ENSINO TELEMÁTICO
ENSINO TELEMÁTICO
Estimadas familias
Desde o IES Torrente Ballester pretendemos manter a comunicación máis fluída posíbel coas familias do noso alumnado. Con todo a situación provocada pola Covid 19 está lonxe da normalidade e por tanto da comunicación fluída. Se a isto aumentamos a incerteza xeral de como afrontar as diversas situacións que poden darse no contexto desta pandemia as dificultades para comunicar informacións fiábeis e construtivas son aínda maiores.
En pasados días un grupo do centro foi posto en corentena por un caso de Covid 19 confirmado. Este confinamento foi decretado, como calquera outro que se poida dar no futuro, polas autoridades sanitarias en atención ás circunstancias concretas do caso.
Noutros casos son postos en corentena os contactos estreitos dos casos confirmados, no centro ou no entorno familiar, e destas diversas situacións derívase que alumnos ou mesmo grupos de alumnos permanezan na casa sen poder acudir á aula coa conseguinte dificultade para seguir o desenvolvemento normal das aulas.
Respecto do proceso de ensino-aprendizaxe durante os períodos de corentena, tanto individual como colectivos e mesmo de confinamento domiciliario xeral, as autoridades educativas teñen establecido unha serie de medidas que, no que atinxe ao alumnado e familias, paso a describir.
MEDIDAS PARA O ENSINO TELEMÁTICO
O alumnado en corentena individual (por contacto estreito cun positivo ou por ser positivo) ou en grupo, ten dereito a manter a actividade educativa nas condicións máis similares que se poida ás do ensino presencial, aínda que, como é fácil supor, a docencia por medios telemáticos non é equiparábel á presencial. Este dereito é tamén unha obriga polo que non conectarse sen causa xustificada pode ser motivo de aplicación das normas sobre faltas a clase e mesmo dos protocolos de absentismo, se for o caso.
En caso de non dispor de medios para tal conexión (falta de terminal, carencia de conexión a internet...) o alumno ou alumna deberá pór en coñecemento do centro esta situación para procurarmos subsanala á maior brevidades posíbel.
As familias disporán na Aula Virtual do centro de titoriais para coñecer os mecanismos básicos de comunicación entre o centro e o alumnado e familias. Tamén se dará a información correspondente na páxina do centro sobre cursos e charlas ao respecto (en pasados días subiuse unha convocatoria do CFR para información á familias)
En todo caso debemos diferenciar os casos individuais dos colectivos.
CASOS INDIVIDUAIS
Nun primeiro momento, o alumnado deberá conectarse á Aula Virtual do centro, en horario similar ao das clases presenciais, ou estar atento ao correo corporativo do centro, para recibir instrucións do seu profesorado para cada unha das materias. Pode haber un desaxuste temporal entre o inicio da corentena e as indicacións do profesorado porque a información interna ou as posibilidades do profesorado de conectarse poden demorar por diversas causas. Teñan en conta que o profesor dun alumno ou alumna en corentena ten que atender no seu horario habitual o resto do grupo e a outros grupos durante as mañás polo que a atención dese alumno concreto debe facerse fóra do seu horario de traballo.
GRUPOS EN CORENTENA
De ser un grupo o que está en corentena o profesorado procurará atender o alumnado do grupo nas horas marcadas para docencia presencial (horario de clases), sen prexuízo de que poida empregar outras horas para subir materiais, corrixir exercicios ou calquera outra actividade docente, mesmo comunicarse co alumnado a través de correo electrónico.
Baixo o criterio do profesor ou profesora empregarase videoconferencia (a través de Webbex) ou outras vías para impartir clases ou transmitir o temario e exercicios (vídeos, gravacións sonoras, material de texto, exercicios automáticos ou actividades para entregar…) que se transmitirán a través da Aula Virtual ou correo.
Segundo está estabelecido no plan de continxencia, o horario de clase-atención telemática será como mínimo o 60% das horas lectivas normais xa que ten en conta que a realización de exercicios e actividades ocupa unha porcentaxe, variábel segundo a materia, no horario habitual presencial.
EXAMES
No caso de coincidir a corentena con exames será decisión do profesorado adiar até a reincorporación ou realizar a proba por medio da Aula Virtual ou outros medios informáticos.
INCORPORACIÓN DO ALUMNADO EN CORENTENA
Unha vez pasado o período máximo de corentena, 14 días sen proba ou 10 despois de obtido un resultado negativo na PCR, o alumnado incorporarase á actividade habitual do centro no día seguinte.