O día de Rosalía fixemos un acto e desfrutamos das "rapeiras" Antía Méndez e María Rodríguez que recitaron versos da autora padronesa a ritmo de rap. Despois tocoulle o turno aos diferentes grupos que elaboraron centóns e os recitaron para o resto do alumnado e profesorado.
No enlace podedes ver o VÍDEO realizado polos departamentos de Galego e Debuxo.
Ademais de celebrarmos o Día de Rosalía, quixemos facer reflexionar o noso alumnado sobre a importancia da transmisión xeracional da lingua con motivo da declaración do día 21 de febreiro como “Día Internacional da Lingua Materna”.
Desde o EDL quixemos facer unha especie de “performance” de maneira que a actividade deseñada se fose construíndo pouquiño a pouco coa colaboración de todos. Así, o luns desa semana colocamos no Taboleiro de Dinamización: “DÍA INTERNACIONAL DA”. Enseguidiña comezaron as preguntas e as ocorrencias varias, ata a descuberta do final: LINGUA MATERNA. A partir de aí todo o alumnado foi recollendo nas súas casas e entorno familiar e veciñal palabras e expresións do galego que fosen importantes para eles desde o punto de vista afectivo. Por suposto, para que a cousa fose ben vistosa e colorida, recollemos toda esa riqueza verbal en post –its de cores en forma de corazón.
E que hai do profesorado? Pois é ben doado supoñer o que pasou: “Pero esta actividade é só para alumnos ou tamén podemos participar os profes?” Por suposto, A LINGUA É UN BEN DE TODOS!
Feito o mural e á luz dos últimos datos publicados en relación coa perda de falantes da nosa lingua a causa da falta da súa transmisión xeracional (http://www.crtvg.es/informativos/a-rag-advirte-dunha-quebra-na-transmision-do-galego-as-xeracions-mais-novas-3654310) cumpría unha fonda reflexión:
“Quedou BEN BONITO o mural, non si? Pois LEMBRA que as palabras, as LINGUAS, NON VIVEN en papeliños de cores.”
E que hai das nais e pais, avoas e avós, irmás, tíos... ? Por suposto, tamén podedes participar desta actividade. O único que debedes facer é entrardes no Facebook de Dinamización (o noso “Eusebio”) e deixarnos nos comentarios da publicación as vosas palabras e expresións.
QUE CONTINÚE A SEMENTEIRA!
Nos enlaces poderedes ver fotos das dúas actividades:
DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA