Sesión de animación á lectura con Erica González

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas escolares esta semana visitou a nosa biblioteca a actriz e contacontos Erica González. Erica converteu a nosa biblioteca, por unhas horas, nunha selva na que soñou e imaxinou que ocorrían moitas historias.

A raíña foi a serpe “Manchitas” que conquistou o corazón dos nosos pequenos e pequenas.

 

Pero foron moitos os animaliños que protagonizaron os contos de Erica, e que nos ensinaron valores aos humanos: o dragón Zog, por exemplo amousounos que coa amizade e a igualdade se pode conseguir un mundo mellor. Un pequeno rato, que tamén vivía nesta selva imaxinaria, ensinounos que o tamaño non é o máis importante, senón as gañas de facer as cousas e o empeño que poñamos para conseguilas.

Tamén rimos moitos coa xirafa Marcelina, que non sabía nada de cociña pero quería facerlle unha gran cea que lle gustase a súa sobriña. Que desastre de cociña!

 

 

Aos máis maiores Erica lembroulles o importante que é abrir as mentes á imaxinación nun mundo tan dixitalizado e sobreinformado. Para iso botou man dun conto no que o protagonista, Karín, soñador e valente, que vivía nun país devastado polas guerras, soñaba con ver cebras. Pois ben, o bo corazón dos seus amigos conseguirá facer realidade os desexos deste rapaz.

Tamén lle botaron imaxinación para ver ao flamengo Renato Nicanor bailando flamenco. Foi moi divetido descubrir, grazas a esta simpática ave, que nada é imposible para un corazón disposto. Todo esforzo ten a súa recompensa.

A nosa polifacética narradora animounos a cantar a historia do namoramento dunha pulga e un piollo, acompañada de dúas culleres e dos coros deste magnífico auditorio.

 

Para rematar endulzounos a sesión cun rico “pastel para inimigos” que nos descubriu que o noso primeiro inimigo se pode converter no noso primeiro amigo.

 

 

Grazas Erica por estas divertidas leccións de valores e por amosarnos, unha vez máis, que os libros e a lectura espertan a nosa imaxinación e enriquecen o noso corazón, e a nosa mente. Grazas.

Powered by Drupal - Design by artinet