Novas

Visita ao Salón de Orientación Universitaria (Unitour)

Alumnado de 2º de bacharelato do IES Monte da Vila visitou o día 17 de decembro o Salón de Orientación no Pazo de Congresos de Vigo, onde delegados das institucións universitarias explicaban que carreiras ou saídas están a ofertar.

Concerto didáctico

O pasado día 22 de outubro os alumnos de 3º da ESO acudiron ao Auditorio de Galicia para asistir a un dos concertos didácticos que se organizan en Santiago de Compostela e nos que o Departamento de Música participa habitualmente. Nesta ocasión tratábase dun espectáculo titulado “El legado de los griots de Senegal”, do grupo Teranga. Os seus membros explicaron cales son as cancións e instrumentos tradicionais do seu país, incluindo danzas e vestidos populares.

 

Aquí pode verse un pequeño fragmento do espectáculo:

 

 

Showcooking

Alumnos de 3º e 4º de ESO e PCPI acudiron durante a 50ª Festa do Marisco do Grove a unha demostración de cociña moi especial, pois nela interviron outros estudantes. Estes aprenderon a cociñar nas aulas da ONG CESAL e tiveron un mestre de categoría: o chef Chema de Isidro.

Tanto un coma os outros mostraron aquilo de que son capaces elaborando un prato para todos nós. E podemos asegurar que estaba bo.

Showcookin no Grove

 

O Monte da Vila na TV

 

Emisión do documental "25 Aniversario IES Monte da Vila" na canle Rias Baixas

Xoves 01/11: 14:15 h

Venres 02/11: 23:30 h

Domingo 04/11: 10:30 h

Xoves 8/11: 23:30 h

Venres 9/11: 15:30 h

Domingo 11/11: 13:30 h

Coloquio de cinema: Vilamor

O martes 24 de abril recibimos a visita no centro de tres actores e mais o director do filme galego “Vilamor”, realizado no 2012 e baseado nun feito real acontecido na Galicia dos anos 70. A esta presentación asistiu alumnado de 1º de Bacharelato e nela tanto o director como os tres actores explicaron de xeito moi divertido as súas experiencias na rodaxe, as anécdotas e, por riba de todo, o compromiso adquirido coa cultura e coa lingua galega. Ao final houbo un coloquio onde os mozos e mozas participaron activamente con preguntas sobre o filme e a propia profesión dos invitados.


Charla-coloquio sobre "As alternativas democráticas"

O xoves 12 de abril achegouse ata o noso centro o Ángel Calle Collado, licenciado en Ciencias Matemáticas –Estatística e investigación Operativa (1992)- pola Facultade de Ciencias Matemáticas da Universidade Complutense de Madrid. Tendo como auditorio ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, falou dos tempos de descontento e autoritarismos que vive a sociedade actual, dos novos movementos globais, do poder de convocatoria das redes sociais de internet , dos límites que impón o actual contexto político e financeiro da fin da era do petróleo, do papel do estado, dos partidos, dos sindicatos…. O resultado foi moi satisfactorio pois o alumnado participou de xeito activo e reflexivo ás cuestión presentadas polo profesor universitario.


Protectora de animais de Cambados

O venres 30 de marzo ao longo da mañá asistiron ao centro dúas persoas pertencentes á “Protectora de animais de Cambados” para concienciar ao alumnado do trato que se lle debe dar aos animais. Para iso valéronse de exemplos reais onde diversos animais eran maltratados e recollidos pola “Protectora” onde eran curados e alimentados, e adestrados como animais terapéuticos en determinados casos de persoas enfermas. Tamén se valeron da presenza de dous cans recollidos perfectamente educados para desempeñar diversas funcións como vixilancia, compañía…

Exposición Ornitolóxica de Galicia

Ao longo da semana do 16 ao 20 de abril asistiu á casa da Cultura do Grove o alumnado da ESO para presenciar unha exposición guiada sobre os paxaros e os seus hábitats en Galicia. A exposición estaba estruturada en 10 paneis onde se informaba do tipo de hábitat (costa, fraga, montaña…) e as especies que nel habitan. Toda esta información estaba complementada por un guía que lles ía comentando cada un dos paneis. Ao final facíalles un xogo de preguntas que os mantivo moi activos buscando nos paneis as respostas correctas. A valoración do profesorado acompañante e do propio guía foi moi positiva.

Programa de Prevención Escolar (S.P.A.D.)

CONCEPTOS BÁSICOS SOBRE DROGODEPENDENCIAS: USO/ABUSO DE SUBSTANCIAS

O que se pretendeu cos talleres realizados foi transmitir conceptos básicos sobre o tabaco, alcohol, cannabis, cocaína e drogas de síntese, desmitificando os “aspectos positivos” que as rodean. Ademais fomentouse, en base a información recibida, que os/as alumnos/as se autorresponsabilicen da súa propia saúde e sexan capaces de tomar decisións ao respecto. 

Concretamente os talleres realizados no 1º ciclo da ESO centráronse no tabaco e alcohol e os realizados no 2º ciclo no cannabis, cocaína e drogas de síntese.

A duración de cada taller foi de 50 minutos por curso académico.

 

Teatro en Pontevedra

O xoves 15 de marzo o alumnado de 2º da ESO fixo unha saída a Pontevedra coa finalidade de visitar unha exposición fotográfica onde se expoñen as fotografías seleccionadas dun concurso sobre a natureza titulado “Wildlife Photographer of the Year”. Na mesma mañá o alumnado tamén asistiu á representación teatral “Pelos na lingua” da compañía Talía Teatro no Pazo da Cultura. A obra, en ton de comedia, pretende concienciar ao público da importancia de recoñecer o galego como lingua propia e censurar a súa consideración como lingua familiar.


Distribuir contido