Novas

Semana Matemática IMATxina e museo MARCO

O pasado 25 de febreiro de 2016 todos os grupos de 1º da ESO fixeron unha saída didáctica á cidade de Vigo para participar na Semana Matemática “IMATxina” e acudir ao museo MARCO.

Os departamentos de Matemáticas e Debuxo levaron a cabo esta saída coa intención de ofrecer outros puntos de vista ao alumnado das materias de ambos departamentos. Combináronse as dúas actividades seguintes:

- Obradoiros matemáticos de tangráns, pentaminós, ilusións ópticas, espellos, xogos de estratexia, resolución de problemas, ...

- Visita guiada á exposición da escultora María Luisa Fernández e obradoiro de artes plásticas.

O resultado foi positivo e tivo moita aceptación en xeral, polo que se pretende repetir a experiencia en cursos sucesivos.

 

 

 Álbum de fotos

Entroido 2016

Como en anteriores ocasións, o Entroido foi unha das celebracións na que máis participou o alumnado do centro. Este ano participaron no concurso de comparsas 4 grupos: un grupo de 3º e outro de 4º da ESO, e as clases de 1º de bacharelato A e 2º de bacharelato. A xornada comezou coa chegada da charanga RoubaBicos, que nos acompañou gracias á colaboración da ANPA e  que puxo música en todo momento ao evento. A comparsa do profesorado precedeu ao concurso de comparsas, dedicando a súa canción deste ano a aconsellar ao alumnado como aprobar sen traballar. Logo de rematada a súa actuación, foron presentando as súas composicións os distintos grupos de comparsas, que fixeron unha pausa para escoitar de novo á charanga. O xurado estivo atento a todas as actuacións, para finalmente proclamar á comparsa de 4º da ESO como gañadora do concurso deste ano.

 

 

 

Álbum de fotos

 

Nadal 2015 no Monte da Vila

O día 18 de decembro remataban as clases do primeiro trimestre e no IES Monte da Vila celebramos a chegada das festas de Nadal con varias actividades. O departamento de Educación Física organizou un campionato de voleibol no que o equipo de profes resultou claramente vencedor. Coa axuda da responsable da cafetería e do departamento de Plástica, o alumnado preparou uns doces que puideron levar á casa en pequenos paquetes que eles mesmos prepararon. E, para rematar, o departamento de Equipos Electrónicos xunto con Néstor Amador, puxeron a punto o material necesario para que o karaoke tivese o éxito que vén sendo habitual.

 

Nadal 2'15

 

 

Álbum de fotos

 

Teatro en francés

O día 26 de xaneiro de 2016 o alumnado de francés dos cursos 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato acudiu á representación da obra de teatro titulada "Dom Juan ou le festin de Pierre" escrita en 1665 polo autor francés Molière e que recrea o mito de Don Juan, o individuo que desafía á moral e á relixión e que segue fascinando aínda actualmente pola súa rebeldía, o seu pulso constante á autoridade divina e á orde social.

A obra representouse en Vigo no cine Salesianos. Despois da representación os actores e actrices sometéronse ás preguntas do público. O alumnado interesouse por diversos aspectos relacionados coa obra, coa súa posta en escea e coa profesión de actor.


Ao final do coloquio os actores e actrices dignáronse, con toda amabilidade e simpatía, a fotografarse con todos nós, como aquí vemos.


En xeral foi unha experiencia positiva e moi agradable.

 

Visita ao centro arqueolóxico de Neixón

O día 26 de novembro o alumnado de 1º ESO visitou o complexo arqueolóxico de Neixón, no concello de Boiro. O Departamento de Historia organizou a actividade para que os rapaces e rapazas estudasen, sobre o terreo, a tres manifestacións culturais que dominan a Prehistoria galega: o Megalistismo da época Neolítica, a arte rupestre da Idade do Bronce, e a cultura castrexa da Idade do Ferro.

 

 

Álbum de fotos da saída

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller

  

Cada 25 de novembro conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller. O pasado 24 de novembro, o Concello do Grove organizou no instituto uns obradoiros nos que participou todo o alumnado de 2º da ESO. Deses obradoiros saíron traballos moi interesantes que foron presentados e expostos no Concello ao día seguinte.

Álbum de fotos

Magosto 2015 no Monte da Vila

 

 

O pasado 13 de novembro celebramos o Magosto. Ademais da xa habitual degustación de castañas puidemos contar este ano cun extenso conxunto de xogos populares. A ANPA ofreceunos castañas, bebidas e pais e nais que axudaron no seu reparto, a panadería Chaves colaborou cos seus fornos para asar as castañas e Cándido Mascato cedeu os xogos populares do Grove por uns días ao instituto.Tivemos sorte e o tempo acompañounos, o que contribuíu a que tanto profesores como alumnos se animasen a practicar e demostrar a súa destreza cos xogos populares.

 

Álbum de fotos completo

 

 

COMEZO DO CURSO ACADÉMICO 2015/2016

 De interese para toda a comunidade educativa

 

A Dirección do IES Monte da Vila comunica que o martes 15 de setembro, primeiro día do curso, seguirá o horario xeral do centro.

 

Polo tanto, as actividades lectivas comezarán ás 8:45 h. e rematarán ás 14:25 h.

 

O servizo de transporte escolar fará as rutas habituais.

 

CALENDARIO DE EXAMES E MATRÍCULA DE SETEMBRO

A convocatoria de avaliación extraordinaria do curso 2014/2015 terá lugar os días 1, 2 e 3 de setembro, tanto para a Educación Secundaria Obrigatoria como para o Bacharelato. No seguinte calendario detállanse as datas e o horario dos diferentes exames, así como da entrega de cualificacións e do prazo de matrícula.

A mesma información está dispoñible no taboleiro do IES e en Secretaría.

LIBROS DE TEXTO 2015/2016

LISTAXE DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2015/2016

A seguinte listaxe, que se achega en documento .pdf xa ten un carácter definitivo. Debido ás últimas modificacións lexislativas algúns departamentos didácticos decidiron o cambio de material en 1º e 3º de ESO e 1º de Bacharelato, afectados pola entrada en vigor da nova Lei educativa (LOMCE). Eses libros novos aparecen destacados na listaxe. Ademais, lémbrase que, segundo os casos, debe "falar co profesor antes de mercalo".

 

LISTAXE DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2015/2016

 

Distribuir contido