PROCESO ADMISIÓN 24/25
Proceso de admisión curso 2024/2025 (3)
Se queres acceder á aplicación informática do proceso de admisión preme AQUÍ
Podes consultar o manual para as familias AQUÍ
Podes consultar a normativa sobre o proceso de admisión: AQUÍ
·
Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
·
Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).
Proceso de admisión curso 2024/2025 (2)
Criterio complementario de Centro
Informamos que o criterio complementario aprobado polo Consello Escolar do centro IES Gonzalo Torrente Ballester con data 29/01/2024 é "residir en zona limítrofe á área de influencia do centro", acreditado mediante volante de convivencia ou certificado de empadroamento.
Pode consultar o criterio complementario no arquivo adxunto.
Proceso de admisión curso 2024/2025 (1)
Aberto o prazo de RESERVA DE PRAZA para o alumnado dos centros adscritos ao IES Gonzalo Torrente Ballester, desde o 15 de xaneiro ata o 5 de febrero.
Centros adscritos na ESO:
- CEIP Cabanas (Salcedo)
- CEIP San Martiño (Salcedo)
- CEIP A Carballeira (Lourizán)
Centros adscritos no Bacharelato:
- CPR plurilingüe Sagrado Corazón de Praceres
- CPI de O Toural
Este trámite debe facerse no centro de orixe, é dicir, no centro no que actualmente está matriculado o alumno/a, ou a través da aplicación admisionalumnado.
Recollida Solidaria de Xoguetes - Nadal 2023
Coma todos os anos, comezamos a Recollida Solidaria de Xoguetes a prol da asociación Boa Vida - Inclusión activa. Podedes facer as vosas aportacións ata o vindeiro 15 de decembro.
Lembrade que os xoguetes deben estar en bo estado e non ser sexistas nin bélicos.
Premios OPEN Science
Relación libros de texto para o próximo curso 2021-22
No próximo ano manteranse a maior parte dos libros de texto deste curso, ainda que algúns foron eliminados da lista, concretamente os de Lingua Castelá e Literatura de 3º e 4º da ESO. Para facilitar a consulta incluímos unha lista dos libros por niveis.
Torrente Solidario, disponíbel nesta páxina
Desde hoxe, 31 de maio de 2021, todos os interesados no blogue Torrente Solidario, promovido polo alumnado de VoEs, poderán conectar desde a páxina do centro premendo a ligazón presente na barra á dereita da páxina. Desfrutade del.
Listaxes provisionais Admisión
Infórmase de que están publicadas as listaxes provisionais de admisión para o curso 21/22. De acordo co artigo 30 punto 3, poderase formular reclamación ás listaxes provisionais no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación. Este prazo finalizará o 30 de abril 2021.
PLAN COVID do IES TORRENTE BALLESTER
O Plan Covid do IES Torrente Ballester, baseándose nas diversas normativas legais vixentes, recolle todas as medidas que a directiva do centro acordou tomar coa intención de preservar a saúde da comunidade educativa en especial dos membros desta que participan das actividades cotiás do centro como é o alumnado, o profesorado e o persoal non docente. As medidas do plan Covid foron remitidas ás autoridades académicas e aprobadas por elas polo que todas elas son de obrigado cumprimento pola comunidade educativa.
Normas de Organización e Funcionamento do centro
As Normas de Organización e Funcionamento do centro inclúen todos os aspectos necesarios para a actividade habitual do centro educativo. Nelas inclúense os horarios do centro e frecuencias de reunións de diversos organismos, a composición dos mesmos, as obrigas e dereitos do alumnado, profesorado e persoal non docente, normas de comportamento e procedementos corretores, entre outras informacións necesarias.
ENSINO TELEMÁTICO
ENSINO TELEMÁTICO
Estimadas familias
Desde o IES Torrente Ballester pretendemos manter a comunicación máis fluída posíbel coas familias do noso alumnado. Con todo a situación provocada pola Covid 19 está lonxe da normalidade e por tanto da comunicación fluída. Se a isto aumentamos a incerteza xeral de como afrontar as diversas situacións que poden darse no contexto desta pandemia as dificultades para comunicar informacións fiábeis e construtivas son aínda maiores.
En pasados días un grupo do centro foi posto en corentena por un caso de Covid 19 confirmado. Este confinamento foi decretado, como calquera outro que se poida dar no futuro, polas autoridades sanitarias en atención ás circunstancias concretas do caso.
Noutros casos son postos en corentena os contactos estreitos dos casos confirmados, no centro ou no entorno familiar, e destas diversas situacións derívase que alumnos ou mesmo grupos de alumnos permanezan na casa sen poder acudir á aula coa conseguinte dificultade para seguir o desenvolvemento normal das aulas.
Respecto do proceso de ensino-aprendizaxe durante os períodos de corentena, tanto individual como colectivos e mesmo de confinamento domiciliario xeral, as autoridades educativas teñen establecido unha serie de medidas que, no que atinxe ao alumnado e familias, paso a describir.
MEDIDAS PARA O ENSINO TELEMÁTICO
O alumnado en corentena individual (por contacto estreito cun positivo ou por ser positivo) ou en grupo, ten dereito a manter a actividade educativa nas condicións máis similares que se poida ás do ensino presencial, aínda que, como é fácil supor, a docencia por medios telemáticos non é equiparábel á presencial. Este dereito é tamén unha obriga polo que non conectarse sen causa xustificada pode ser motivo de aplicación das normas sobre faltas a clase e mesmo dos protocolos de absentismo, se for o caso.
En caso de non dispor de medios para tal conexión (falta de terminal, carencia de conexión a internet...) o alumno ou alumna deberá pór en coñecemento do centro esta situación para procurarmos subsanala á maior brevidades posíbel.
As familias disporán na Aula Virtual do centro de titoriais para coñecer os mecanismos básicos de comunicación entre o centro e o alumnado e familias. Tamén se dará a información correspondente na páxina do centro sobre cursos e charlas ao respecto (en pasados días subiuse unha convocatoria do CFR para información á familias)
En todo caso debemos diferenciar os casos individuais dos colectivos.
CASOS INDIVIDUAIS
Nun primeiro momento, o alumnado deberá conectarse á Aula Virtual do centro, en horario similar ao das clases presenciais, ou estar atento ao correo corporativo do centro, para recibir instrucións do seu profesorado para cada unha das materias. Pode haber un desaxuste temporal entre o inicio da corentena e as indicacións do profesorado porque a información interna ou as posibilidades do profesorado de conectarse poden demorar por diversas causas. Teñan en conta que o profesor dun alumno ou alumna en corentena ten que atender no seu horario habitual o resto do grupo e a outros grupos durante as mañás polo que a atención dese alumno concreto debe facerse fóra do seu horario de traballo.
GRUPOS EN CORENTENA
De ser un grupo o que está en corentena o profesorado procurará atender o alumnado do grupo nas horas marcadas para docencia presencial (horario de clases), sen prexuízo de que poida empregar outras horas para subir materiais, corrixir exercicios ou calquera outra actividade docente, mesmo comunicarse co alumnado a través de correo electrónico.
Baixo o criterio do profesor ou profesora empregarase videoconferencia (a través de Webbex) ou outras vías para impartir clases ou transmitir o temario e exercicios (vídeos, gravacións sonoras, material de texto, exercicios automáticos ou actividades para entregar…) que se transmitirán a través da Aula Virtual ou correo.
Segundo está estabelecido no plan de continxencia, o horario de clase-atención telemática será como mínimo o 60% das horas lectivas normais xa que ten en conta que a realización de exercicios e actividades ocupa unha porcentaxe, variábel segundo a materia, no horario habitual presencial.
EXAMES
No caso de coincidir a corentena con exames será decisión do profesorado adiar até a reincorporación ou realizar a proba por medio da Aula Virtual ou outros medios informáticos.
INCORPORACIÓN DO ALUMNADO EN CORENTENA
Unha vez pasado o período máximo de corentena, 14 días sen proba ou 10 despois de obtido un resultado negativo na PCR, o alumnado incorporarase á actividade habitual do centro no día seguinte.
PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS PARA O CURSO 2020-21
EN FICHEIROS ADXUNTOS PUBLICAMOS AS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS DOS DEPARTAMENTOS DO NOSO CENTRO
INFORMACIÓN BÁSICA PARA FAMILIAS DE ALUMNADO
INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS
A situación creada polo COVID-19 obrigou a toda a sociedade e, por descontado, ao centro a adaptarse e formular toda unha serie de modificacións importantes na vida académica para o curso 2020-2021. Para transmitir estas modificacións nos aspectos que afectan ás familias e ao noso alumnado enviamos esta circular.
Docencia presencial
Se non hai ningunha instrución en contra desde a Consellaría de Educación ao longo deste ano a docencia será presencial en todos os niveis e estudos.
Horario do centro:
Entrada e saída: o alumnado entrará ás 8:30 e sairá ás 15:00 horas os luns e xoves e ás 14:10 os martes, mércores e venres. Como regra as clases duran 50 min.
O centro estará aberto antes da hora de entrada (desde as 8:10). Para evitar aglomeracións no patio o profesorado de garda procurará que todos se comporten conforme ás normas de seguridade tanto no patio como no vestíbulo do centro.
Respecto da saída, para evitar aglomeracións, faranse dous agrupamentos de alumnado para saíren de modo diferenciado. Un grupo co primeiro toque de timbre, 3-5 min antes da hora de saída do día, e o segundo grupo co segundo toque de saída, na hora habitual.
Recreo:
O recreo durará 40 minutos. Para evitar aglomeracións os dous agrupamentos de alumnado farán o recreo en dous momentos diferentes da mañá. Un dos grupos terá o seu tempo de lecer entre as 11:00 e as 11:40. O segundo grupo terá o seu tempo de lecer entre as 11:50 e 12:30. Deste modo evitamos ter mais de 250 alumnos en cada recreo e isto permite que nos días de choiva poidan estar todos ou a grande maioría en espazos cubertos. Para este fin marcáronse no chan puntos, liñas e frechas de diversas cores para indicar as zonas de circulación (como se explica abaixo) e zonas de “estacionamento”.
Alumnos e grupos
Seguindo a normativa, o alumnado debe estar situados a metro e medio un do outro polo que a capacidade das aulas ten diminuído. As aulas tipo onde antes estaban 30 alumnos terán agora, como máximo 20 (as que teñan o cargador de ordenadores pasan a 19) por ese motivo houbo que ampliar o número de grupos (habitualmente 3 por nivel). Agora son 5 grupos de 1º da ESO, 5 de 2º da ESO, 4 de 3º da ESO, 4 de 4º da ESO. En Bacharelato seguirá habendo 4 grupos por nIvel (4 de 1º e 4 de 2º Bach).
Aulas:
Este desdobre de grupos obrigou a ocupar todas as aulas “normais” ou “tipo” e ademais servirse de aulas especiais para convertelas en aulas de referencia para certos grupos. A consecuencia disto é que algunhas materias perden o seu espazo natural e adaptado (aula de música, aula de tecnoloxía, por exemplo) e as optativas dos niveis superiores (4º da ESO e 1º e 2º de Bach) poden ter certas limitacións pois van ser impartidas en espazos relativamente inadecuados (biblioteca, salón de actos, laboratorios...).
En todas as aulas haberá unha solución hidroalcohólica a disposición do alumnado para se hixienizaren as mans ao entrar na aula. Tamén haberá unha papeleira con tapa de pedal e virucida e panos de papel para proceder á hixienización por parte de cada alumno do posto, ao final do día ou cando teñan que ocupar un posto que non sexa o seu. Cada posto está atribuído en exclusiva ao alumno ou alumna que se sente nel, coa excepción dos casos en que haxa que compartilos (desdobres ou agrupamentos especiais). Inclusive no caso de aulas específicas (informática, p. ex.) o posto de cada alumno será sempre o mesmo.
