video
O vindeiro martes 15 de outubro o noso alumnado de 2º ESO e de FP Básica participarán nun obradoiro de regueifas da man da regueifeira, Lupe Blanco, pola igualdade, dentro dun extenso programa de actividades co gallo do 25N, promovidas pola Subdelegación do Goberno na Coruña tal como foron presentadas na rolda de prensa do pasado venres 11 de outubro.
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na sede da Subdelegación, presentou o inicio dos talleres “Regueifando en Igualdade” destinados a promover a igualdade entre os mozos e as mozas mediante as regueifas. Estes talleres desenvolveranse en tres centros educativos: o IES Adormideras da Coruña, o IES Punta Candieira de Cedeira e no noso centro, o IES Fernando Blanco .
Ao acto asistiron a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa. Tamén estiveron presentes os representantes das direccións dos tres centros educativos participantes no proxecto. A subdelegada do goberno estivo acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Coruña, Manuela Vilaboy.
O obxectivo da actividade é que o alumnado traballe coa regueifeira conceptos relacionados igualdade entre mulleres e homes a través da música tradicional galega con todo o que implica a nivel pedagóxico, creando e afianzando un proceso de participación social e hábitos de divertimento asociados á nosa lingua e cultura, contribuido a desenvolver destrezas vinculadas coas competencias clave
Na prensa
Presentación dos talleres na Subdelegación do goberno
Regueifando en igualdade chegará a institutos da provincia da Coruña