VISITA DE MARTÍN VARELA DOURADO A O MOSTEIRÓN

O venres 4 de maio o alumnado de terceiro e cuarto da ESO e parte do profesorado  do instituto disfrutou dun mestre moi especial: Martín Varela Dourado
Martín ofreceunos una clase maxistral do que é a súa especialidade, o tenis en cadeira de rodas, e unha valiosa lección de como afrontar a vida. A verdade é que a emoción estaba en todas as caras (e nalgúns ollos) pois, ademais de explicarnos as características do deporte cun montón de anécdotas, algunhas divertidas e outras dramáticas, Martín falounos do seu accidente, do seu desexo de saír adiante, da súa forza de vontade... Instounos a vivir a vida con entusiasmo e buscando a felicidade nas cousas máis sinxelas. Pediunos prudencia, sentido común e, sobre todo, respecto. Rexeitou a condescendencia e a compaixón  mal entendida (tamen a autocompaixón). Dixo que as únicas barreiras que importan son as mentais, as que nós mesmos poñemos. Contounos o seu proxecto de crear unha escola de tenis para nenos con discapacidade. Criticou (pouco, moi pouco) a falta de axudas e a mesquindade da Administración... e moitas, moitas máis cousas, pero, sobre todo, fíxonos reflexionar.
A actividade, que estaba prevista para unha hora, ao final durou dúas... o certo é que cando nunha actividade toca o timbre do recreo e ningún alumno se move é que verdadeiramente paga a pena o que se escoita!
Grazas, Martín, pola túa lección de vida, de deportividade, de optimismo, de sentido do humor, de vitalidade, de forza, de xenerosidade e de amizade. Algúns non esqueceremos facilmente a túa visita.

Máis información no blog da Esperela: pincha aquí

ENTREGA DE PREMIOS CORRELINGUA 2012

 

A organización do Correlingua 2012 entregou o día 16 de abril os premios dos concursos escolares deste ano,convocados todos baixo o lema Galego, todo o que buscas. Como xa sabedes, o noso instituto levou o premio ao mellor vídeo que xa circula por moitos blogs do país. Estamos moi orgullosos de todos os que o fixeron posible e tamén moi agradecidos cos que decidiron premialo e cos que o difunden.
As felicitacións, por suposto, tamén se estenden aos outros centros premiados neste certame e que son os seguintes:

O CPI Pontecesures(4º ESO) levou o premio ao  mellor Manifesto que di ...

Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios... enchen os anuncios por palabras dos xornais.Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:
SERVIZOS
A mellor vidente de tarot de Galiza. Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.
COMPARTO PISO
 Búscase universitari@ que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.
 FINANZAS
  Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.
 Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.
OCIO
 Divírtete  co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.
 SEGUNDA MAN
Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.
 DETECTIVES
 Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.
 POLO TANTO,
Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.
Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.
Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.
Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.
Vaite a OCIO, goza Galiza.
Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.
Vaite a Galiza, adora galego
Adórate, adóranos.
Se feliz: GALEGO,  TODO O QUE BUSCAS
                                           OS MUXES RADIOACTIVOS

                    
Pola súa banda, o premio á mellor banda deseñada foi ex-aequo para o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín. Podedes ver aquí os traballos: 
http://www.correlingua.org/bandadesenada.aspx?ApartId=4


     MOITOS PARABÉNS PARA TODOS/AS                                  

ROTEIRO OURENSÁN

 

O pasado 12 de abril o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato realizou o que demos en chamar o "roteiro ourensán" percorrendo varios lugares con grande importancia literaria . O inicio do roteiro foi no mosteiro de Oseira de grande interese artístico e histórico, a seguir estivemos no Pazo de Trasalba, casa familiar do grande mestre Otero Pedrayo e á tarde tocoulle a Ourense, unha cidade fortemente literaturizada. 
 
         Moitos foron e son os autores que crearon ao redor da urbe das Burgas o seu espazo literario.No Rexurdimento do XIX, Curros Enriquez aparece ligado á cidade na que axiña adquirirá importancia Valentín Lamas Carvajal . O grande novelista da Xeración Nós, RAMÓN OTERO PEDRAYO, de vocación fidalga e rural, construirá parte da súa triloxía Os camiños da vida ao redor da transformación da cidade no tránsito entre a vella sociedade tradicional e o mundo contemporáneo que agroma ó tempo que dobra o século XX.VICENTE RISCO, o ideólogo da Xeración, en 1918 escribe unha noveliña na que, desde Ourense, se consegue resucitar a momia de Tutankamón, como é Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros. Outras voltas  sobre a cidade déixanse ver enO porco de péa novela máis coñecida deste escritor. Cuevillas,pola súa banda, deléitanos cos seus ensaios históricos e antropolóxicos de fonda feitura literaria recollidos nas  súas Prosas galegas, onde sobrancea como naceu a cidade de Ourense. Non estraña pois, que dada a cantidade de escritores e iniciativas que partiron destas terras se alcumase á cidade como “Atenas de Galicia”. Desde logo, serán varios os autores que contribúan a facer de Ourense a cidade con máis literatura urbana da Galicia actual:CARLOS CASARES, XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN, FERNÁNDEZ NAVAL... Entre eles, destaca de xeito moi sobranceiro, EDUARDO BLANCO AMOR. Este ourensán comprometido e polifacético -viaxeiro impenitente, tamén un magnífico fotógrafo- fixo que a cidade tomase vida en cinco das súas obras: A EsmorgaOs biosbardosXente ó lonxe, La Catedral y el niño, Los Miedos. 

       Na Esmorga,os espazos xeográficos que percorren os protagonistas -e nos que o Clube Alexandre Bóveda colocou as placas fragmentos das obras- son os mesmos que percorreu o alumnado durante a súa saída didáctica.

