Que calificativo poñerlle á xuntanza da primeira sesión deste curso do Club de Lectura da Veciñanza? Pois, sinceramente, foi mooooi "heavy". Si, si: "heavy", "heavy". Pero calma, non vos asustedes! O ambiente na biblio do Eusebio foi incrible. Comprendemos que iso que moitas veces tendemos a considerar "ruído" en realidade é o mellor dos silencios:
"un momento para fuxir, para evadirse, para non escoitar o verdadeiro ruído. Ese que de verdade esgaza a túa alma".
Si. Heavy metal e literatura. Drogas duras? Talvez menciñas, pílulas de dignidade; recunchos para sermos, explicármonos e encontrármonos.
Paseamos pola existencia tan humana das personaxes da novela, pequenas folerpas, efémeras, condenadas desde o nacemento á agonía, mais imprescindibles para constituír o fermoso manto branco de neve que é a vida. Esconxuramos dalgún xeito as súas miserias e fraxilidades e, co cariño de facelas nosas, identificármonos, fixémoslles a cada unha o seu particular "Resurrection Fest".
Celebramos a ousadía do escritor novel, explorador minucioso, ao agasallarnos coa personaxe de Sure3, folerpa que se coou sen o permiso do canon da novela negra. A heroicidade era outra cousa e nós sabiámolo.
Namorámonos do Xurés ou Peneda-Gerês, tanto ten. Habémolo patear, percorrer, con novos ollos, lembrándonos de Fina, de Padín, de Moncho... e tamén da Carbonaria, aínda que non haxa tartarugas en Salgueiro, Farnadeiros, Prado, no alto das Gralleiras nin no rego da Candaira, "alí onde o bosque frondoso do Iribo se apodera da ladeira".
Óscar Reboiras, grazas por este agasallo e por ser folerpa na Comunidade educativa do Eusebio Lorenzo Baleirón. Sabes que esta é xa a túa casa e este Club de Lectura a túa incondicionalísima e para sempre-efémera "Black Metal Mafia".
Ligazón Facebook