Seguindo as indicacións do protocolo da Consellería, os alumnos non poderán deambular pola aula nos tempos entre horas nin ir a ningún lugar excepto coa autorización expresa do profesor ou profesora presente. O comportamento ha de ser exemplar e evitar o contacto físico con outros compañeiros/as e calquera uso compartido de materiais escolares (bolígrafos, papeis, cadernos, calculadoras, correctores...) ou produto, nomeadamente alimentos e bebidas ou doutro tipo.
Circulación no centro
O alumnado será “informado” e adestrado sobre a circulación no centro de maneira detallada nos primeiros días do curso. Con todo aproveitamos para dar unhas referencias básicas sobre como circular polo centro.
No corredor exterior:
Están pintados no chan puntos vermellos e verdes separados entre si 1’5 metros como referencia tanto para a distancia entre alumnos/alumnas como para indicar as liñas básicas de circulación.
Excepto na hora de entrada (8:30) e na hora de saída do centro (14:10 ou 15:00), para entrar no centro o alumnado,ou calquera outra persoa, debe seguir a liña formada por puntos verdes. Para saír o alumnado debe seguir a liña formada por puntos vermellos.
No vestíbulo:
Unha vez hixienizadas as mans con xel hidroalcohólico, deberán percorrer o vestíbulo polos “carrís” destinados á circulación. Un para aproximarse ás escaleiras de subida, na parte dereita do vestíbulo, e outro para abandonar o centro na parte esquerda do vestíbulo (sempre para quen entra). Un terceiro corredor permitirá atravesar o vestíbulo desde as escaleiras de baixada até a cafetaría. Aínda un corredor permite ir do vestíbulo ao Dep. de Orientación ou Ximnasio.
Tamén haberá “carrís” específicos para facer cola e dirixirse á cafetaría, á biblioteca ou aos baños do vestíbulo, marcados con diversos signos no chan, a distancias de 1’5 mts para serviren de referencia para a distancia de seguridade.
No 1º, 2º e 3º andar
A circulación polos andares onde se sitúan as aulas farase sempre percorrendo os corredores pola dereita, seguindo as frechas azuis do chan. A distancia entre a punta dunha frecha e doutra é de 1’5 metros de modo que sirva de referencia para manter a distancia interpersoal. A circulación será dirixida polo profesorado de garda e o das aulas de onde proceda o alumnado.
O ascensor será de uso individual e unicamente para o alumnado ou profesorado que teña dificultades de mobilidade.
Uso de máscara
O uso da máscara é obrigado en todo momento, tanto na aula como no vestíbulo e exterior. Recoméndase que os alumnos traian, ademais da máscara posta, unha ou máis máscaras de reposto por se for necesario o seu uso por rotura, degradación, perda...
O uso debe axustarse ás normas publicadas na cartelería do centro (vestíbulo, corredores, aulas...). Unicamente pode baixarse para inxerir alimentos ou bebidas o tempo necesario para realizar esta acción.
Xel hidroalcohólico
Hai xel hidroalcohólico a disposición do alumnado tanto nas aulas como no vestíbulo. Porén recomendamos os alumnos levaren no seu estoxo ou mochila un bote pequeno de xel hidroalcohólico para hixienizar as mans en calquera momento sen necesidade de moverse pola aula ou o vestíbulo. Este bote poderá recargarse, baixo supervisión do profesorado, co contidos dos botes presentes na aula.
Limpeza do posto
Sempre que un/ha alumno/a ou alumna acceda ao posto que teña sido ocupado por outros, nunha aula de uso común (como a informática) ou de desdobre, debe hixienizar co virucida e o papel que lle forneza o profesor ou profesora. Esta limpeza inclúe a superficie da mesa e as partes inferiores dos laterais, o respaldo da cadeira e calquera outra superficie que poida tocarse coas mans. No caso de ter “anteparo” de separación o seu posto (por exemplo nos ordenadores da biblioteca) deberá desinfectar a súa parte. Tamén deben limpar o teclado, o rato e a pantalla do ordenador.
Titoría e entrevistas
A presenza de persoas no centro fica limitada ao alumnado ao persoal do centro. Os familiares do alumnado NON PODEN ACCEDER ao centro sen cita previa.
Para a comunicación ordinaria das titorías ou doutro tipo utilizaranse os medios telefónicos ou electrónicos a disposición. Unicamente poderán acudir ao centro en caso de teren cita e sempre fora do horario de recreos e cambios de aula, para evitar contacto co alumnado.
COMPROBACIÓN DIARIA DE SÍNTOMAS
Os familiares do alumnado do centro están obrigados segundo o estabelecido nas “Instrucións de actuación coordinadas en materia de saúde pública...” (DOG. 174 bis do 28-08-2020) a realizar unha comprobación diaria, antes de viren ao centro, da temperatura e o estado xeral da alumna ou alumno.
Se tiver calquera síntoma compatíbel cos síntomas propios da COVID-19 (febre, tose seca e persistente, dificultade respiratoria, debilidade...) deberán comunicalos ao centro, mediante chamada telefónica, así como ao pediatra e ficar na casa á espera das decisións médicas pertinentes.
Como mostra do compromiso dos familiares nesta comprobación pedimos asinen a DECALARACIÓN RESPONSÁBEL que enviaremos a través do alumnado no primeiro día de clase.
Enquisa de (auto)avaliación clínica
Síntomas fundamentais
¨ Febre superior a 37’5º C Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Tose seca Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Dificultade respiratoria Cando comezou o síntoma? ____________________________
Outros síntomas
¨ Fatiga severa (cansazo) Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Dor muscular Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Falta de olfacto Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Falta de gusto Cando comezou o síntoma? ____________________________
¨ Diarrea Cando comezou o síntoma? ____________________________
Tivo contacto nas últimas 2 semanas
¨ cunha persoa con COVID19 confirmado
¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19
Tipo de contacto:
Duración
Periodicidade
Distancia
Uso de máscara
Conviviu nas últimas 2 semanas
¨ cunha persoa con COVID19 confirmado
¨ cunha persoa en illamento por sospeita de infección por COVID19
TROCA DE LIBROS
O domingo 28 de xuño relizarase a actividade da TROCA DE LIBROS, Feira do libro usado, adiada polo Estado Alarma. Levade os vales e disfrutade do evento.
CONCURSO DE FRANCÉS
Con motivo do fin do curso o departamento de francés convoca un concurso para esta semana "Questions pour un champion" desde o luns 8 até o venres 12. Para máis detalles ver a imaxe. Moita sorte aos participantes
Fondo solidario de libros de texto e axudas para a adquisición de material escolar. Curso 2020-2021
1.- NORMAS XERAIS
Dirixida ao alumnado do centro, que pode solicitar:
- ALUMADO DE 1º E 2º DE ESO: Só axudas para adquirir material escolar. Este alumnado non poderá solicitar a participación no fondo solidario de libros de texto xa que ao ser o noso centro un centro EDIXGAL todo o alumnado destes niveis teñe garantidos un mínimo de 6 libros dixitais gratuitos.
- ALUMADO DE 3º E 4º DE ESO: Participación no fondo solidario de libros de texto e/ou axudas para adquirir material escolar.
2.- OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS
- Devolver os libros de texto recibidos do fondo solidario no curso 2019/2020.
- Conservar en bo estado os libros de texto recibidos do fondo solidario no curso escolar 2020/2021.
- Destinar o importe do vale de material a adquirir o material escolar que necesite.
3.-PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
PRAZO: As solicitudes poderán facerse entre o 20 de maio e o 19 de xuño de 2020.
