Skip to Content

EFECTO DOMINÓ. Videoclip gañador Concurso 25N. Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Por segunda vez, o noso centro educativo celebra con orgullo o éxito de gañar o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este prestixioso certame, convocado pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, recoñece a creatividade e o compromiso do alumnado para loitar contra esta problemática social.

O noso videoclip Efecto Dominó é unha creación colectiva que pon o foco na violencia machista exercida no ámbito dixital, desde o ciberacoso ata a difusión de contidos privados. A peza creada e interpretada por alumnado de 2º Ciclo Superior de Administración e Finanzas, (Sharay Caamaño, Iván Fraga, Carla López, Nerea Ozón, Óscar Pereira, Brais Rodríguez, Oscar Santos) e de 2º de Bacharelato (Itzel Walche) e coordinados pola docente Mª José ( Cheché) Pampín, inclúe unha potente canción de rap interpretada para dar forza e emoción a unha mensaxe clara: romper o efecto dominó da violencia de xénero.

A narrativa visual combina escenas cotiás con imaxes simbólicas, como teléfonos móbiles caendo como fichas de dominó, representando o impacto continuo das redes sociais. Estas escenas reflexionan sobre o papel de cada persoa na propagación ou na interrupción desta cadea de dor e opresión. O traballo culmina cun chamamento colectivo: "Ao efecto dominó da violencia machista, eliminemos a ficha".

Revalidar este premio na modalidade audiovisual por segunda vez subliña o compromiso do noso centro coa igualdade e a educación en valores. O éxito de Efecto Dominó demostra que a combinación de talento, arte e conciencia pode ser unha poderosa ferramenta para inspirar cambios positivos na nosa sociedade.

A entrega de premios será o día 21 de Novembro en Santiago a onde acudirá o alumnado acompañado da coordinadora do proxecto e da directora do centro.

LIGAZÓN Á PEZA GAÑADORA pinchando na foto de arriba ou no enlace.

LIGAZÓN Á RESOLUCIÓN

ENREDAD@S.

O pasado martes 12 de novembro, o noso alumnado de 1º e 2º da ESO participou no obradoiro Enredad@s da man de Adrián López Agra, no que se lle ofereceron ferramentas para un uso responsable da tecnoloxía e as redes sociais de xeito que sexan quenes de xestionar o seu benestar dixital e evitar a adicción tecnolóxica.

 

Moitas grazas Adrián.

OBRADOIRO "CONECTANDO CO MEU CICLO". ASOCIACIÓN VISIBLES

Esta semana o noso alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, participou, da man de Olalla Trigo da Asociación Visibles, en colaboración coa Deputación de A Coruña, nos obradoiros " Conectando co meu ciclo".

 

Durante as sesións abordamos temas imprescindibles como o ciclo menstrual e os cambios propios da adolescencia, realidades que seguen a ser tabú en moitas aulas e ás que moitas persoas adolescentes se enfrontan en soidade e con desinformación.

MAGOSTO 24-25

Este ano, o noso centro celebrou un Magosto moi especial, no que o protagonismo estivo na celebración sostible, o respecto pola tradición e, por suposto,a convivencia da comunidade escolar.

 

A festa estivo marcada polo reparto de castañas asadas, un clásico que nunca pode faltar, acompañadas de chocolate quente, ideal para un día de outono. Todos puideron saborear estes produtos locais de tempada, fomentando así o consumo responsable e de proximidade.

Para reducir o impacto ambiental, todos os materiais e elementos empregados foron reutilizables ou biodegradables como a preparación dos cornetes para as castañas, elaborados con papel de xornais antigos, perfectos para esta celebración tradicional. Ademais, cada un trouxo a súa propia taza da casa para o chocolate quente, evitando así o uso de vasos desbotables.

O Magosto tamén incluíu música galega, combinando pezas tradicionais e temas de artistas galegos actuais, que encheron o espazo de enerxía e identidade cultural. Ademais, organizáronse diversos xogos populares que fixeron que o alumnado gozase dunha xornada entretida e participativa. Un dos grandes éxitos foi o xadrez, que atraeu a moitos estudantes, amosando o interese que esperta este xogo de estratexia e reflexión entre a comunidade escolar.

Foi unha xornada de convivencia e desfrute en comunidade, na que non só nos achegamos á tradición, senón que tamén reforzamos o noso compromiso coa sostibilidade. Grazas ao esforzo e colaboración de alumnado, profesorado e persoal, o Magosto deste ano foi todo un éxito, demostrando que é posible celebrar e coidar o planeta ao mesmo tempo.

AULA DE EMPRENDEMENTO. VISITA JIMSPORTS

Dentro das diversas actuacións levada a cabo  no marco do programa Aulas de Emprendemento, no que participa un ano máis o noso centro educativo, destacan as visitas a empresas da nosa comunidade. Un exemplo foi a visita realizada o pasado mércores 6 de novembro polo alumnado de 2º de Ciclo Medio de Xestión Administrativa e de 2º de Ciclo Superior de Administración e Finanzas ás instalacións do grupo JIMSPORTS.

O grupo JIMSPORTS, situado en Palas de Rei (Lugo), é unha empresa galega líder no sector de material deportivo e equipamento para actividades físicas. Fundada en 2006, JIMSPORTS distribúe unha ampla gama de produtos, desde material para ximnasios e instalacións deportivas ata roupa deportiva e complementos. Ademais, esta empresa é todo un referente do emprendemento no rural galego, demostrando que é posible desenvolver un proxecto empresarial sólido e competitivo desde o medio rural.

