Novas

Teatro en Lugo: Miles Gloriosus

O mércores 14 de marzo 39 alumnos/as do centro desprazáronse ata Lugo para asistir a unha exposición titulada ROMANORUM VITA, UNHA HISTORIA DE ROMA e a unha obra de teatro chamada MILES GLORIOSUS. Pola mañá visitouse a exposición que se trata dun paseo por unha cidade romana reconstruída a partir de descricións literarias e testemuñas arqueolóxicas. De seguido o alumnado puido admirar a muralla romana de Lugo percorrendo parte dela. Pola tarde os estudantes asistiron á obra de teatro titulada MILES GLORIOSUS de Plauto, no auditorio “Gustavo Freire” e representada polo grupo Parrocha da Coruña.

Visita a Inditex

O luns 12 de marzo o Departamento de Economía organizou unha saída a Arteixo (A Coruña) para visitar as instalacións de Inditex. Comezouse pola Fundación, onde se visitaron varios departamentos: deseño, country managers, escaparatismo e tenda piloto. A continuación a visita discorreu por unha das fábricas da empresa e, finalmente, o obxectivo foi o centro loxístico de Inditex. Esta visita espertou gran interese no alumnado visitante.

Despois dun tempo de lecer, á tarde o grupo visitou o centro comercial Marineda City.


SAÍDA A TRASALBA E OURENSE

O Departamento de Lingua Galega organizou unha saída a Trasalba e Ourense para coñecer o contorno dos escritores do Grupo Nós. Xunto con alumnado de 4º da ESO e 3º PDC do noso centro, asistiron tamén alumnos/as do instituto das Bizocas de 4º da ESO. O programa da saída estivo centrado, pola mañá, nunha visita á Casa Grande de Otero Pedrayo en Trasalba (Fundación Otero Pedrayo) e un roteiro literario pola mesma aldea descrita polo escritor na súa obra. Pola tarde continuamos cunha visita ao centro histórico de Ourense cun percorrido polas rúas onde se atopaban as vivendas dos escritores da Xeración Nós. O tempo de lecer ocupámolo cunha visita ás termas públicas onde gran parte do alumnado se relaxou cun baño nas súas cálidas augas.

Festa de Entroido 2012

O centro IES Monte da Vila, seguindo a tradición, celebrou a “Festa de Entroido” do ano 2012 nas instalacións do centro. A afluencia e participación do alumnado foi masiva e nela organizáronse diferentes concursos: sobremesas típicas de Entroido, disfraces, comparsas e karaoke. Destes, o máis exitoso foi o de “Comparsas” formadas por alumnado de diferentes grupos. Nelas, as súas letras e as súas escenificacións foron moi enxeñosas e o profesorado e o persoal do centro, como era de agardar, foi o branco das súas críticas.

 

 


Exposición sobre o cambio climático

 

O centro IES Monte da Vila foi invitado polo Concello do Grove a asistir a unha exposición guiada sobre o fenómeno do Cambio Climático. Esta exposición itinerante está organizada pola Consellería de Medio Ambiente e consta de cinco apartados: O Efecto Invernadoiro, Evidencias do Cambio Climático, Impactos do Cambio Climático, A Resposta Internacional ao Cambio Climático e A Resposta de Galicia. O alumnado asistente pertencía a 1º de Bacharelato e 4º da ESO e, en sesións de 45 minutos, distribuíronse ao longo da 2º, 3ª e 4ª horas da mañá do venres día 3 de febreiro.

A exposición foi moi dinámica e interesante e o alumnado participou de xeito activo respondendo ás preguntas e cuestións presentadas pola guía.

Departamento de Tecnoloxía

 

bombilla con enchufe
 

Benvidos ao Departamento de Tecnoloxía, aquí atopará toda a información de interese  

   

 

Distribuir contido