SEMANA DO LIBRO NA ESPERELA

 

Xa sabedes que o próximo luns 23 de abril é o Día do Libro, no que se recorda o pasamento de Miguel de Cervantes e W. Shakespeare. Con este motivo, A Esperela está a desenvolver moitas  actividades no instituto:

 

No recibidor do primeiro andar podedes disfrutar dun RECANTO DE HAIKUS, elaborado polo alumnado de 3* e 4* de ESO:


Monte oscuro
los árboles son personas.
Cantan soplando.
            Andrés Neira
O día 23, no primeiro recreo na biblioteca, o grupo de 3*PDC vainos agasallar cunha REPRESENTACIÓN baseada na obra A expedición dos libros, de Vicente Muñoz Puelles.

PALABRAS NO AIRE é o intento de encher o instituto de palabras sobre a lectura, os libros, poesías, reflexións... en distintas linguas. Busca e comparte as que máis che gusten.
Participa enviando aaesperela@gmail.com textos breves sobre a lectura, os libros, comezos de libros, partes favoritas, versos que namoran...

Rematada a representación da biblioteca, inauguraremos a exposición bibliográficaDE ONTE A HOXE, un paseo polos fondos da nosa biblioteca: dende os primeiros libros ata o e-book, libros máxicos, especiais, sorprendentes, libros dedicados polos seus autores... Ven e coñece os tesouros da Esperela!

MONUMENTO AO LIBRO: durante a semana ergueremos coas nosas mans un monumento ao libro. Deixa a túa pegada colaborando co Departamento de Educación Plástica e Visual.

LIBROS ESQUECIDOS: Se atopas un libro que poña "Expurgo" e queres quedar con el, faino. Se non o queres ler, déixao no sitio, pode apetecerlle a alguén... (en calquera caso, non o estragues, é un libro que busca propietario)

Estade atentos, todos os membros da comunidade educativa recibiredes unAGASALLO para celebrar o Día do Libro.

Participa nas actividades e disfruta cos libros!

ÉDELINGUA GAÑA O CONCURSO DE VÍDEOS DE CORRELINGUA 2012

 

Reproducimos o correo electrónico que nos achegaron da organización do correlingua 2012:

Prezadas amigas e amigos do grupo Édelingua e da EDLG do IES O Mosteirón:
Teño o pracer de vos comunicar en nome do xurado do concurso de vídeos do Correlingua 2012 que resultastes gañadores do concurso.
O xurado valorou o traballo realizado no vídeo titulado Galego, todo o que buscas e especialmente a súa emotividade e contido orixinal polo que resolveu premiar ao grupo Édelingua do IES O Mosteirón.
O acto de entrega de premios terá lugar o día 16 de abril ás 11.30 no salón de actos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Neste acto participarán , ademais de unha representación das entidades organizadoras do Correlingua (A Mesa pola Normalización Lingüísitica, Confederación Intersindical Galega- Ensino e Asociación Socio-Pedagóxica Galega), os concellos de Pontevedra, Vigo e Lugo, e a Deputación de Lugo.
Neste acto gostariamos de contar coa vosa asistencia como gañadores do concurso de vídeo.
Ademais informámosvos de que o premio consistirá nunha visita á Eira da Xoana, unha finca situada no concello de Agolada e xestionada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza o sábado día 19 de maio, onde se realizarán diferentes actividades de coñecemento da natureza da zona e arredor do Día das Letras Galegas.


Dende o IES O Mosteirón felicitamos a todos os que dunha ou doutra maneira participaron na produción deste vídeo. "GALEGO, TODO O QUE BUSCAS".

LORENZO SILVA VISITA O MOSTEIRÓN

Organizada polo departamento de Lingua castelá e Literatura, o pasado día 28 tivemos a sorte de recibir no noso instituto a visita de Lorenzo Silva. O alumnado de 2º de ESO, que lera dous dos seus libros, La lluvia de ParísLos amores lunáticos, escoitou moi atento as palabras do escritor e faltoulle tempo para facer máis preguntas...

Mirade as fotos da visita:

 


VISITA Á FUNDACIÓN BARRIÉ - PRIMEIRO DE ESO

 

O pasado 14 de marzo, os alumnos de primeiro de ESO foron visitar á Fundación Barrié. Ademáis de ver as obras de arte moderna que expoñen, fixeron o obradoiro de "La pintura se expande".

 

 

Aquí tedes un vídeo demostrativo do que fixeron:

 

 

 

RESULTADOS DO CONCURSO FOTOLIBRO

 

 

 

O pasado venres, A Esperela entregou os premios do concurso de fotografía con libros Fotolibro. Debido ao éxito de participación e á calidade dos traballos presentados, vímonos obrigados a entregar catro primeiros premios e varios accésits e mencións.

 

Podedes ver todas as fotos que participaron 

Aquí tedes os gañadores coas súas obras.

 

Máis información en: http://biblioaesperela.blogspot.com.es/

ROTEIRO ROSALIANO

O pasado mércores , 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO e 1º Bacharelato fixo este roteiro ,un itinerario que segue parte da vida de Rosalía de Castro, aínda que de xeito desordenado, dende o seu nacemento en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837, ata o 15 de xullo de 1885 en que se produce a súa morte en Padrón. Unha sinxela ruta que percorre os camiños que ela percorreu, que fai meditar nos recantos nos que meditou. Un camiño que nos permite identificarnos intimamente con Rosalía e con Galicia, aínda que nos limitemos á cidade de Santiago de Compostela e á vila de Padrón.

Para ver o contido completo e as fotos ir a http://www.edelingua.blogspot.com/2012/03/roteiro-rosaliano.html

ROTEIRO ROSALIANO

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

As nais e avoas gañan a contenda...

 

Distribuir contido