1º Bacharelato. Xeolodía. Portomarín
10.05.2024
O alumnado das materias de Bioloxía e Xeoloxía e de Tecnoloxía Industrial de 1º Bacharelato, acompañados dos seus respectivos docentes María Padrón e Javier Barros, participaron no Xeolodía en Portomarín.
O Xeolodía é unha actividade de divulgación científica cuxo obxectivo non é outro que salientar o patrimonio natural do territorio desde a perspectiva xeolóxica. Co gallo de lograr ese propósito, desde o ano 2010 realízanse en cada unha das provincias do país saídas de campo gratuítas e abertas a toda clase de públicos o primeiro fin de semana de maio.
Os lugares escollidos para desenvolver un Xeolodía presentan grande interese xeolóxico e ademais ofrecen información rigorosa mais sinxela para que poida ser comprendida por persoas non expertas na materia.
Por unha banda, estas saídas de campo están guiadas por profesionais das Xeociencias. Coa súa axuda e as formas e estruturas a visitar, os participantes poden asimilar a paisaxe con outros ollos e non só. Permiten entender cal é o funcionamento do planeta como sistema dinámico aberto e cuxos recursos son a base indispensable do noso sistema produtivo e por fin ultimo do noso benestar. Por outra banda, o Xeolodía contribúe para que as persoas perciban con sensibilidade o incalculable valor do patrimonio xeolóxico coma unha parte indisoluble do medio natural. A necesidade de difundilo ten como finalidade protexelo coma un valor en si mesmo alén de fomentar hábitos de uso e consumo sostibles dos recursos naturais para as xeracións futuras. Neste contexto, dende o IES Río Cabe, os departamentos de Bioloxía-Xeoloxía e Tecnoloxía resolveron poñer en valor o patrimonio xeolóxico da bisbarra a través da primeira edición dun Xeolodía local, coa experiencia de que se asente se converta nunha tradición anual deste senlleiro centro educativo.
A escolla do concello de Portomarín para a análise das súas características xeolóxicas non foi unha decisión aleatoria. Este concello do interior lucense atesoura mostras de rochas, formas e estruturas non só de singular beleza senón tamén de especial importancia. Sen esaxerar, podemos afirmar que arredor do Miño se condensa toda a historia xeolóxica do substrato pétreo máis antigo da península ibérica.
Un espectáculo natural abraiante resultado da acción das poderosas forzas da tectónica de placas hai uns 300 millóns de anos. As pegadas dese colosal evento planetario afloran en forma de rochas intensamente pregadas e pouco frecuentes noutros puntos da paisaxe galega, que conforman o noso relevo. Unha orografía suave, testemuña do inexorable paso dos tempos xeolóxicos e vestixio de antigos mares e océanos que hogano se elevan cara o ceo en sólida harmonía.
Tomando como pano de fondo a historia xeolóxica, os alumnos e alumnas aprenderán conceptos relativos á orixe e á evolución dos materiais presentes no percorrido insistindo na importancia de cada forma e estrutura xeolóxica en relación á construción do relevo. Tamén se explicará en detalle cada una das litoloxías presentes: xénese, mineraloxía, textura, usos, aplicacións e sistemas de extracción.
E por último non nos esqueceremos de salientar o papel modelador da paisaxe que o Miño e o seu afluente Ferreira levan facendo durante todo o período Cuaternario. Vales fluviais, aluvións e meandros dan o toque final á configuración dun territorio cuxa orixe remonta aos primordios da era Paleozoica; ou sexa hai 500 millóns de anos.
Itinerario: Portomarín (ao carón do Miño) - Vilar - San Xulián – Bagude – A Barreira - Marxes do rio Ferreira e Portomarín (a carón da igrexa de San Nicolao).
Materiais: mapa xeolóxico 1:50000, mapa topográfico 1:25000, martelo de xeólogo, lupa, compás, instrumental químico e documentación gráfica como apoio ás explicacións sobre o terreo.
Interese: tectónico, petrolóxico, mineralóxico, xeomorfolóxico, ambiental e patrimonial.
Dificultade: baixa
3º ESO. Parque experimental de Sotavento. (Xermade)
09.05.2024
O alumnado de 3º ESO acompañado das súas profesoras Cristina Ouro e Silvia Moledo visitaron as instalacións do parque experimental de Sotavento onde, nun primeiro momento, o alumnado fixo unha reflexión colectiva sobre a relación entre a enerxía que se consume e as fontes de onde se obtén.
A continuación, alumnado e profesorado coñeceron de primeira man as instalacións do parque: visitar un eólico por dentro e montar distintos circuítos con placas solares, a casa bioclimática, comprobar o tamaño real da multiplicadora e o xerador dun eólico.
A finalidade da actividade é coñecer de primeira man o uso das enerxías renovables e as aplicacións que teñen para axudar a mellorar o noso planeta.
Foi toda unha aventura chea de novos coñecementos!
