Imaxes da saída ao río Delque
Enviado por anonimo o Mar, 08/06/2021 - 10:50Pinchando na imaxe que vén a continuación poderedes ver as fotografías e vídeos realizados o 7 de xuño durante a saída que o alumnado de 3º PMAR disfrutou ao río Delque:
Convocatoria dos premios extraordinarios de ESO
Enviado por anonimo o Lun, 07/06/2021 - 09:14O 4 de xuño publicouse no DOG a ORDE do 25 de maio de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2020-2021 (código de procedemento ED311D).
Pode acceder á información desta convocatoria na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, introducindo na caixa de busca o código de procedemento ED311D.
Lémbrase que se as persoas solicitantes son menores de idade, sempre teñen que subscribir a súa solicitude por medio dunha persoa representante.
Iñaki Zubizarreta, un supervivinte do acoso escolar
Enviado por anonimo o Xov, 03/06/2021 - 10:07Iñaki Zubizarreta, ex-xugador de baloncesto, conta neste vídeo a súa terrible experiencia na escola, relatando como pensou incluso no suicidio polo maltrato constante ao que foi sometido polos seus compañeiros/as e profesores/as. Non vos perdades a súa testemuña e a lección que cabe extraer dela: hai que loitar contra o acoso escolar, do que son responsables os que o cometen e os que o permiten:
Certame: Primavera das Letras
Enviado por anonimo o Mar, 01/06/2021 - 10:10Primavera das Letras abre un espazo de participación para que os centros escolares nos relaten como celebran o Día das Letras Galegas. O obxectivo é promover e festexar a lingua e a literatura galegas durante todo o ano. Entre todos os participantes sortearemos como agasallo varios lotes de libros. As escolas recibirán un diploma acreditando a súa participación.
BASES DO CONCURSO
1. O certame “Contádenos o voso Día das Letras” está aberto a todos os centros escolares que impartan educación infantil e primaria, e ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. Os participantes deberá desenvolver algunha actividade relacionada con Xela Arias, a figura á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2021.
2. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc.
3. O profesorado responsable de cada proxecto amosará na páxina web do seu centro, ou nun espazo virtual similar (bitácora da aula ou da biblioteca, canle de Youtube do colexio…) a/s actividade/s ou iniciativa/s realizada/s: contos, poesías, carteis, cancións, programas de radio, vídeos…
4. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal . Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo. No asunto deberá indicarse “Certame Contádenos o voso Día das Letras” e o nome do centro.
5. As iniciativas recibidas incluiranse nun espazo especial da páxina web de Primavera das Letras.
6. O prazo de recepción do material permanecerá aberto ata o 4 de xullo de 2021
7. Sortearanse varios lotes de libros entre todos os centros participantes.
Concerto de Tino Baz
Enviado por anonimo o Ven, 28/05/2021 - 09:37O pasado 26 de maio de 2021 tivemos a sorte de contar coa presenza de Tino Baz, cantautor que fixo un concerto para o noso alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato. Estamos moi agradecidos a Tino por prestarse a vir ao noso centro e esperamos que desexe volver no futuro e volver a actuar para os nosos alumnos/as:
Comunicado do IES Indalecio Pérez Tizón
Enviado por anonimo o Ven, 21/05/2021 - 12:26A propósito das acusacións difundidas en redes sociais e en prensa sobre un presunto caso de racismo no IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, o profesorado e o Consello Escolar deste instituto queren amosar o seu profundo malestar.
A docencia é unha profesión que implica vocación. E un bo docente non se limita ao ámbito académico, preocúpase polo benestar e polo futuro do seu alumnado. Esta preocupación non derivou, de ningún xeito, nun caso de racismo.
Así mesmo, e no referido ás expulsións, o profesorado deste centro segue estritamente o indicado na normativa ao respecto, a Lei de Convivencia (Lei 4/2011, do 30 de xuño, e Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro), que estamos obrigados a aplicar. Este documento tipifica as faltas como leves e graves e especifica as sancións que se deben impoñer ao alumnado que non cumpre as normas de convivencia.
Por outra banda, o profesorado cumpre a Lei de Protección de Datos para protexer e salvargardar a integridade e dignidade do alumnado, especialmente cando se trata de menores de idade. Polo tanto, o feito de non entrar a responder á prensa non se pode interpretar de ningún xeito como unha confirmación de determinados feitos, senón como unha mostra de obrigado respecto á intimidade dos menores.
Lamentamos as graves repercusións que este tipo de acusacións xeran e que poden afectar negativamente a calidade do ensino, a profesionalidade dos docentes, a vocación dos mesmos e a relación co alumnado e coas familias.
Tarxeta de transporte "Xente Nova"
Enviado por anonimo o Xov, 20/05/2021 - 09:27Infórmase ás familias de que a partir do 21 de maio de 2021 pódese solicitar a tarxeta XENTE NOVA, que permite o transporte en autobús gratuito para menores de 21 anos.
De cara ao curso próximo, o transporte escolar será igual que ata o de agora (será gratuito para o alumnado de estudos obrigatorios e se xestionará como sempre). O alumnado de estudos postobrigatorios (bacharelato e ciclos formativos) deberán solicitar esta tarxeta para garantir a gratuidade do transporte. Esta tarxeta permite ata 60 viaxes ao mes. O usuario/a debe adiantar os cartos do servizo de transporte, cargando o saldo da tarxeta; despois, a Consellería devolve o diñeiro ao usuario/a.
A información sobre a tarxeta XENTE NOVA e as instrucións para solicitala atópanse en www.bus.gal
Concurso de poesía Victoriano Taibo
Enviado por anonimo o Ven, 14/05/2021 - 10:57XIII Premio de poesía Victoriano Taibo
O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XIII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes
BASES:
- Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galegoda Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
- Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
- Os traballos presentaranse en papel por quintuplicado, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a. Acompañaranse ás copias en papel un CD ou USB coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título..., que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
- O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2021.
- Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
- O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
- A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
- O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
- A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro de poesía no Val Miñor entre os meses xaneiro e marzo de 2022. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio, que se aumentou en 1000 € respecto á anterior edición para cubrir tal circunstancia.
-
Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
-
O feito de participar supón a aceptación destas bases.
O IEM e o Concello de Gondomar queren, a través deste premio, enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindíbel para as Letras Galegas.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- seguinte ›
- última »