Concurso Betanzos en Detalle

Betanzos en Detalle

En febreiro de 2019 celebraremos o octavo centenario do traslado de Betanzos desde Tiobre ao seu actual emprazamento. Con este motivo, conscientes de que o noso Casco Antigo ten un gran interese histórico-artístico, e coa intención de fomentar o seu coñecemento e conservación, o Concello de Betanzos, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE-CCA) e o I.E.S. Francisco Aguiar convocan o concurso

"DETALLES DE OITOCENTOS ANOS",

de acordo coas bases que se poden ler nesta mesma entrada ao premer en ler máis.

Pódese descargar o díptico para participar se se preme na imaxe.

BASES
1. O obxectivo é identificar e localizar, dentro do Casco Histórico de Betanzos, os distintos detalles arquitectónicos que se publicarán ao longo dos seis meses que durará o concurso.

2. Poderán participar todas as persoas que o desexen, independentemente de que residan ou non en Betanzos, e en particular os alumnos e alumnas matriculados/as nos centros escolares de Betanzos no presente curso académico 2018-2019. Están excluídas todas aquelas persoas vinculadas á organización do concurso en calquera das entidades convocantes.

3. Cada mes, entre decembro de 2018 e maio de 2019, exporanse cinco fotografías no xornal "Betanzos e a súa comarca", no taboleiro instalado a tal fin no edificio Liceo e na páxina web do I.E.S. Francisco Aguiar, que recollerán cinco detalles de edificios situados no interior do Casco Histórico. Unha delas irá acompañada dunha pregunta acerca do edificio que haberá que responder buscando información sobre o mesmo. Ao rematar o concurso haberá, polo tanto, un total de trinta fotografías a identificar e seis preguntas a responder.

4. Cada participante recibirá unha folla de participación, que pode recoller nos comercios colaboradores, no edificio Liceo ou no vestíbulo do I.E.S. Francisco Aguiar, na que deberá localizar, coa máxima precisión posible (rúa, número...), os detalles que se publicarán cada mes. Disporá, así mesmo, dun plano do Casco Histórico no que irá situando os trinta puntos a identificar.

5. Cando se publiquen as últimas cinco fotografías, na primeira semana de maio, os concursantes deberán depositar a folla de participación coas respostas e os seus datos de contacto nas urnas que se colocarán no edificio Liceo e no vestíbulo do IES Francisco Aguiar entre os días 20 e 24 de maio de 2019. O prazo para entregar as follas de participación rematará ás 14,00 h do venres, 24 de maio.

6. Establécense dúas categorías de participación:
    a) Alumnado dos centros educativos de Betanzos.
    b) Público en xeral.

7. Concederanse un premio final para cada categoría, consistentes en:
    - Categoría a): unha tablet.
    - Categoría b): un Acebecheque por valor de 100 €.

8. Proclamaranse como gañadores os concursantes que consigan identificar os trinta detalles propostos e respondan correctamente ás seis preguntas. Se hai varios participantes que completen o obxectivo, os premios outorgaranse por sorteo. En caso de que ningún participante consiga identificar os trinta exemplos e responder as seis preguntas, considerarase vencedor/a quen consiga maior número de acertos. En caso de empates, os premios outorgaranse por sorteo.

9. Os premiados autorizan aos organizadores para utilizar publicamente o seu nome e imaxe en medios de comunicación, redes sociais e calquera outro soporte divulgativo relacionado co concurso.

10. Para solucionar calquera dúbida que poida ocasionar a interpretación destas bases ou efectuar o sorteo se fose necesario, constitúese un xurado formado por un membro de cada unha das entidades convocantes. A composición deste xurado farase pública no xornal "Betanzos e a súa comarca" e nas páxinas web do Concello e do I.E.S. Francisco Aguiar.

11. A resolución do concurso, coa proclamación de vencedores, publicarase simultaneamente no número de xuño do xornal "Betanzos e a súa comarca" e nas páxinas web do Concello e do I.E.S. Francisco Aguiar.

12. Conforme ao previsto no Regulamento Europeo de Protección de Datos de Carácter Persoal, os datos facilitados polos concursantes serán incorporados a un ficheiro que se utilizará única e exclusivamente aos efectos previstos neste concurso; en ningún caso se facilitará este ficheiro a ningunha entidade para uso distinto, e será destruído unha vez fallado e resolto o concurso. Os concursantes poden revogar o seu consentimento para o tratamento dos seus datos en calquera momento, así como exercitar os seus dereitos de acceso, cancelación, esquecemento, rectificación, limitación, portabilidade e oposición a través do correo electrónico ies.francisco.aguiar@edu.xunta.es. Así mesmo, os concursantes teñen o dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos ou autoridade de control correspondente no caso de tratamento inadecuado dos seus datos persoais.

13. A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases.