VISITA DE MARTÍN VARELA DOURADO A O MOSTEIRÓN
O venres 4 de maio o alumnado de terceiro e cuarto da ESO e parte do profesorado do instituto disfrutou dun mestre moi especial: Martín Varela Dourado.
Martín ofreceunos una clase maxistral do que é a súa especialidade, o tenis en cadeira de rodas, e unha valiosa lección de como afrontar a vida. A verdade é que a emoción estaba en todas as caras (e nalgúns ollos) pois, ademais de explicarnos as características do deporte cun montón de anécdotas, algunhas divertidas e outras dramáticas, Martín falounos do seu accidente, do seu desexo de saír adiante, da súa forza de vontade... Instounos a vivir a vida con entusiasmo e buscando a felicidade nas cousas máis sinxelas. Pediunos prudencia, sentido común e, sobre todo, respecto. Rexeitou a condescendencia e a compaixón mal entendida (tamen a autocompaixón). Dixo que as únicas barreiras que importan son as mentais, as que nós mesmos poñemos. Contounos o seu proxecto de crear unha escola de tenis para nenos con discapacidade. Criticou (pouco, moi pouco) a falta de axudas e a mesquindade da Administración... e moitas, moitas máis cousas, pero, sobre todo, fíxonos reflexionar.
A actividade, que estaba prevista para unha hora, ao final durou dúas... o certo é que cando nunha actividade toca o timbre do recreo e ningún alumno se move é que verdadeiramente paga a pena o que se escoita! Grazas, Martín, pola túa lección de vida, de deportividade, de optimismo, de sentido do humor, de vitalidade, de forza, de xenerosidade e de amizade. Algúns non esqueceremos facilmente a túa visita.
|
Máis información no blog da Esperela: pincha aquí
»