2º ESO. Visita á base contra incendios do Marroxo. Monforte de Lemos
08.05.2024
O 8 de maio de 2024 o alumnado de 2º ESO acompañado dos seus docentes Paula Gómez, Marcos López e Leticia Moreira, visitaron a base contra incendios do Marroxo. Nela puideron comprobar de primeira man os medios dos que se dispoñen para loitar contra os incendios e tiveron a oportunidade de entrar nun helicópetero en terra. Esta actividade serve para que o alumnado sexa coñecedor do gran problema que producen os incendios forestais e sexan capaces de valorar a loita contra estes así como ter coñecementos de como previr os lumes.
Queremos agradecer a atención e as explicacións prestadas por Tente, membro da base contra incendios do Marroxo.
Foi toda unha experiencia!
4º ESO. Rafting (Arbo)
06.05.2024
O luns 6 de maio o alumnado de 4º ESO, acompañado dos seus profesores Miguel Martínez e Francisco Pena, realizou unha actividade de Rafting no río Miño ao seu paso por Arbo.
Aberto prazo de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas curso 24/25 - Fútbol
O día 7 de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.
Ten acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Dispoñer do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico, acreditar méritos deportivos, experiencia profesional ou deportiva ou as tres condicións de forma conxunta
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específicos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.
c) As persoas que estando matriculadas no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, respecto de reclamación das cualificacións do curso 2023/24, deberán presentar igualmente a solicitude de inscrición no prazo establecido, e poderán realizar a proba de acceso de carácter específico de grao medio.
d) A superación da dita proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I
O prazo de inscrición será o comprendido entre o día 8 de maio e o día 26 de xuño de 2024.
No IES Río Cabe o próximo curso está previsto impartir o Nivel 1 das ensinanzas de Técnico deportivo en fútbol, polo que o alumnado interesado pode obter máis información na Secretaría do centro ou chamando ao teléfono 982 828034.
Calendario de exames extraordinarios ensino secundario para adultos 2º e 4º ESA
Os exames extraordinarios dos módulos 2 e 4 do ensino secundario para persoas adultas terán lugar os días 19, 20 e 21 de xuño dacordo co seguinte calendario:
Datas e horas dos exames finais convocatoria ordinaria dos niveis 2 e 4 da ESA
Durante os días 6, 7 e 10 de xuño terán lugar os exames finais dos distintos ámbitos dos niveis 2 e 4 da ESA da convocatoria ordinaria. As probas realizaranse na aula 004 (NIVEL 4) seguindo o horario que aparece a continuación:
3º ESO. Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. Proendos (Sober)
11.04.2024
Relatorio do arqueólogo Francisco Alonso Toucido e visita ao xacemento arqueolóxico de Proendos en Sober.
O pasado xoves 11 de abril foi un día cheo de actividades para o noso alumnado de 3º ESO e para as súas profesoras Fina Vázquez e Fe Tellado que están a traballar no Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. En todas elas tivemos a sorte de contar coa presenza do arqueólogo Francisco Alonso Toucido, un dos fundadores da empresa Tempo Arqueólogo, responsable das excavacións do xacemento de Proendos. Comezamos cunha entrevista feita polos nosos biblio-reporteiros de 3º ESO Antía e Rubén; con ela puidemos coñecer un pouco máis ao noso convidado; así soubemos que naceu en Marín (Pontevedra) pero que vive en Santiago, e que foi nesta cidade onde estudou Historia e onde tamén fixo un máster e un doutoramento en Arqueoloxía, unha paixón que xa lle vén desde cativo.
Logo da entrevista, Alonso Toucido deunos unha charla na que nos explicou todo o proceso que levou a “desenterrar” os restos que hoxe forman o xacemento de Proendos e como fixeron para datalos da época romana. Todo comeza no ano 2019 cando o concello de Sober contacta con eles para que pasen unhas máquinas (un magnetómetro e un xeorradar) para comprobar que había, baixo terra, nesa zona de Proendos. Os resultados foron moi bos xa que se detectou claramente a existencia dun gran edificio con varias estancias, unha ábsida, outros edificios máis pequenos nos arredores e unha estrutura con muros paralelos que se identificou cun horreum do s.I d.C (época romana) e que, probablemente, tivera varios metros de altura e varios pisos para almacenar cereal. O paso seguinte foi empezar co traballo das excavacións que se fixeron en varias sondaxes.
Despois da charla desprazámonos ata Proendos para visitar o xacemento. De novo, contamos coa compañía de Francisco Alonso quen nos explicou in situ o que, pouco antes, nos contara na charla. Visitamos tamén o hipocausto, bueno, máis ben “pisamos a terra e herba que o cubre” xa que, a día de hoxe, ao estar nunha finca privada, segue baixo terra. Pero, polo menos, sabemos que si hai hipocaustos na Ribeira Sacra.
A nosa visita rematou cun percorrido por Proendos guiado tamén por Alonso Toucido quen nos ensinou restos romanos (tégulas, rodas de muiño, rosáceas, mármores, aras, algunha columna, etc.) ou celtas (como os trisqueles) moitos deles reciclados polos veciños e colocados, por exemplo, nos muros das súas vivendas.
Francisco Alonso comentounos que é un afortunado por traballar no que máis lle gusta. Dicir que nós tamén nos sentimos uns afortunados por haber compartido toda unha mañá con el e por ensinarnos a coñecer e valorar un pouco máis o noso fermoso Patrimonio. Todo un privilexio!. Moitas Grazas Francisco Alonso Toucido!.
CS de Guía, información e asistencia turísticas. 2ª AVA . Saídas xaneiro febreiro marzo 2024
2ª Avaliación
XANEIRO 2024
O ciclo de Guías, información e asistencia turísticas comezamos as actividades extraescolares da segunda avaliación, do curso 2023-224, cunha práctica de visita guiada polo Concello de Sober a cargo de Paula Verao -alumna do ciclo-, continuamos cun desprazamento a Bóveda para coñecer a Casa da Memoria, a ferrería de Penacoba e o mirador do Alto do Coto.
En Proendos,Paula mostrounos os avances no xacemento onde se atopa o primeiro hórreo romano con muros paralelos do noroeste peninsular, os petroglifos do Xestal e os da Paxota -en Bolmente- e rematamos a actividade no mirador de O Boqueiriño. Resultou unha tarde moi interesante cunha futura guía que é unha grande divulgadora do seu territorio.
Rematamos xaneiro viaxando a Bóveda con moita curiosidade por saber da Casa da Memoria, un espazo cultural relacionado coa figura de Manuel Díaz González, coñecido como «o médico dos pobres», que foi o último alcalde republicano do Incio. Patricia e Julio, responsables da asociación, contáronnos a historia desta casa do século XIX que pertencía a unha familia de farmacéuticos e tamén a pretensión de preservar e divulgar a memoria do médico ao tempo que de desenvolven outras actividades culturais relacionadas co pasado histórico do territorio.
Dende a Casa da Memoria desprázamos á ferrería de Penacoba, unha das poucas vellas fábricas de ferro restauradas, alí vimos funcionar o mecanismo hidráulico que move o mazo e que fai rolar o ferro e dous grandes foles que avivan o lume da fragua.
A derradeira visita en Bóveda foi o Alto do Coto, un mirador de curiosa construción en forma de catapulta, dende onde podemos divisar un amplo territorio que comprende as serras do Incio, o val de Lemos ou as estribacións montañosas que pechan a vertente sur do canón do Sil.
FEBREIRO 2024
No mes de febreiro estivemos na adega Vía Romana coñecida como “A Heroica” na novela de Dolores Redondo, Todo esto te daré, premiada por Planeta en 2016; e rematamos o mes interesándonos polo tecido empresarial monfortino coa visita á fábrica de Calzados Losal.
A importancia do turismo enolóxico en Galicia -temos cinco DO- e na Ribeira Sacra, motiva o noso interese por coñecer a oferta das adegas da contorna. Nesta ocasión asistimos ás explicacións dos procesos de vinificación de Vía Romana, ademais degustamos algúns dos seus viños e percorremos os viñedos acompañados por Laura que exerceu de perfecta anfitriona.
124 anos de historia avalan a traxectoria de Calzados Losal que sigue a traballar cun importante compoñente artesanal e que nestes intres ten unha importante presenza no mercado exterior, exportando un 40% da súa produción.
Gonzalo comentounos como se leva a cabo o proceso de fabricación e de comercialización da empresa, unha das máis antigas de Galicia adicada á fabricación de calzado, e tamén nos explicou en que consiste o cosido “good-year”!
MARZO 2024
Marzo foi un mes cheo de actividades: Muferga, visita guiada ao románico de Chantada, visita guiada ao románico de Pantón e Centro do Viño de Monforte de Lemos.
Ir ao Museo do Ferrocarril de Galicia é visita obligada en Monforte, unha cidade que viviu o seu gran desenvolvemento ao converterse en importante núcleo de conexión ferroviaria alá polo século XIX.
Ver a “Mikado”, unha das poucas locomotoras de vapor operativa en España, o depósito de reparacións en forma de ferradura e a ponte transbordadora xiratoria sempre xustifica a visita. Ademais estivemos nos coches salón, vimos outros trens históricos, diversos instrumentos de control e sinalización e outros elementos propios do servizo ferroviario.
Con Bea da empresa Máis que románico visitamos Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira, mostras representativas do románico de Chantada; e Santo Estevo de Ribas de Miño en Escairón.
Quedamos con ganas de máis románico! Nesta ocasión sería Vicente, ex alumno e guía oficial, quen nos acompañaría polo románico de Pantón visitando o Mosteiro de San Salvador de Ferreira, San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré e Santo Estevo de Atán.
Rematamos as actividades da segunda avaliación cunha visita guiada por Mabel, ex alumna e guía oficial, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra. Mostrounos o espazo museístico referido ás actividades relacionadas coa Ribeira Sacra e coa cultura do viño e os cultivo dos viñedos. E, como non podía ser doutra maneira, acabamos degustando un viño da DO Ribeira Sacra.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- …
- seguinte ›
- última »