Certame: Primavera das Letras

Primavera das Letras abre un espazo de participación para que os centros escolares nos relaten como celebran o Día das Letras Galegas. O obxectivo é promover e festexar a lingua e a literatura galegas durante todo o ano. Entre todos os participantes sortearemos como agasallo varios lotes de libros. As escolas recibirán un diploma acreditando a súa participación.

BASES DO CONCURSO

1. O certame “Contádenos o voso Día das Letras” está aberto a todos os centros escolares que impartan educación infantil e primaria, e ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. Os participantes deberá desenvolver algunha actividade relacionada con Xela Arias, a figura á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2021.

2. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc.

3. O profesorado responsable de cada proxecto amosará na páxina web do seu centro, ou nun espazo virtual similar (bitácora da aula ou da biblioteca, canle de Youtube do colexio…) a/s actividade/s ou iniciativa/s realizada/s: contos, poesías, carteis, cancións, programas de radio, vídeos…

4. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal . Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo. No asunto deberá indicarse “Certame Contádenos o voso Día das Letras” e o nome do centro.

5. As iniciativas recibidas incluiranse nun espazo especial da páxina web de Primavera das Letras.

6. O prazo de recepción do material permanecerá aberto ata o 4 de xullo de 2021

7. Sortearanse varios lotes de libros entre todos os centros participantes.