Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado.
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron.
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase.
As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!
Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.
Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.
Tedes ata o 20 de maio para participar.
Entregaremos dous premios en cada categoría.
Lembra: en lingua galega.
XVII Concurso literario + de relato curto + de poesía
Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.
Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.
O noso equipo Bonito-Bot gañou a III Olimpíada Robótica da UDC, que se celebrou o 14 de abril no CEIP Esteiro baixo a organización da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial. Participaron 26 equipos das provincias da Coruña e Lugo, máis de cen alumnos de Bacharelato e ESO.
Os retos consistían nun sigue liñas con obstáculos, na proba do barrendeiro e nunha competición de Sumo.
Moitos parabéns a Hugo Gorgojo, Gabriela Chumacero, Iago Ramos, Lucas Casal, Candela Fernández e Cayetana Trelles, estudantes de primeiro de Bachillerato e ao seu profesor de Tecnoloxía, Santiago Pérez.
O xoves 11 de abril de 12:00 a 13:00h terá lugar na Casa da Cultura o recital da poeta Lúa Mosquetera que estará acompañada polo músico Pablo Seijas e da súa guitarra.
Lúa Mosquetera (Miño, 1988) é graduada en Lingua e Literatura Galegas pola USC. Conta con dous poemarios autoeditados: Rasrás (2018) e Aunque seas rara y seas pájaro(2020). O seu terceiro poemario escribiuno en galego e titúlase Espíderman (Galaxia, 2022). Un dos poemas incluídos neste libro, "Anorak de pel de caribú", mereceu o premio ARitmar de Mellor Poesía da Galiza 2021. Ese mesmo ano foi campioa do Poetry Slam galego e finalista do campionato nacional. ¡Yo vivo!é a súa primeira novela.
A súa linguaxe é directa e incisiva e a súa forma de recitar non deixa indiferente. Insírese no "Spoken word", que fusiona poesía con música ou teatro e ao que fai gústalle chamarlle recital acústico.
É ademais artista que decora pratos con mensaxes poéticas e inspiradoras, imparte talleres de bordado e tamén de escritura.
A raíz da primeira actividade da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, Ana Lestao (alumna de 4º ESO) e Yolanda Fernández (coordinadora de benestar e convivencia do IES Perdouro) foron entrevistadas en Radio Cope.
AQUÍ tedes o enlace no que podedes escoitar a entrevista. Nela resumen a temática da charla de resiliencia da fisioterapeuta Raquel Marqués e informan sobre o resto de actividades preparadas para esta semana.
Hoxe celebramos a carreira "La vuelta al cole" contra a leucemia infantil promovida pola Fundación Unoentrecienmil.
O noso alumnado de 1º e 2º ESO e algúns membros do profesorado percorreron o circuíto ata facer 448 voltas, co que conseguiron 448 €. O grupo que máis voltas conseguiu foi 1º ESO A con 91 voltas e, individualmente destacaron Sofía Ben, Óscar Fustes, Iago Maseda e Lucas Basanta que deron 6 voltas ao circuíto.
Á contía anterior súmase o resto da recadación reunida e a aportación económica da ANPA. En total son 860 € os que enviaremos á fundación para que a investigación sobre a leucemia infantil continúe avanzando.
Moitas grazas polas vosas ganas de colaborar e pola vosa xenerosidade.
Este venres 5 de abril de 10:00 a 11:00h celebrarase no IES Perdouro a carreira solidaria contra a leucemia infantil correspondente ao curso 2023-24.
O alumnado de 1º e 2º ESO, profesorado e persoal non docente está convocado a participar na carreira que contará coa axuda do CM de Xestión Administrativa na súa organización.
Pídese ás familias que actúen como patrocinadores e aporten os seus donativos. Cantas máis voltas se dean ao circuíto que se establecerá no camiño dos Colexios, maior será a doazón para a Fundación Unoentrecienmil.
Esta fundación leva dez anos aportando fondos para a investigación contra a leucemia infantil, que é o tipo de cáncer máis frecuente durante a infancia. Avanzouse moito durante estes dez anos e queremos que o avance sexa o máis rápido posible. Fixéronse cambios no protocolo de tratamento da leucemia infantil en toda España e agora sabemos que o deporte axuda á curación, que a leucemia ten un compoñente xenético e que isto pode favorecer a prevención.
Corremos por unha boa causa. Colabora con ela enviando o teu donativo ao centro a través da túa filla ou fillo ata o venres 5 de abril.
Contaremos coa psicóloga Nuria Revuelto Crespo para abordar a comunicación cos adolescentes. Esta actividade insírese no programa Lectura e Familias e tamén dentro da celebración da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia do IES Perdouro.
A especialista en Educación Emocional impartirá un obradoiro destinado a nais e pais para a adquisición de habilidades e competencias persoais e emocionais no ámbito familiar dos adolescentes co obxectivo de reducir os conflitos e mellorar a convivencia xestionando de forma apropiada as emocións negativas e aprendendo a xerar emocións positivas.
Aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02.
Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.
Mañá venres 22 de marzo acaba o prazo para a recollida de pilas. Traede todas as pilas e baterías de litio que poidades e vádeas depositando na caixa da aula ou botádeas directamente no colector de diante de conserxería.
O venres 22, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levar as pilas da aula á entrada do edificio 1, diante de conserxería.
A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado.
Por terceiro mes consecutivo 4º ESO B gañou o concurso mensual de Aulas Limpas.
Neste mes de febreiro destacaron tamén a aula 101, de 4º PDC, e a 211, de 2º Bacharelato A. O grupo de 4º ESO PDC tivo o segundo posto durante estes tres meses e a súa aula é a que, polo momento, máis se achega á puntuación de 4º ESO B.
As aulas que están en primeiro lugar destacan pola orde e a limpeza no chan, o taboleiro ordenado e a recollida de pilas e material escolar. Ademais, deixan sempre as luces, o ordenador e o proxector apagados. No único que terían que fixarse máis é en deixar as persianas e as ventás na colocación correcta: cunha ventá central aberta para ventilar e nos extremos as persianas baixadas e as ventás cerradas.
Recordamos que non se poden pegar chicles debaixo das mesas porque iso tamén se revisa.
Moitos parabéns ao grupo gañador e recomendamos constancia para o resto dos grupos. Quedan os resultados de catro meses de curso, de marzo a xuño. Aínda estades a tempo de gañar o concurso mensual Aulas Limpas e conseguir premio de cafetería no recreo para todo o grupo.
Este curso 2023-24 participamos no reparto de froita fresca do Fondo Galego de Garantía Agraria. Este reparto está financiado con Fondos Europeos. Con esta iniciativa foméntase o consumo de froita fresca e promóvense hábitos de alimentación saudable.
Aproveitade para tomar froita fresca nos recreos!
Podedes ver máis imaxes do reparto de froita AQUÍ.
Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás.
Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución.