(Burela, 18 de decembro de 2017)
Entre as actividades da nosa Asociación Os Matos encóntranse as charlas, conferencias e encontros con diversos poñentes que nos axudan a coñecer un pouco máis a nosa realidade e o entorno no que vivimos desde diferentes puntos de vista: histórico, xeográfico, económico, social, cultural, patrimonial… conseguindo, deste xeito, varios obxectivos: valorar o que temos, respectalo e difundilo.
Todos sabemos que un dos problemas graves que afectan a Galicia é o dos incendios forestais. Aínda temos na memoria as tristes imaxes ofrecidas polos medios de comunicación dos incendios do pasado mes de outubro, con perdas de vidas humanas e grandes zonas afectadas no aspecto ecolóxico e paisaxístico.
Para falarnos desta problemática convidamos a
Eloi Villada Legaspi a impartir unha conferencia na biblioteca do centro sobre “
Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática” e destinada ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. O ponente naceu no rural e vive no rural, na parroquia de Fonmiñá -concello de A Pastoriza-. Estudou en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola. Durante uns meses dedicouse a vender pensos compostos antes de gañar por oposición unha praza de Técnico da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro, incorporándose á delegación de Galicia, na Coruña. No ano 1983 pasou a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde empezaron co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Monte Común, que durou ata o ano 2015.