ROTEIRO OURENSÁN
O pasado 12 de abril o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato realizou o que demos en chamar o "roteiro ourensán" percorrendo varios lugares con grande importancia literaria . O inicio do roteiro foi no mosteiro de Oseira de grande interese artístico e histórico, a seguir estivemos no Pazo de Trasalba, casa familiar do grande mestre Otero Pedrayo e á tarde tocoulle a Ourense, unha cidade fortemente literaturizada.
Moitos foron e son os autores que crearon ao redor da urbe das Burgas o seu espazo literario.No Rexurdimento do XIX, Curros Enriquez aparece ligado á cidade na que axiña adquirirá importancia Valentín Lamas Carvajal . O grande novelista da Xeración Nós, RAMÓN OTERO PEDRAYO, de vocación fidalga e rural, construirá parte da súa triloxía Os camiños da vida ao redor da transformación da cidade no tránsito entre a vella sociedade tradicional e o mundo contemporáneo que agroma ó tempo que dobra o século XX.VICENTE RISCO, o ideólogo da Xeración, en 1918 escribe unha noveliña na que, desde Ourense, se consegue resucitar a momia de Tutankamón, como é Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros. Outras voltas sobre a cidade déixanse ver enO porco de pé, a novela máis coñecida deste escritor. Cuevillas,pola súa banda, deléitanos cos seus ensaios históricos e antropolóxicos de fonda feitura literaria recollidos nas súas Prosas galegas, onde sobrancea como naceu a cidade de Ourense. Non estraña pois, que dada a cantidade de escritores e iniciativas que partiron destas terras se alcumase á cidade como “Atenas de Galicia”. Desde logo, serán varios os autores que contribúan a facer de Ourense a cidade con máis literatura urbana da Galicia actual:CARLOS CASARES, XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN, FERNÁNDEZ NAVAL... Entre eles, destaca de xeito moi sobranceiro, EDUARDO BLANCO AMOR. Este ourensán comprometido e polifacético -viaxeiro impenitente, tamén un magnífico fotógrafo- fixo que a cidade tomase vida en cinco das súas obras: A Esmorga, Os biosbardos, Xente ó lonxe, La Catedral y el niño, Los Miedos.
Na Esmorga,os espazos xeográficos que percorren os protagonistas -e nos que o Clube Alexandre Bóveda colocou as placas fragmentos das obras- son os mesmos que percorreu o alumnado durante a súa saída didáctica.
»