A compañía destaca polo seu compromiso coa innovación, a calidade e a responsabilidade social, así como polo seu impulso á produción local e sostible. Esta visita permitiu ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento interno dunha empresa deste calibre, observar os seus procesos de produción e distribución, e comprender mellor a realidade empresarial e as oportunidades de emprendemento no rural da nosa comunidade.

Moitas grazas a todo o persoal de JIMSPORTS pola súa marabillosa acollida.

SAMAÍN 2024

Un ano máis, na nosa biblioteca, grazas ao traballo do EDLG e do grupo de Teatro Tuéjele, sementouse o terror co gallo do Samaín.

Durante a mañá do 30 de outubro, a maxistral interpretación de diferentes relatos de terror por parte do noso grupo de teatro fixo desfrutar ao alumnado e profesorado do centro, tales como A vendedora de mistos, O violín da bruxa, O gato negro e o O reloxo. Non podemos pasar por alto a marabillosa decoración e o atrezzo empregado para a ocasión. É importante destacar que este proxecto é sostible, xa que se reutilizou decoración e material doutros eventos, reducindo así o impacto ambiental.

Salientar tamén que este tipo de actividades, así como outras que se desenvolven no centro, xiran en torno a valores fundamentais como a inclusión e a convivencia, contribuíndo á mellora da calidade educativa e promovendo un ambiente respectuoso e participativo.

GALERIA DE FOTOS

Premios Académicos Fernando Blanco

Este vernes 25 celebrouse un dos actos máis emotivos que teñen lugar no centro, o acto de entrega dos Premios Académicos Fernando Blanco, organizado pola Fundación que leva o seu nome en colaboración co centro educativo. Estes premios están patrocinados por empresas da zona comprometidas coa educación e a cultura. Para estes patrocinadores vai o primeiro agradecemento. Pero como non, os principais protragonistas son o alumnado premiado, que acoden ao acto acompañados da súa familia e amizades. 

O acto estivo presentado polo secretario da Fundación, Darío Areas e as persoas encargadas dos discursos foron, por suposto o mesmo Darío no nome da Fundación, a directora Sonia López no nome da comunidade educativa, o alumnado e a alcladesa de Cee que foi a encargada de pechar o acto.

 

En prensa:

Emotiva entrega dos XIII Premios Académicos Fernando Blanco

Cee agranda su excelencia académica

Alumnado sobresaínte no IES Fernando Blanco

Acto de presentación da talla elaborada coa madeira do abeto grego

Este xoves 17 de outubro, data na que fixo un ano que o temporal tumbou a árbore senlleira do xardín do instituto, presentouse no salón de actos do centro a talla elaborado polo compañeiro exprofesor de tecnoloxía no centro educativo, Manolo Canosa.

A fermosa talla está estruturada en tres chanzos indicando o autor no acto de presentación o que significaría cada un deles:

o primeiro acolle un rapaz cunha maleta, que simbolizaría o neno, Fernando Blanco, cando emigrou a Cuba onde se decatou da importancia da educación e da cultura como desenvolvemento para a vida. No segundo, un libro e unha pluma que simbolizan o esforzo dese mozo para formarse e conquerir as súas metas e no terceiro aparce o edificio do IES Fernando Blanco, como o seu soño feito realidade querendo dotar ao seu pobo dun centro de ensino.

O centro educativo agradece profundamente a Manolo este marabilloso traballo e á Fundación o feito de elixir o centro educativo o espazo onde se colocará a talla en lembranza da árbore centenaria.

 

En prensa:

O abeto grego da Fundación Fernando Blanco resucitou en forma de talla. Diario Que pasa na costa

El abeto griego del IES Fernando Blanco renace en una talla de Manuel Canosa. Diario de Bergantiños

O soño de Fernando Blanco inmortalizado nunha talla. O correo galego

La madera del abeto griego del Fernando Blanco es ahora un homenaje a la emigración y a la educación

Presentación da talla elaborada coa madeira do abeto grego

O 17 de outubro fai un ano que o temporal tirou o emblemático e centenario abeto grego, unha das árbores máis senlleiras do xardín do IES Fernando Blanco.

Unha vez acordado a que se adicaría a madeira da centenaria árbore un dos retos que nos presentamos era a elaboración dunha talla coa súa madeira e conseguímolo. O noso compañeiro Manolo Canosa Santamaría, moitos anos profesor de tecnoloxía do centro educativo, comprometíaser a intentar facer algo representativo e que puidera lembrarnos o centenario abeto e así o conseguiu en menos dun ano.

Este xoves 17 de outubro presentarase no salón de actos do instituto a talla elaborada coa madeira do abeto, acto ao que estades todas e todos convidados.

Taller Regueifando en Igualdade

A comunidade educativa do IES Fernando Blanco non pode estar máis contenta pola acollida que tiveron os talleres Regueifando en Igualdade coa regueifeira profesional Lupe Blanco.

Onte, martes 15 de outubro o alumnado de FP básica e o de 2º ESO foron afortunados ao contar con un taller de regueifas onde elaboraron as súas propias coplas e cantaron pola igualdade. Os versos que fixeron están cheos de emocións e coas rimas indicadas pola marabillosa profesional da regueifa.

Para rematar a xornada tivemos a visita da Subdelegada do goberno, María Rivas acompañada pola xefa da unidade de violencia sobre a muller, Manuela Vilaboy, a alcaldesa de Cee Margot Lamela e a concelleira delegada de servizos sociais, benestar e igualdade Emilia Trillo.

Aproveitamos a visita para ensinarlle o centro e asinar no libro de sinaturas que se usa dende o 1905 e que dende onte conta con unha sinatura a modo de regueifa.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut