral e escrita e os de 6ºE.P prepararon PowerPoints, onde intentaron resumir o máis importante desta festa celta. 

 Deixámosvos un PowerPoint realizado polo alumnado de 6ºE.P. Esperamos que vos axude a entender un pouco mellor o Samaín.  

Preme aquí

 

Ti por que razón les?

Os equipos de Actividades Extraescolares, Dinamización Lingüística e Biblioteca, con motivo tamén da celebración do Días das Bibliotecas Escolares propuxemos unha actividade á que chamamos "Ti, por que razón les?".

 

Nesta proposta colaborou todo o cole, e entre as motivacións que argumentaron os nosos nenos e nenas polas que a lectura é importante nas nosas vidas saíron as seguintes:

     
     
     

 

Así que xa sabes: a lectura é esencial, por iso é algo que temos que alimentar ao longo da nosa vida. O noso alumnado teno claro.

 

Sesión de animación á lectura con Erica González

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas escolares esta semana visitou a nosa biblioteca a actriz e contacontos Erica González. Erica converteu a nosa biblioteca, por unhas horas, nunha selva na que soñou e imaxinou que ocorrían moitas historias.

A raíña foi a serpe “Manchitas” que conquistou o corazón dos nosos pequenos e pequenas.

 

Pero foron moitos os animaliños que protagonizaron os contos de Erica, e que nos ensinaron valores aos humanos: o dragón Zog, por exemplo amousounos que coa amizade e a igualdade se pode conseguir un mundo mellor. Un pequeno rato, que tamén vivía nesta selva imaxinaria, ensinounos que o tamaño non é o máis importante, senón as gañas de facer as cousas e o empeño que poñamos para conseguilas.

Tamén rimos moitos coa xirafa Marcelina, que non sabía nada de cociña pero quería facerlle unha gran cea que lle gustase a súa sobriña. Que desastre de cociña!

 

 

Aos máis maiores Erica lembroulles o importante que é abrir as mentes á imaxinación nun mundo tan dixitalizado e sobreinformado. Para iso botou man dun conto no que o protagonista, Karín, soñador e valente, que vivía nun país devastado polas guerras, soñaba con ver cebras. Pois ben, o bo corazón dos seus amigos conseguirá facer realidade os desexos deste rapaz.

Tamén lle botaron imaxinación para ver ao flamengo Renato Nicanor bailando flamenco. Foi moi divetido descubrir, grazas a esta simpática ave, que nada é imposible para un corazón disposto. Todo esforzo ten a súa recompensa.

A nosa polifacética narradora animounos a cantar a historia do namoramento dunha pulga e un piollo, acompañada de dúas culleres e dos coros deste magnífico auditorio.

 

Para rematar endulzounos a sesión cun rico “pastel para inimigos” que nos descubriu que o noso primeiro inimigo se pode converter no noso primeiro amigo.

 

 

Grazas Erica por estas divertidas leccións de valores e por amosarnos, unha vez máis, que os libros e a lectura espertan a nosa imaxinación e enriquecen o noso corazón, e a nosa mente. Grazas.

O ALUMNADO DE 4º, 5º E 6º DE EP RECIBE A VISITA DE XOSÉ ZAPATA

 

No día de hoxe, o alumnado de 4º,5º e 6º de Educación Primaria estivo de sorte!

En relación á temática de traballo deste ano, A volta ao cine en 275 días, contamos coa visita de Xosé Zapata: guionista, produtor e director. Un pracer para nós!

 

Adentrounos un pouquiño máis no mundo do cine e aprendemos moitísimas cousas que descoñeciamos sobre este tema.

O primeiro que fixemos foi coñecer que significa "Flipbook", e soubemos que é un libro que contén unha serie de imaxes que varían gradualmente dunha páxina á seguinte, para que, cando as páxinas se pasen rapidamente, as imaxes parezan animarse simulando un movemento; en definitiva, ver unha historia en movemento. Foi moi divertido! Quixo ensinarnos que iso tamén é cine.

 

 

                                        

Logo, preguntounos que era o cine, e aínda que demos unhas respostas máis acertadas que outras, chegamos á conclusión despois de todo o que aprendemos hoxe, que é a maneira de reproducir unha imaxe en movemento. Isto asombrounos moito, pero tivemos a oportunidade de velo en primicia.

Así, falando de que os irmáns Lumière foron os inventores do cinematógrafo, é dicir, que inventaron o cine no ano 1895, tivemos a oportunidade de ver unha cinta ou bovina, chamada celuloide, e comprobamos que era unha secuencia de fotos.

                     

Aprendemos que era un fotograma (cada unha das imaxes impresas na tira de celuloide) e comprobamos que cando unha secuencia de fotogramas é visualizada de acordo a unha determinada frecuencia de imaxes por segundo, lógrase xerar a sensación de movemento no espectador, foi moi curioso! Asi, xa soubemos o que significaban as siglas FPS ( fotograma por minuto) e agora xa sabemos que a fórmula desa frecuencia é de 24 fotos/seg. Así prodúcese a ilusión de movemento.

 

Tivemos a gran sorte de proxectar unha película!

Para iso, seguimos os dous pasos principais: o primeiro, introducir o celuloide, e o seguinte, acender a lámpada de luz. Película proxectada!

         

 

                                        

Despois, vimos un trailer da película Fantástico Sr. Fox. Soubemos que era unha peli de animación, e despois de todas as cousas que xa aprenderamos, descubrimos que como mínimo pasaban 24 fotogramas por minuto e que, en definitiva, estabamos vendo imaxes paradas en movemento.

Tamén tivemos a sorte de poder ver unha réplica dos bonecos que se utilizan para animar en películas comas esta. Sorprendeunos o seu tamaño.

 

 

                     

 

Ademais, coñecemos novos aparellos como a empalmadora ( para poder unir as películas e que duren máis), unha lata de cine ou unha claqueta orixinal.

                        

E, para rematar, fíxonos unha pregunta: o que vemos gravado nunha pantalla é realidade ou ficción?

Chegamos á conclusión de que o que vemos non é real, senón que é unha representación da realidade.

 

A sesión rematou cun dato moi curioso. Vimos a primeira imaxe que se viu en movemento no cine. Pareceunos moi gracioso o dato de que a primeira vez que se proxectou, a xente saíu correndo da sala, posto que ao ver un tren en movemento pensaron que os ía atropelar, xa que era a primeira vez que vían unha imaxe en movemento.

                    

Encantounos! Grazas Xosé Zapata por tantos datos curiosos e por adentraernos un pouquiño máis no mundo do cine!

 

Powered by Drupal - Design by artinet