Eventos
Lun | ||
---|---|---|
Start: 08/03/2021 18:36
CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS E TAMÉN AOS ANDEIS DA NOSA BIBLIOTECA O último libro publicado por Óscar García Ramos do que reproducimos, como xogada de apertura, un soneto, e a introdución na que Xosé Luís Mosquera Camba prevé ao lector sobre o risco inmediato de xaque mate.
ÓSCAR GARCÍA RAMOS, Trovei pra ti um soneto, Urutau, Poio, 2020, 58 páxinas.
NUNHA AULA EN SILENCIO
A toda/os as profes que non
Roubándolle as eclipses aos paxaros nas glotes numeradas acontece silencio de cronopios que ofrece heurísticas leccións de desamparo
Levando a autoridade como faro debullan taxonómicas sandeces declina ‘orixinal’ quiñentas veces curiosidade rima con descaro
Fanada escuma das metamorfoses liturxia dos letargos alitera performance do silencio en esclerose
que soños e devezos eviscera No lombo da silenciosa necrose o verbo non ganduxa xa quimeras
Sonetos. En aparencia unha sinxela arquitectura a base de hendecasílabos. Hendecasílabos? Agora entendo ben o que significa meterse en camisa de once varas! Agora comprendo que dicir sonetos é o mesmo que dicir física cuántica, estar vivo e morto ao mesmo tempo, simultáneamente subir e baixar a escaleira. Que sibilino Óscar García Ramos! Non é un poeta, non, é máis do que iso: un xadrecista poeta!!! E tardei en compréndelo, ou sexa, tardei máis do debido e non tiven xa escapatoria. Cando quixen remexerme xa me tiña atrapado no seu taboleiro de sonetor en posición de xaque mate. É por isto que o que aquí escribo, caro lector, vén sendo unha advertencia. Atención pois con este autor que se nos achega sen sentilo e nos musita case sen querer, cunha súa expresión de tímido atrevemento, algo tan indecente como “Trovei pra ti un soneto”. Xa non tes nada que facer, xa es o gato metido na caixa. Cos seus cuartetos (ou sirventeses) e tercetos vai tramando pouco a pouco a súa orixinal visión poética, un seu universo que vai expandíndose case imperceptibelmente con ese ritmo repetitivo ABBA etc., coas súas sutilezas ou pequeñas variacións, con constancia, con paciencia. Para que présas! Total xa estamos mortos (maldito e bendito Óscar!). E si, aquí estou eu definitivamente derrotado intentando escribir sobre cousas das que nada sei porque non sabía que non sabía nada délas. Non sabía que nada sabía de sonetos (sonetor) nin sabía que nada sabía de xadrez e, moito peor, non sabía que Óscar quería que eu escribise aquí precisamente por iso, porque el si sabía que eu nada sabía. En fin, puro Schrodinger, e se non, puro Cheshire, e, en último caso, gato galego e punto. Tardei en ver o taboleiro, as pezas, os movementos, o xogador... Cego! Pero aínda así non era escusa, tamén Borges, e que ben viu. Os sonetos de Borges, o seu xadrez de hendecasílabos. E entón —xa vos dixen, era tarde!— comecei a entender: a Maga, os seus movementos de cabalo de xadrez, de torre (Cortázar dixit); Pizarnik, dispoñendo os días como fronte a un taboleiro de xadrez; por que non tamén esa partida mar xista, esa loita de contrarios (brancas e negras)? Por que non, radicalmente, esa partida definitiva entre a presenza e a ausencia, entre a vida e a morte? XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA |