Novas
Semana Branca 2023
Nesta edición, viaxamos a Andorra 70 alumnos e alumnas e 4 docentes, do 14 ao 21 de xaneiro.
A estación de acollida para esquiar e facer snowboard foi Ordino-Arcalís en compañía do IES As Bizocas.
Foto de familia do alumnado do IES Monte da Vila e o IES As Bizocas
A experiencia foi moi satisfactoria, o alumnado tivo un comportamento estupendo e desfrutou moitísimo da experiencia, da paisaxe e da interacción social fóra do centro. Tivemos a triste noticia de non poder esquiar o último día por malas condicións meteorolóxicas e entristeceunos moito.
Ademais, non regresamos con ningún lesionado ou lesionada!
Os rapaces e rapazas puxeron en práctica o aprendido nunha contorna natural idílica
Por favor, que a aventura da Semana Branca non remate nunca!
Semana Branca 2023
Nesta edición, viaxamos a Andorra 70 alumnos e alumnas e 4 docentes, do 14 ao 21 de xaneiro. A estación de acollida para aprender a esquiar e facer snowboard foi Ordino-Arcalís en compañía do IES As Bizocas. A actividade, coma todos anos, foi organizada polo Departamento de Educación Física.
Foto de familia do alumnado do Grove en Andorra
Os rapaces e rapazas, poñendo en práctica o aprendido nun entorno idílico
A experiencia foi moi satisfactoria, o alumnado tivo un comportamento estupendo e desfrutou moitísimo da experiencia, da paisaxe e da interacción social fóra do centro. Tivemos a triste noticia de non poder esquiar o último día por malas condicións meteorolóxicas e entristeceunos moito.
Ademais, non regresamos con ningún lesionado ou lesionada!
Por favor, que a aventura da Semana Branca non remate nunca!
Concertos didácticos no Auditorio de Galicia (Santiago)
Os días 2 e 3 de febreiro o alumnado de 2º ESO e 1º Bacharelato (Linguaxe e Práctica Musical) desfrutaron dos concertos didácticos do Auditorio de Galicia en dúas xornadas consecutivas. Organizou a actividade o Departamento de Música.
Nesta ocasión foi dentro do programa Xogo de espellos. Unha ollada a través da música electrónica.
Preámbulo do concerto
Javier Otero, pianista e artista experimental, presentou o seu novo proxecto “Saraiba” para piano e electrónica xunto coa Real Filharmonía de Galicia. Unha aposta pola estética actual, con influencias da natureza e da vida cotiá. Abrir as fiestras para osixenarse e deixarse levar...
No escenario, a Real Filharmonía de Galicia e Javier Otero ao piano
Xogo de espellos
Mulleres Senlleiras: referentes de Igualdade
O noso centro participou no programa “Nin+ nin-, iguais” da Secretaría Xeral de Igualdade. A actividade foi organizada polo Departamento de Orientación.
Desde mediados de xaneiro puido verse no primeiro andar unha exposición adicada a Mulleres Senlleiras da cultura galega, con carreiras destacadas en todos os campos do saber e do coñecemento:
Ademais desta interesante exposición, o pasado 20 de xaneiro o alumnado de 4º da ESO tivo o privilexio de recibir a visita da catedrática de Farmacia da USC María José Alonso Fernández, Premio María Josefa Wonenburguer 2013, para escoitala falar sobre a súa experiencia como muller no eido académico e científico.
Día da Internet Segura: obradoiros de Ciberseguridade
Polo 20º aniversario do Día da Internet Segura, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ofreceu varios obradoiros para o alumnado dos centros educativos, co obxectivo de promover o uso seguro dos dispositivos e da tecnoloxía entre os estudantes menores e a súa contorna.
O IES Monte da Vila participou o día 7 de febreiro no obradoiro “Aprendendo a configurar o noso dispositivo”. Trátase dun obradoiro en liña, a través da plataforma ZOOM. A relatora foi Rosa Liarte, profesora de Xeografía e Historia da Junta de Andalucía. Organizou a actividade o Departamento de Informática.
Foi un obradoiro interactivo sobre ciberseguridade no que o alumnado de 1º e 2º SMR coñeceu boas prácticas básicas sobre o uso de internet: utilización de contrasinais fortes e seguras, riscos das redes sociais (suplantación de identidade, ciberacoso, fraudes, contidos inapropiados, etc.), precaución á hora de conectarse a redes públicas (xa que estas non teñen as mesmas garantías de seguridade que as redes privadas), importancia do acceso a internet cos equipos e aplicación empre actualizados para contrarrestar as ciberameazas, etc.
Dentro do obradoiro levouse a cabo unha actividade práctica a realizar individualmente por parte de cada alumno/a, e unha dinámica gamificada con todas as persoas participantes (Kahoot!).
Ademais, o INCIBE facilitounos os seguintes recursos de interese para toda a comunidade educativa:
- Un repositorio web de xogos educativos
- Un catálogo de recursos para un internet seguro para menores
- O teléfono 017 para recibir axuda e poder denunciar calquera incidencia ocorrida en internet
Primeiros auxilios para o alumnado de SMR (FOL)
O 1 de febreiro o alumnado do 1º curso de SMR ampliou os contidos vistos na materia de Formación e Orientación Laboral (FOL) cun cursiño de primeiros auxilios impartido polo Servizo de Emerxencias do Grove. Organizou a actividade o Departamento de Informática.
