CLub Lectura Veciñanza

Club de lectura da veciñanza

Comezamos o ano coa lectura recomendada por Óscar Reboiras na última xuntanza do club: relato corto de Fabio Rivas, con prólogo de Anxo Angueira.

Podedes recollelos en conserxeria!!! 

Se queredes unirvos a nós, deixade recado no 881867041 e chamaremos axiña.

Un saúdo e feliz lectura.

Xuntanza Club de Lectura Veciñanza

Que calificativo poñerlle á xuntanza da primeira sesión deste curso do Club de Lectura da Veciñanza? Pois, sinceramente, foi mooooi "heavy". Si, si: "heavy", "heavy". Pero calma, non vos asustedes! O ambiente na biblio do Eusebio foi incrible. Comprendemos que iso que moitas veces tendemos a considerar "ruído" en realidade é o mellor dos silencios:
 
"un momento para fuxir, para evadirse, para non escoitar o verdadeiro ruído. Ese que de verdade esgaza a túa alma".
 
Si. Heavy metal e literatura. Drogas duras? Talvez menciñas, pílulas de dignidade; recunchos para sermos, explicármonos e encontrármonos.
Paseamos pola existencia tan humana das personaxes da novela, pequenas folerpas, efémeras, condenadas desde o nacemento á agonía, mais imprescindibles para constituír o fermoso manto branco de neve que é a vida. Esconxuramos dalgún xeito as súas miserias e fraxilidades e, co cariño de facelas nosas, identificármonos, fixémoslles a cada unha o seu particular "Resurrection Fest". 
Celebramos a ousadía do escritor novel, explorador minucioso, ao agasallarnos coa personaxe de Sure3, folerpa que se coou sen o permiso do canon da novela negra. A heroicidade era outra cousa e nós sabiámolo.
Namorámonos do Xurés ou Peneda-Gerês, tanto ten. Habémolo patear, percorrer, con novos ollos, lembrándonos de Fina, de Padín, de Moncho... e tamén da Carbonaria, aínda que non haxa tartarugas en Salgueiro, Farnadeiros, Prado, no alto das Gralleiras nin no rego da Candaira, "alí onde o bosque frondoso do Iribo se apodera da ladeira".
 
Óscar Reboiras, grazas por este agasallo e por ser folerpa na Comunidade educativa do Eusebio Lorenzo Baleirón. Sabes que esta é xa a túa casa e este Club de Lectura a túa incondicionalísima e para sempre-efémera "Black Metal Mafia".
 
Ligazón Facebook
 

Comezamos o Clube de lectura do alumnado!!

Este curso temos unha alta participación do alumnado. Estamos máis que felices!!

 

              

Xuntanza Club de Lectura da ESO

Na tarde de onte o Club de Lectura do alumnado de ESO partillamos xantar e sobremesa con Lois Pérez, autor da novela escollida para este primeiro trimestre: A gruta da torre, gañadora do "Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade". 
Tras dar boa conta de que o libro estaba beeeeen lido , o alumnado gozou especialmente do momento de indagar qué hai de autobiográfico na novela, qué personaxes son pura ficción e cáles teñen unha persoa de carne e óso detrás: encantoulles pensar que algúns existen, ao igual que parte das cousas narradas. Ai a rexouba! "Este barro mortal..."
 E tamén "interxeramos", como manda o Proxecto de Centro deste curso. O "team Lois + profes" viaxamos á nosa xuventude para certificar que esas tardes de bicicleta sen móbiles que se prolongaban até ben entrada a noitiña, na procura de pasadizos, casas enmeigadas, misterios que resolver querendo ser coma "Os cinco" de Enyd Blyton, existiron e forman parte de nós, da persoa adulta na que nos convertemos.
Houbo tamén crítica (somos un Club moi profesional). O final pareceunos un pouco precipitado, tendo en conta a implicación que tiñamos con cada un dos personaxes (lástima da limitación do número de páxinas!). O que si nos encantou foi lermos unha historia moi similar a esas que tristemente adoitamos consumir nas series e filmes norteamericanos, pero esta vez en clave de NÓS, "made in Galiza", cos nosos xeitos, feitos, paisaxes xeográficas vitais e emocionais.
Resumindo, e dito ao máis puro estilo dos oitenta, pasámolo "bomba". Lois, grazas pola naturalidade, xenerosidade e polo cariño co que viñeches a nós. Benvido á Biblioteca Anxo Angueira, non deixes de volver!
Aquí tedes o enlace á publicación no facebook.
 

COMEZA O CLUB DE LECTURA 22-23

Comezamos! O club de lectura de Secundaria estrea o logo deseñado pola compañeira Naiara Vidal para o anuncio da xuntanza informativa coa que principiamos este curso:

O libro escollido para este trimestre é A Gruta da Torre de Lois Pérez

Powered by Drupal - Design by artinet