MODO: O solicitante será o pai/nai/titor legal do alumno.
- Presentación electrónica: unha solicitude por fillo/a.
- Presentación non electrónica: unha solicitude única para todos os fillos admitidos no mesmo centro docente
LUGAR: As solicitudes poderán facerse:
- Preferiblemente por vía electrónica nos formatos dispoñibles na aplicación fondolibros: https://www.edu.xunta.gal/fondolibros a través da sede electróncia da Xunta de Galicia.https://sede.xunta.gal.
- Presencialmente no centro docente no que estea admitido o alumno para o curso 2019-2020.
- Calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
FORMULARIO: (Anexo I) dispoñible:
- No portal educativo, http://www.edu.xunta.gal
- Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería.
- Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA:
Xunto coa solicitude haberá que entregar a seguinte documentación, referida á situación a 31 de decembro de 2018:
- Anexo II: comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar.
- Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables.
Segundo a situación do alumno/a haberá que entregar outra documentación (sentencia xudicial de separación ou divorcio, documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbitofamiliar, resolución administrativa o xudicical que acredite a situación de acollimiento...).
4.- CALENDARIO DE APLICACIÓN
- Presentación de solicitudes: do 20 de maio ao 19 de xuño de 2020 (incluídos).
- Listaxes provisionais de admitidos e excluídos: 10 de xullo de 2020.
- Listaxes definitivas de admitidos e excluídos: 14 de setembro de 2020.
- Entrega de vales de material: do 16 ao 25 de setembro de 2020.
- Entrega de libros do fondo: do 16 ao 25 de setembro de 2020.
5.- LEXISLACIÓN APLICABLE
ADMISIÓN 2020. Cursos nos que hai que baremar.
Informamos que nos seguintes cursos temos que realizar o proceso de baremación de solicitudes de admisión de alumnado para o curso 2020-2021
1º ESO
2º ESO
O prazo de presentación de documentación xustificativa dos criterios do baremo é dende o 19 de maio ao 26 de maio de 2020 (ambos incluídos).
ADAPTACIÓN DAS PROGRAMACIÓNS DOS DEPARTAMENTOS DIDÁCTICOS PARA O 3º TRIMESTRE DO CURSO 2019-2020
En cumprimento das instrucións da Consellería de Educación damos publicación nesta páxina (ademais de nas respectivas páxinas da AULA VIRTUAL) as adaptacións da programación didática, motivadas pola crise do COVID19, pra o terceiro trimestre.
RESTABLECEMENTO DO PROCESO DE ADMISIÓN
No DOG de hoxe, 6 de maio de 2020, sae publicada a RESOLUCIÓN da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 5 de maio, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop).
Entre outros, o acordo sobre o RESTABLECEMENTO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21.
Os días habilitados para este procedemento serán desde o luns 11 de maio até o luns 18, ambos os dous incluídos em horário de 9’00 horas a 14’00 horas
NOTA: en vista das numerosas consultas lembramos que OS ALUMNOS DO CENTRO NON NECESITAN RESERVAR PRAZA para continuar cursando os seus estudos o próximo ano. Terán que matricularse nos primeiros días do mes de xullo, do que se dará cumprido aviso por este medio.
información sobre pendentes
Unha vez recibidas instrucións das autoridades educativas da Consellería, a dirección do centro, en coordinación cos xefes e xefas dos departamentos das diversas materias que se imparten no IES Torrente Ballester, acordou elaborar un cronograma para a realización telemática de probas para os alumnos que non teñan superado as materias pendentes por outros mecanismos establecidos polos departamentos. A concreción deste cronograma será publicado en próximos días.
As datas desas probas de materias pendentes de cursos anteriores estarán comprendidas entre os días 18, luns, e 29 de maio, venres para o alumnado da ESO e na semana do luns 25 ao venres 29 para o alumnado de 2º bacharelato.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- …
- seguinte ›
- última »