En primeiro lugar, o alumnado escoitou atentamente as indicacións sobre maniobras de seguridade, a posición lateral de seguridade e os principios básicos dos primeiros auxilios.
Despois pasaron á parte práctica, con oito bonecos facilitados polo persoal do Servizo de Emerxencias do Grove: reanimación caridiopulmonar (RCP), asfixia, posturas de seguridade...
Desde aquí o noso agradecemento ao Servizo de Emerxencias do Grove, polo seu labor imprescindible.
Charlas da Facultade de Telecomunicacións (UVIGO)
O Departamento de Informática, en colaboración coa Factultade de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, organizou dúas charlas dirixidas ao alumnado do ciclo de Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR).
O 17 de xaneiro o Dr. José Carlos López Ardao impartiu a charla "Érase unha vez internet...". Nesta charla fíxose un percorrido pola historia de internet ata hoxe, intentando explicar dunha maneira sinxela o seu funcionamento e o de moitas tecnoloxías que resultan familiares para a mocidade (ciberseguridade, bitcoins, internet das cousas, móbiles ,intelixencia artificial, big data, etc.). Todo isto acompañado de anécdotas que sacaron algún que outro sorriso.
O 25 de xaneiro foi o turno da Dra. Cristina López Bravo, que falou co alumnado sobre "Seguridade en dispositivos móbiles". O alumnado de 1º SMR e 2º SMR disfrutou da charla no salón multiusos, participando en todo momento dos contidos e experiencia da relatora. En primeiro lugar, analizáronse cales son as principais vulnerabilidades (a través de exemplos reais) que afectan aos dispositivos móbiles, para despois expoñer as medidas adoptadas para mitigalas e conseguir así dispositivos máis seguros. As medidas van desde a correcta configuración dos equipos ata a concienciación dos usuarios/as, pasando polo deseño e a programación de aplicacións seguras.
Momentos estelares da Ciencia
O 21 de decembro, xusto antes das vacacións de Nadal, tivemos a sorte de que David Ballesteros viñera ao noso instituto, convidado polo Departamento de Física e Química.
O encontro titulouse “Momentos estelares da Ciencia”. Foi unha charla interactiva cun enfoque de show de ciencia, na que o alumnado de 2º e 3º ESO tivo a oportunidade de poñer en práctica de inmediato o que se lle ía explicando.
Deste xeito ameno e entretido, o divulgador presentoulles aos rapaces e rapazas a evolución do pensamento científico ao longo da historia, para animalos de seguido a participar en diferentes experiencias científicas.
Sen dúbida, a maneira máis divertida de espertar a curiosidade e descubrir a ciencia da vida cotiá.
Ao alumnado arrepiáronselle os pelos... pola electricidade estática:
Por fin foi posible saber quen estaba concentrado (e quen non):
as ondas Beta non minten!
A xornada tamén deu para descargar un condensador e aprender que somos bos condutores eléctricos... gracias a un calambrazo colectivo:
Por último, comprobáronse en directo os efectos da forza segundo a superficie:
Visita ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC)
O pasado 14 de decembro, o alumnado da materia de Bioloxía de 2º de Barcharelato visitou as instalacións do INIBIC, un centro composto polos grupos de investigación do Hospital, a Universidade e a Área de Atención Primaria da Coruña.
Así describe o propio alumnado a súa experiencia no INIBIC:
A nosa visita ao Instituto de investigación biomédica foi unha experiencia única. Grazas á impecable atención por parte de Juan Pérez Longueira, desfrutamos de interesantes actividades formativas dirixidas por Ignacio Rego, Valentina Calamia, Rocío Paz, Beatriz Carames Pérez e María Gloria Alfonsín. Todos eles son excelentes profesionais que nos explicaron o funcionamento de diferentes prácticas no laboratorio. Visitamos o departamento de proteómica, o de cultivo celular e o de xenómica. Concretamente no apartado de proteómica, nos ensinaron diferentes métodos de como realizan a electroforese que nos axudou a poñer en práctica a teoría estudiada en bioloxía no apartado das diferentes técnicas de separación de moléculas. Toda a información recollida alí nos pareceu tan interesante que provocou que moitos nos decidíramos a optar polo estudo das ciencias da saúde. Tamén engadir que tivemos a oportunidade de acudir a un edificio de preparación para os médicos recén saídos da súa carreira ou aqueles que están case retirados, para preparalos para todo tipo de cirurxías ou para ensinar novas técnicas que saíron recentemente. Todos estes profesionais están moi centrados en atopar a resposta e a orixe de distintas enfermidades e condicións que cada vez afectan a máis persoas, así como a artrite ou diferentes tipos de cancro. Encantounos e pareceunos unha idea xenial para ter así uns médicos incribles. Estamos moi agradecidos e agradecidas pola súa acollida, e esperamos que sigan co asombroso traballo que levan a cabo!
|
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- …
- seguinte ›
- última »