Día da Internet Segura: obradoiros de Ciberseguridade

 

Polo 20º aniversario do Día da Internet Segura, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ofreceu varios obradoiros para o alumnado dos centros educativos, co obxectivo de promover o uso seguro dos dispositivos e da tecnoloxía entre os estudantes menores e a súa contorna.

O IES Monte da Vila participou o día 7 de febreiro no obradoiro “Aprendendo a configurar o noso dispositivo”. Trátase dun obradoiro en liña, a través da plataforma ZOOM. A relatora foi Rosa Liarte, profesora de Xeografía e Historia da Junta de Andalucía. Organizou a actividade o Departamento de Informática.

Foi un obradoiro interactivo sobre ciberseguridade no que o alumnado de 1º e 2º SMR coñeceu boas prácticas básicas sobre o uso de internet: utilización de contrasinais fortes e seguras, riscos das redes sociais (suplantación  de identidade, ciberacoso, fraudes, contidos inapropiados, etc.), precaución á hora de conectarse a redes públicas (xa que estas non teñen as mesmas garantías de seguridade que as redes privadas), importancia do acceso a internet cos equipos e aplicación empre actualizados para contrarrestar as ciberameazas, etc.

Dentro do obradoiro levouse a cabo unha actividade práctica a realizar individualmente por parte de cada alumno/a, e unha dinámica gamificada con todas as persoas participantes (Kahoot!).

Ademais, o INCIBE facilitounos os seguintes recursos de interese para toda a comunidade educativa:

  • Un repositorio web de xogos educativos
  • Un catálogo de recursos para un internet seguro para menores
  • O teléfono 017 para recibir axuda e poder denunciar calquera incidencia ocorrida en internet